23/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Máis colaboracións.
Léxico do despropósito
Aeromorto: dise do aeroporto onde un responsable político
enterrou millóns de euros dos nosos impostos a pesar de que
o san xuízo indicaba que nunca habería pasaxeiros.
Esperpéntico: dise do espectáculo de ver un político rodeado
dunha multitude de aduladores dicir o divertido que é pasear
polas pistas en espera de que algún día veñan avións.
Desgraza: situación de estar gobernados por uns políticos
que xamais moverán un dedo para crear unha lei que, cando
pase a crise, impida a ningún corrupto ou iluminado
construír unha estrutura megalómana para calmar as súas
ansias catetas, léase aeroporto, cidade da cultura ou
estatua ecuestre. Estado español: países cheos de cidadáns
que cren que estando caladiños van saír todos da crise e no
que os banqueiros seguen enchéndose os petos por facer o
mesmo de sempre, é dicir, convencer a todos de que o mellor
é que paguen sen chiar os de abaixo.
Guerra de clases e indignación popular
O intelectual Stéphane Hessel equivocouse de
verbo. Para indignarse, antes un ten que
espertar. E se as apañan ben para manternos
durmidos, xa que, inmersos como estamos dende
hai tempo nunha guerra mundial de ricos contra
pobres, o que queren é gañala definitivamente.
Tres son, basicamente, as armas que utilizan: o
aborregamento, o empobrecemento e a cultura do
medo. Coa primeira (publicidade...) inhíbese o
pensamento do pobo. Coa segunda (recortes de
todo tipo) debilítallelo. E coa terceira xérase
desconfianza entre as persoas. Así, se o pobo
pensa pouco, é débil e non é capaz de
organizarse e confiar nas persoas, difícil é
que faga sentir a súa voz como sería desexable
e, polo tanto, pouco se pode facer. Se queremos
saír ben parados desta guerra e vivir
dignamente no futuro, aínda estamos a tempo.
Todo depende dunha cousa: das nosas ganas de
durmir!
Enrique Ruano, estudante
Cando se cumpren 43 anos do asasinato de
Enrique Ruano, defenestrado aos seus 21 anos
pola Policía franquista dende o sétimo piso
dunha vivenda da entón denominada rúa Xeneral
Mola, o crime do novo estudante de Dereito, de
gran simbolismo para toda unha xeración,
continúa impune. Aquel 20 de xaneiro de 1969,
Enrique Ruano morreu ao botarse ao baleiro,
segundo a versión dos tres membros da Brigada
Político Social que lle detiveron, corpo
represor ás ordes do daquela ministro de
Información Manuel Fraga Iribarne.
Posteriormente demostrouse que ao cadáver lle
aserraron parte dunha clavícula para ocultar o
probable impacto dunha bala. Malia todo,
aqueles tres policías de tan sinistra brigada
franquista implicados na morte de Ruano
continuaron as súas traxectorias profesionais
unha vez asentada a democracia. É de xustiza
recordar este feito precisamente cando,
ademais, coincide nos días nos que se producen
toda clase de loanzas polo falecemento de Fraga
e se esquecen as máculas que sinalaron boa
parte da vida de tan aplaudido prócer da
dereita española, entre elas a da morte daquel
novo estudante ao que certa xente chamou na
madrugada.
Un novo colonialismo
Temos o costume de escoitar as cousas que din
as persoas importantes, en lugar de escoitar as
cousas importantes que din as persoas. Nestes
días de terrorismo económico, case ninguén está
a utilizar a máis humana das nosas habilidades:
o sentido común. Cando o aumento do interese da
débeda soberana dun país obriga a refinanciar a
débeda a curto ou medio prazo, o que está a ter
lugar é un proceso encubrido de colonialismo
económico á antiga usanza: mediante a creación
dunha crónica e impagable débeda externa. No
Fórum de Barcelona do ano 2004 empezouse a
chamar "débeda indigna" á que se creaba a pesar
de saber que no futuro causaría graves
problemas ao país que a contraía. Hoxe parece
que vivamos unha epidemia de indignidade, cos
estados acudindo aos especuladores financeiros
con tal de ingresar algo de diñeiro extra nas
súas maltreitas arcas.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript