Xaneiro de 2012
 
 

30/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
 

Os interinos de Catalunya traballarán menos e cobrarán menos, os empregados púclicos de Madrid e Euskadi cobrarán menos se están de baixa

As políticas de axuste na administración pública non se ceban só na prestación de servizos, os traballadores e traballadoras tamén nos veremos afectados, cada día máis, polos recortes que se aplican e os que están previstos para seren aplicados. Como mostra o que sucede noutras administracións autonómicas, agora son Catalunya, Euskadi e Madrid, se non facemos nada pronto chegarán aquí.

 

  •  

    Os Gobernos autonómicos de Madrid e País Vasco son os primeiros que decidiron recortar o gasto que destinan cada ano a sufragar os salarios dos empregados públicos que se encontran de baixa por incapacidade temporal (IT).
     
    Ata agora, os traballadores do sector público da maior parte das comunidades autónomas percibían un complemento equivalente ao 100% do seu salario cando se encontraban de baixa por enfermidade común ou accidente non laboral. Eran os Gobernos autonómicos (segundo sexa o réxime ao que pertenzan) os encargados de retribuírlles ese diñeiro. Pois ben, en Madrid dende o pasado 1 de xaneiro e no País Vasco dende a segunda semana deste mes este sistema cambiou. Ambas as dúas Administracións admiten que a medida se enmarca nos plans de axuste que puxeron en marcha para conter o déficit, pero tamén xustifican que se debe ás elevadas cifras de absentismo que existen entre os empregados públicos (con esta última escusa inténtase xustificar a medida a nivel interno, da administración, ao mesmo tempo axúdalles a que sexa aplaudida por unha parte da sociedade ávida de que se apliquen medidas restritivas contra os traballadores/as da administración pública)
     
    Así, a partir de agora, os empregados públicos vascos que se dean de baixa por enfermidade común ou accidente non laboral cobrarán en función de novas normas. Exclúense destes recortes as baixas por maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e lactación, hospitalización, intervención cirúrxica e accidentes laborais.
     
    En primeiro lugar, deberán achegar o parte médico dende o primeiro día da baixa e non a partir do cuarto como acontecía ata agora. Dende o primeiro día ao terceiro día de baixa aboarase o 50% das retribucións cando se trate da primeira baixa do exercicio, e o 40% na segunda. Para baixas posteriores, o complemento será a partir do cuarto día, polo que nos tres primeiros os descontos son substanciais (de ata un 40%). Dende o cuarto día ata o vixésimo aboarase un complemento ata alcanzar o 75% das retribucións. A partir do día 21 ata o 44 aboarase o 85% e será a partir do día 45 cando se abone o 100%. Con isto preténdese penalizar as baixas curtas e que cobren menos os que máis baixas collen no ano.
     
    En Madrid, pola contra, non se discrimina entre aqueles que non adoitan enfermar e os que si o fan. Para o persoal laboral, o complemento aboarase a partir do cuarto día ata o 20, pero só será do 60% da base reguladora e a partir de 21 días ata o fin da prestación será o 75%. Para os funcionarios a perda de complementos será efectiva a partir do terceiro mes e un día, cando cobrarán o 75%.
     
    As cifras
     
    28 millóns é o aforro que quere obter Euskadi con este réxime de pagamento das baixas. Entre 20 e 25 prevé aforrar Madrid.
     
    Cataluña reducirá un 15% a xornada e o soldo dos seus 7.000 interinos
     
    A medida terá, segundo a administración, unha vixencia "temporal" e aplicarase tras publicarse no Diario Oficial da Generalitat de Cataluña a lei de acompañamento dos presupostos.
     
    O Goberno catalán reducirá este ano un 15% do salario e da xornada laboral dos 7.103 interinos que traballan na Generalitat en ámbitos administrativos e técnicos, segundo avanzou o pasado xoves o vicepresidente, Joana Ortega (UDC).
     
    En comparecencia no Parlament catalán, Ortega xustificou a medida para garantir a "sostibilidade" do sistema, e admitiu que a decisión se adoptará sen chegar a un acordo cos sindicatos da función pública.
     
    Quedan excluídos os interinos que traballen en bombeiros, axentes rurais, veterinarios de matadoiro e servizos penitenciarios.
     
    O vicepresidente non precisou cantos anos se prolongará a redución de xornada e soldo, e fontes de Gobernación aseguraron que con esta medida a Generalitat aforrará 32 millóns de euros en 2012.
     
    A reforma materializarase rexistrando unha emenda á lei de acompañamento que se está a tramitar no Parlamento catalán e que, con toda probabilidade, se aprobará grazas ao 'si' ou a abstención do PP.
     
    Esta redución implicará, aproximadamente, que os interinos afectados traballen unha hora menos ao día, e os primeiros efectos en salario notaranos na nómina de marzo.
     
    Ao afectar só a funcionarios administrativos e técnicos, Ortega recalcou que a medida non afectará nin a mossos, nin a profesores e nin a profesionais da sanidade.
     
    Catalunya recortará 180 millóns a retribución docente
     
    O Ensino catalán anunciou un recorte nos soldos co fin de crear políticas educativas
     
    La conselleira de Ensino da Generalitat de Cataluña, Irene Rigau, anunciou un recorte de 180 millóns de euros nas retribucións de persoal, cantidade que dedicará a crear “políticas educativas”.
     
    Na presentación dos presupostos na comisión de Educación do Parlament, Rigau explicou que as retribucións de persoal pasarán dos 2.965,6 millóns actuais a 2.785,6, unha vez aprobadas as leis de presupostos e as medidas fiscais e financeiras
     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript