Xaneiro de 2012
 
 

23/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

A presidenta dos reitores advirte de que as universidades non poden apertarse máis o cinto

A presidenta da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), Adelaida de la Rúa, advirte de que os centros universitarios "non poden apertarse máis o cinto" e solicita ao novo Goberno e ás comunidades autónomas que non recorten os orzamentos universitarios se queren que a Universidade española "alcance a excelencia que se lle esixe".

 

  • Nunha entrevista con Europa Press, De la Rúa recoñece que entre os reitores hai "moitísima preocupación" polas decisións dalgunhas comunidades autónomas de reducir o financiamento das súas universidades públicas. "Dinnos que debemos ser máis competitivas e situarnos mellor nos rankings internacionais, pero hai que pensar que se nos recortan os orzamentos non imos poder alcanzar estes obxectivos", asevera.
     
    Aínda que recoñece que na actual situación de crise económica a universidade vai colaborar en todo o necesario, tamén afirma que as administracións teñen que garantir o seu funcionamento básico. Neste sentido, afirma que asumirán recortes se son para un prazo curto de tempo, pero que se se alargan, "a universidade desaparecerá".
     
    "As universidades fomos moi conscientes e rebaixamos todo o que puidemos en gasto corrente, pero non podemos facelo máis. Levamos apertándonos o cinto moito tempo, tentamos utilizar e estirar os recursos que temos o máximo posible, pero non temos moita marxe de manobra", apostila.
     
    Sobre a posibilidade de que as comunidades autónomas aumenten as taxas universitarias para reducir o seu déficit, De la Rúa rexeita esta opción porque suporía "cambiar por completo o concepto da universidade pública española". Así mesmo, avisa de que no momento actual e a "difícil" situación que atravesan as familias, sería unha "contradición en si mesma" aumentar as taxas.
     
    Fronte a esta iniciativa, que puxo en marcha o ano pasado o primeiro ministro británico, David Cameron, a presidenta dos reitores españois aposta por fórmulas que penalicen economicamente ao repetidor, xa que este supón un "gran custo" á sociedade, e premiar ao bo estudante a través de bolsas e axudas ao estudo.
     
    FUGA DE TALENTOS
     
    Ante a ameaza dunha posible 'fuga de talentos' no Estado ante a dificultade que teñen os graduados e investigadores para incorporarse ao mundo laboral, De la Rúa afirma que é un motivo de "preocupación". Aínda que recoñece que a mobilidade é un "valor engadido", tamén afirma que o problema é que os que se van por un tempo non teñan capacidade para regresar.
     
    "É preocupante que invistamos tanto en formar a profesionais cualificados aquí para que logo desenvolvan a súa carreira profesional fóra", subliña, para engadir que o sector empresarial español "debe colaborar" para que isto non ocorra e "debe saber que o bo nivel formativo fai que a empresa sexa máis competitiva".
     
    Sobre o ritmo de implantación do Espazo Europeo de Educación Superior no Estado (EEES), a presidenta da CRUE afirma que "vai ben" e que se está levando con regularidade". No entanto, subliña que supón "un esforzo engadido enorme" para as universidades en canto á dedicación do profesorado e a aplicación de novas tecnoloxías.
     
    "A universidade logrou a implantación do Plan Boloña a custo cero", advirte De la Rúa, non sen aseverar que os recortes aplicados nas universidades en varias comunidades autónomas "influirán, indubidablemente", no ritmo de implantación do modelo universitario europeo.

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript