23/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
SERVIZOS PÚBLICOS. Sempre necesarios
O recente Real Decreto-lei 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público, ten varios aspectos que esixen unha resposta contundente de todos os traballadores/as da administración pública e da cidadanía en xeral, a conxelación salarial o debate sobre a xornada laboral nas Administracións Públicas e a indiscriminada conxelación da oferta de emprego público, aplicada a todas as Administracións, á marxe da situación na que poida atoparse cada unha delas non se pode deixar que pasen de rosiñas.
Para poder chegar a este extremo minimizando os
custos electorais deseñouse unha campaña, que
se ven desenvolvendo desde hai tempo, centrada
en dous aspectos esencialmente, por un lado a
crise económica que “obriga a tomar medidas” e,
por outro lado, no desprestixio xeneralizado do
que é a administración pública e, sobre todo,
dos traballadores/as que, despois da
correspondente oposición, exercemos as nosas
labores nela.
Imos centrarnos no emprego público.
O emprego público, é o sustento, a base, dos
servizos públicos esenciais que atenden a todos
os cidadáns -sanidade, educación, servizos
sociais…- posibilitando o exercicio dos
dereitos da cidadanía.
A este dereito público oponse o interese das
corporacións privadas que ven na Administración
Pública un novo nicho de negocio no que rapiñar
convertendo os dereitos da cidadanía en
mercadoría á que se accede (quen poida) despois
de pasar pola correspondente caixa.
Nunha das charlas ás que fomos estes días sobre
a sanidade pública alguén, desde o público,
dixo que “as institucións públicas non están
sometidas ás regras do mercado, a súa
rendibilidade non se mide en dividendos senón
en niveis de benestar, en satisfacción dos
cidadáns e na seguridade e promoción do
interese xeral. Debilitar as institucións
públicas, e a estrutura laboral e profesional
que asegura o seu funcionamento, é debilitar os
intereses colectivos da sociedade”. Coincidimos
plenamente.
A nosa obriga como traballadores e
traballadoras da Administración Pública e como
cidadáns é defender os dereitos dos que gozamos
pola existencia deses servizos públicos.
Mediante os servizos públicos o estado social e
de dereito fai unha redistribución da riqueza
devolvendo á sociedade o que recada facendo, ao
mesmo tempo, que as clases máis desfavorecidas
teñan acceso aos servizos básicos. Os servizos
públicos e os traballadores/as que os levamos á
práctica somos a base do estado de benestar.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript