Un non tamén desde
a Universidade
Os distintos niveis educativos non son
compartimentos estancos, senón que obedecen á progresión e á
evolución natural do individuo. A primeira socialización, o
estímulo das destrezas básicas, o desenvolvemento afectivo,
físico e intelectual, a comprensión de conceptos, o espertar
de vocacións, a formación de cidadáns críticos coñecedores
dos seus dereitos e dos seus deberes... son só algúns dos
obxectivos do sistema educativo cuxo último chanzo é para
moitos casos o sistema universitario coa súa encomenda de
preparar os futuros profesionais. É por iso polo que
calquera cambio ou modificación que se producir nos estadios
anteriores ten consecuencias e repercusións na universidade.
Tamén se eses cambios ou modificacións teñen como obxecto a
lingua galega, símbolo de identidade e asemade vehículo de
comunicación e transmisión de coñecementos sobre o cal
asistimos estas semanas á primeira tentativa auspiciada
desde un goberno galego de lle restar –vía decreto– á lingua
propia de Galicia dereitos e presenza no ensino
non-universitario contravindo así as disposicións e o
espírito recollidos na Constitución, no Estatuto de
autonomía, na Lei de normalización lingüística e no Plan
xeral de normalización da lingua galega, este último que sen
ser unha disposición legal si é o documento técnico,
aprobado no Parlamento galego no ano 2004 por unanimidade,
cuxa elaboración obedecía á necesidade de dispormos unha
folla da ruta que guíase o proceso de normalización
lingüística nos vindeiros anos.
Quere isto dicir
que nun xesto insólito e premeditado o goberno galego
disponse a lexislar en contra da lingua galega, a lle
reducir espazos e presenza e a sementar ao redor dela
prexuízos e estigmas de antano. Non esquezamos que o do
ensino é un sinal máis de desprezo cara ao propio que en
menos dun ano de goberno leva emitido o PP (antes foi a
función pública, o abandono das seleccións deportivas
galegas e de proxectos como o Culturgal, a retirada do apoio
ás traducións de obras estranxeiras etc etc). A novidade
agora veñen dadas polas mal chamadas, Bases para
elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non
universitario de Galicia.
Son moitas as tachas técnicas que desde a
comunidade docente, e non só desde ela, se lle están a
sinalar. Vexamos algunhas delas:
- o desprezo mostrado cara á
profesionalidade e ao criterio técnico de docentes e
pedagogos ao someter, en nome da liberdade, unha cuestión de
tal relevancia como é a lingua vehicular de certas materias
a referendos periódicos en que os pais e as nais deciden. O
goberno no canto de gobernar e decidir, omite as súas
funcións e trasládalles aos centros e ás familias un
conflito. Transmítese abertamente que hai materias de
primeira e segunda categoría e vólvese irresponsablemente
situar a lingua galega no terreo dos prexuízos acerca da súa
valía para o mundo actual. Temos un goberno que desgoberna!!
- a supresión do termo “normalización”
(cabe pensar que desaparece como obxectivo estratéxico para
o conxunto do país?).
- en realidade, unha análise polo miúdo
das Bases revelan
que non fica garantida a adquisición de competencias plenas
en lingua galega, como xa estaba acontecer até agora e así
fora detectado. De aí que no 2007 se elaborase un novo
decreto que a penas puido ser posto en marcha e moito menos
aínda avaliado. Só dous anos despois o PP para pagar réditos
electorais disponse a derrogalo para tentar satisfacer –non
o consegue pois as bases presentadas non convencen a ninguén–
grupos minoritarios urbanos.
- a desprotección da lingua galega nas
etapas de infantil.
- o cinismo, a perversión e a hipocrisía
con que se empregan algúns dos termos básicos que as
inspiran, caso do “plurilingüismo” ou “equilibrio”.
Abracadabrantemente colócase o galego, o castelán e o inglés
(convertido este último en lingua cooficial) en pé de
igualdade como lingua vehicular de coñecementos sen que se
establezan medidas nin planificación ningunha de como se vai
levar a cabo tal introdución da lingua inglesa ao tempo que
se recoñece que non se dispón de profesorado competente.
Convértese a redución da presenza da lingua galega nunha
escusa para introducir o inglés, ou dito noutras palabras, o
galego estorba e ten que ceder espazo. Lembremos, así mesmo,
que o mesmo goberno que enxalza as bondades do coñecemento
de varias linguas (en particular do inglés) é o mesmo que
atacou as escolas oficiais de idiomas.
Desde o punto de vista das universidade
as bases presentadas non poden ir máis en contra de moitos
dos compromisos que a universidade galega ten asumidos e
recoñecidos estatutariamente. Supoñen un ataque ao
compromiso destas co fomento do seu uso e co desenvolvemento
da nosa identidade cultural. Os estudos dispoñibles son
inequívocos ao revelaren que unha parte importante do
alumnado que accede á universidade faino con menores
competencias en lingua galega ca en castelán e de aí a
progresividade que até o de agora marcara a presenza da
lingua galega no ensino. Dificilmente se vai conseguir
mellorar esta situación se se lle restan oportunidades á
lingua galega.
Do mesmo modo as
Bases supoñen un flagrante retroceso no que respecta á consideración
da lingua galega e á súa idoneidade para vehicular o
coñecemento e a innovación. Estando como estamos no ámbito
do saber especializado, da investigación e da transmisión de
coñecementos científicos, técnicos e artísticos só se pode
rexeitar de plano que o goberno faga súas as teses dos
sectores galegófobos e volva situar a lingua galega no
debate (falso debate) de se a lingua galega é apta ou non
para a transmisión de certos coñecementos especializados.
Velaí está o bo facer de numerosos docentes e investigadores
que desde hai tempo fixeron da lingua galega a súa lingua de
traballo e comunicación nun verdadeiro exemplo de compromiso
ético e social.