Xaneiro de 2012
 
 

23/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O FROB pon ao descuberto as xubilacións douradas dalgúns políticos

A restrinxida transparencia imposta polo Banco de España aos sete grupos de caixas rescatados con diñeiro público do FROB sacou á luz, por primeira vez, as retribucións dos seus altos directivos e as remuneracións que reciben políticos de distinto signo por ocupar asento nalgún dos seus consellos de administración.

 

  •  

    Postos moi apreciados como lugar de retiro que supoñen, nalgúns casos, toda unha xubilación dourada que pode chegar a alcanzar, como no caso do ex ministro socialista Virgilio Zapatero, conselleiro dominical de Bankia, case os 200.000 euros.
     
    A maior parte dos grupos financeiros rescatados polo Estado difundiron o pasado 31 de decembro o detalle das retribucións dos seus conselleiros para cumprir coa esixencia imposta dende o BdE a aqueles que recibiron 17.000 millóns de euros do FROB para capitalizar os seus balances. Só algunhas excepcións como a de Caja España-Duero e a CAM ocultaron os datos.
     
    Entre os políticos con asento nun destes consellos de Administración destaca Virgilio Zapatero, que en xaneiro de 2010 deixou o reitorado da Universidade de Alcalá de Henares para ocupar un cargo no Consello de Bankia como conselleiro dominical de BFA (Banco Financeiro e de Aforros) por proposta do PSOE ata o 7 de xullo de 2017. Como informou Diario de Alcalá, o ex ministro non ten un soldo como membro do Consello pero percibiu en 2011 un total de 61.000 euros en dietas e outros 15.000 pola súa pertenza a comisións do Consello. Zapatero pertence á Comisión Executiva de Bankia e a dúas Comisións de Caja Madrid: Propostas de Obra Social e Investimentos. Asímismo, recibe tamén outras remuneracións por formar parte dos consellos doutras sociedades do grupo ou sociedades participadas. Sumados todos os conceptos, a cifra definitiva chega ata 198.000 euros.
     
    Pero Virgilio Zapatero non é o único nome con traxectoria política sentado nese mesmo Consello, onde comparte mesa con nomes como Antonio Tirado, ex alcalde de Castelló polo PSOE e agora máis próximo ao PP, ou José Antonio Moral Santín, antigo militante do PCPE e proposto por Esquerda Unida de Madrid.
     
    Antonio Tirado é todo un clásico dos consellos de Bancaja e Banco de Valencia, nos que leva máis de 20 anos cunha supervivencia no tempo que é digna de estudo. O actual vicepresidente executivo de Bankia entrou nos órganos de goberno coa fusión de Caja Valencia con Caxa Castelló, da que era presidente. Con anterioridade, foi alcalde de Castelló polo PSOE, partido do que saíu de forma estrepitosa para achegarse, posteriormente, ao PP valenciano. As súas retribucións totais dentro do grupo Bankia alcanzan, pola súa banda, os 182.000 euros. Unha cifra avultada que, non obstante, aínda queda lonxe do que recibe por parte de Bankia outro histórico dos consellos de Caja Madrid, José Antonio Moral Santín.
     
    Este último entrou en 1995 ao Consello de Administración da caixa madrileña como representante de dúas forzas, Esquerda Unida de Madrid e Comisións Obreiras de Madrid, que, a día de hoxe, non saben como desprenderse da súa presenza na entidade pois xa non se senten representados por el. Moral Santín, que antes foi presidente de Telemadrid, recibe 48.000 euros en dietas e outros 35.000 pola súa pertenza a outras comisións do Consello de Bankia. En total, sumadas as súas remuneracións na entidade e noutras empresas do grupo, os seus ingresos ascenden ata os 278.000 euros.
     
    Por outro lado, Agustín González, presidente de Caja de Ávila, integrada tamén en Bankia, percibiu en 2011 un total de 224.094 euros do grupo e da entidade de aforros abulense en concepto de dietas e retribucións. González, que á súa vez é presidente da Deputación de Ávila e alcalde Del barco de Ávila, recibiu 9.570 euros en retribucións de Caja Ávila e 124.074 por parte do Banco Financeiro e de Aforros. Deles, 117.074 son dietas e 25.000 proveñen da súa pertenza a comisións do consello.
     
    Un senador do PP oculta os datos
     
    Algúns políticos, non obstante, negáronse a facer públicos os seus ingresos nos consellos acolléndose á normativa de protección de datos. É o caso, por exemplo, do senador do PP por Segovia, Javier Santamaría, que foi obxecto de críticas por non desvelar a remuneración que recibe por parte de Caja Segovia, outra das caixas que integran o BFA, a matriz de Bankia.
     
    Ex alcaldes, ex consejeros…
     
    Pero a presenza de políticos non é, nin moito menos, algo que só afecte ao grupo que preside Rodrigo Rato. O actual ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, foi ata o seu nomeamento membro do consello de Banco Mare Nostrum (BMN), grupo do que recibiu unha retribución en 2011 de 65.000 euros. Nese mesmo consello séntase tamén Antonio Jara Andréu, presidente de Caja Granada dende febreiro de 2010 e alcalde de Granada entre 1979 e 1991 polo PSOE. Jara recibiu unha retribución total en 2011 de 278.000 euros (245.000 do Consello de Administración de BMN e outros 33.000 en dietas da CECA, Caser e Caja Granada).
     
    José Antonio Asiáin, presidente de Caixa Navarra e ex vicepresidente do Goberno foral entre 1984 e 1991, recibiu, pola súa banda, 71.600 euros da caixa navarra e outros 81.700 de Banca Cívica. A este grupo pertence tamén, como membro do seu Consello de Administración, Rafael Cortés Elvira, que foi secretario de Estado para o Deporte entre 1995 e 1996 co PSOE no Goberno.
     
    O Consello de Novocaixagalicia, pola súa banda, está integrado nun 27% por membros pertencentes aos grupos políticos de PSOE (3), BNG (2) e PP (1): son sete dos seus 22 vogais. Todos eles recibiron unha media de entre 26.000 e 36.000 euros da entidade. Entre eles destaca a recén elixida senadora do PSOE por Pontevedra, María Ángeles Marra Domínguez, que recibiu 28.000 euros en dietas.
     
    O requirimento dunha maior transparencia por parte do Banco de España ás caixas rescatadas foi imposto despois de que algunhas das indemnizacións concedidas por determinadas caixas aos seus directivos causen rubor en boa parte da cidadanía. Un dos casos máis soados foi o protagonizado polo ex alcalde socialista de León e anterior vicepresidente de Caja España, Francisco Fernández, que obtivo, aos seus 56 anos, unha prexubilación dourada da entidade. Recibiu preto de 520.000 euros ao beneficiarse das vantaxosas condicións pactadas entre a entidade e a maioría dos sindicatos para os 825 traballadores incluídos no ERE da fusión con Caja Duero.

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript