Xaneiro de 2012
 
 

23/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Morreu Fraga

Todos os medios de comunicación mitifícano e gábano como gran estadista. Esquecen que foi unha parte importantísima do Movemento Nacional que gobernara “España” a base de fusilamentos e tortura, non destacando nada polo seu talante democrático.

 

  •  

    Fraga, dende a súa adolescencia, foi un fascista convencido, afiliándose moi novo á Falanxe Española das JONS, onde empezou a súa carreira política que o levaría a ocupar, en 1951, o cargo de secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica; en 1953, o de secretario xeral do Consello Nacional de Educación; entre 1955 e 1958, o de secretario xeral técnico do Ministerio de Educación; entre 1958 e 1962, o de secretario da Comisión de Asuntos Exteriores das Cortes; e en 1961, o de director do Instituto de Estudos Políticos, ingresando, ademais, no Corpo Diplomático en calidade de conselleiro de Embaixada. Ao mesmo tempo que desempeñaba os cargos citados, foi conselleiro nacional, procurador en Cortes e membro do Consello de Estado. Todo un insuperable carrerón á calor do lume franquista. Non obstante, ata o 10 de xullo de 1962, data en que Franco nomeou o primeiro gabinete da etapa que se coñece como "o desenvolvemento", poucos españoliños, españoliñas e anexionados coñecían a Manuel Fraga Iribarne.
     
    Aquel día Franco nomeouno, nin máis nin menos, que ministro de información e turismo, é dicir o propagandista do réxime, durante os sete anos que ocupou o ministerio deron como froito a infausta Lei de Prensa e Imprenta que permitía o peche de medios pouco afectos e as multas por intuír o desviacionismo das liñas marcadas desde o poder político da época (o "Artigo 2º" posibilitaba considerar calquera cousa como infracción punible, contemplando un extenso abano de sancións administrativas directas -sen necesidade de resolución xudicial-, dende multas económicas ata a clausura do medio que ousara cuestionar o establecido, aínda que fose minimamente). A censura viviu unha das súas mellores épocas durante a súa etapa.
     
    Así chegamos á morte do ditador e ao nomeamento como Xefe de Estado do seu sucesor e ao regreso a primeira liña política do incombustible Fraga, agora convertido nada menos que en vicepresidente para asuntos de Interior e en ministro da Gobernación do último goberno de Carlos Arias Navarro.
     
    Nesta etapa pasou de denegar as manifestacións obreiras do primeiro de maio acuñando na represión ás mobilizacións ilegais que aínda así se realizaban a famosa frase de “la calle es mía”, a exercer unha represión xeneralizada alcanzándose cotas de detencións e tortura non vistas dende os primeiros anos da sublevación franquista (a policía disparaba ao ar e morrían traballadores que se manifestaban nas rúas).
     
    En Vitoria, por exemplo, o 3 de marzo de 1976, a Policía disparou lume real contra unha concentración de traballadores, asasinando dous obreiros e un estudante (posteriormente morrerían dúas persoas máis); en Basauri (Biscaia), resultaría morto Vicente Antón Ferrero o día 8, durante as protestas polos sucesos de Vitoria; e en Montejurra (Navarra), o 9 de maio do mesmo ano, un comandante do Exército, José Luis Marín García-Verde, á fronte -xunto co mesmo presidente do Consello de Estado, Oriol e Urquijo- dun grupo de fascistas, disparou a súa pistola contra os participantes no tradicional Vía Crucis carlista, asasinando Aniano Jiménez Santos e Ricardo García Pellejero.
     

     



     



     



CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript