23/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Non diga crise, diga estafa
Propón Mark Taibbi en 'Cleptopía' que á crise a chamemos polo seu verdadeiro nome: estafa.
Que deixemos de ver a crise como un
problema económico ou financeiro, e empecemos a
tratalo en términos penais, policiais. Que non
falemos nin sequera de banqueiros e inversores
codiciosos, senón de banqueiros e inversores
criminais. E que non digamos que somos vítimas
da crise, senón dun roubo.
Fago a proba: collo varias frases habituais e
aplícolles o cambio semántico. No canto de “É
a peor crise en décadas”, déixoo en “É a
peor estafa en décadas”. En lugar de “A
crise obriga a medidas dolorosas”, “A
estafa obriga a medidas dolorosas”. E non
digo “A crise esixe reformas”, senón "A
estafa esixe reformas”. Ata ao “contrato
de crise” que se aveciña chámoo “contrato
de estafa”. Pois si que se ven as cousas
doutro xeito co método Taibbi. Con máis
rabia.
O que propón o libro non é un capricho: Taibbi
analiza ao detalle a orixe da crise e demostra
como o mundo financeiro e a política económica
mundial caeron en mans dunha clase delincuente
que buscaba forrarse ao prezo que fose, aínda
que ese prezo incluíse afundir a economía
mundial. A súa denuncia dos manexos de 'Goldman
Sachs' (esa canteira de dirixentes para Estados
Unidos e Europa) é como para presentarse en
comisaría cun exemplar do libro.
Non é o único cambio de vocabulario que propón:
Taibbi escribe sen gardar as formas,
como a súa furia lle dita, e no canto de dicir
“o banqueiro Lloyd Blankfein” prefire
escribir “o gilipollas Blankfein”; ou no
canto de referirse a Greenspan como “o
ex presidente da Reserva Federal” identifícao
como “o maior capullo do universo”. Soa
a desafogo sen máis, pero fagan a proba de
chamar ao seu antollo a algúns dirixentes e
financeiros deste lado do Atlántico, e verán
como tampouco é o mesmo.
Cleptopía describe un mundo financeiro
asimilable á mafia e o narcotráfico, con
gobernantes ao servizo do crime que fixeron de
Estados Unidos, e por extensión do resto do
mundo, un paraíso para ladróns: unha cleptopía.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript