Xaneiro de 2012
 
 

23/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O salario mínimo do Estado, á cola de Europa e cada vez máis lonxe da media

Unha das primeiras medidas do Goberno do Partido Popular consistiu en conxelar o Salario Mínimo Interprofesional en España, que quedou situado para 2012 nos mesmos 641 euros de 2011. A cifra afástanos aínda máis dos demais países europeos de primeiro nivel.

 

  •  

    O salario mínimo é unha das variables económicas que mellor esbozan, nunha soa cifra, a verdadeira cara dun país: canto gañan os seus traballadores, como é o seu mercado laboral, ata onde puido chegar o desenvolvemento de toda a economía.
     
    Entón, que din do Estado os 641,40 euros mensuais que establece a nosa normativa? Que aínda estamos moi lonxe de Europa en tantas cousas... e que o imos estar durante moito tempo.
     
    Para empezar, a cifra de 2012 é a mesma que a de 2011, despois de que o novo Goberno decidise conxelar a cifra no Consello de Ministros do 30 de decembro. O número real, en calquera caso, é de 8.979,60 euros ao ano.
     
    Esta é a cifra que recolle Eurostat para facer as comparacións oficiais (ver gráfico) e que, no caso do Estado sempre presenta cuns 100 euros máis da cifra oficial porque se divide o número global entre 12 pagas para homoxeneizar os datos de todos os paises.
     
    Feita esta aclaración, os 748,30 euros de salario mínimo mensual que se aboa aos traballadores nacionais estaría ao nivel de Eslovenia e un pouco por debaixo de Grecia.
     
    As diferenzas empezan a dispararse a partir de aquí. En Estados Unidos cóbrase de base case 941 euros, mentres que en Europa hai seis países por enriba dos 1.000 euros. Onde máis convén traballar, segundo parece, sempre será Luxemburgo, Estado que non dá menos de 1.757 euros ao mes aos seus asalariados.
     
    Non obstante, compararse con Luxemburgo sempre é inxusto dende o punto de vista da estatística económica. Mesmo recordar os 1.138 do Reino Unido ou os 1.400 euros de Francia podería resultar tamén desproporcionado, en atención ao seu peso económico.
     
    Pero, que me din dos tamén 1.400 euros de Bélxica e Holanda? E, mellor aínda, os 1.400 de Irlanda. O Estado español non é que estea por debaixo, senón que paga a metade.
     
    E isto, a fin de contas, non é o peor. Sempre segundo as cifras solicitadas pola oficina estatística da Unión Europea, o Estado español non recortou nada con respecto aos principais países europeos na última década. Máis ben ao contrario: subiu menos que a media o salario propio.
     
    Pasémolo a datos: no ano 2000, o Estado español tiña un SMI de 505 euros, uns 240 menos que en 2012. Nese mesmo período de tempo, só o Reino Unido foi igual de moderado, mentres que en Francia, Holanda ou Bélxica incrementárono en 300 euros e Luxemburgo e Irlanda, en 500.
     
    Aínda así hai quen quere igualar os prezos de alimentos, bens… á media europea.
     

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript