16/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Recortes e alternativas. A saúde é un dereito.
Parece que a palabra “recortes” forma parte do noso mundo diario: escóitase nos informativos, nos faladoiros da radio e televisión, lese nos xornais e ímola incorporando como propia. Dunha forte carga negativa inicial pasou a estar aí, acompañándonos e, agora, algúns non a ven como un inimigo.
Adaptámonos porque en todos os sitios
oímos que os recortes son inevitables, que non
hai alternativas, e ao final corremos o risco
de aceptalo. Recentemente o señor Durão
Barroso, Presidente da Comisión Europea,
afirmaba referíndose á situación na que se
encontraba Grecia: "Non hai alternativas nin
plan B para Grecia. A alternativa é a
catástrofe". Afortunadamente hai moitas persoas
e grupos que nos recordan que iso non é así.
Que hai máis posibilidades. Que non temos
porque aceptar a tristeza, o empobrecemento e a
miseria á que nos quere condenar ese 1% sen
vergonza.
O 15M ou os 15M forman parte desa
reivindicación da felicidade. A Plataforma
defensora da sanidade pública en Galiza, SOS
Sanidade Pública, tamén traballa nesa liña,
reivindicando o dereito á saúde, con xustiza e
igualdade.
No libro Hay Alternativas de Vincenç Navarro,
Juan Torres e Alberto Garzón, na introdución di
que “sabemos que hai alternativas, que se poden
facer outras cousas distintas ás que propoñen a
patronal, os banqueiros, os directivos dos
bancos centrais e os políticos que comparten
con eles a ideoloxía neoliberal…
Nós sabemos que hai alternativas, é dicir, que
se poden facer outro tipo de políticas
simplemente porque iso é o que demostra a
literatura científica”. Quen parece que non
saben executar outra política son os que
gobernan a Xunta, os que gobernaron o Estado na
última lexislatura e os actuais que acaban de
entrar.
RECORTES
Os orzamentos da Consellaría de Sanidade de
2012 xunto con algunha decisión tomada polo
goberno español que cesa, a falta das medidas
que tome agora Rajoy, traen unha serie de
recortes en varios campos:
Cambia a modalidade de pago
das próteses: ata o momento as
próteses son prescritas polos facultativos, o
paciente vai á clínica de próteses e logo a
clínica cobra o que lle corresponda ao paciente
e o resto, ás veces todo, ao Sergas. A partir
de agora, cando remate o convenio actual, o
paciente terá que pagar todo o que vale a
prótese e despois facerlle unha reclamación ao
Sergas, que lle pagará cando sexa, tal como
paga o Sergas aos provedores. Haberá pacientes
que non van poder afrontar o pago inicial e
polo tanto non pedirán a prótese, repercutindo
este RECORTE sobre todo nos pacientes con menos
recursos.
Pago a provedores
mediante a redución de servizos á ciudadanía.
Ambulancias:
redución do transporte programado para
pacientes con problemas de mobilidade, redución
de postos nocturnos de ambulancias do 061 e
redución de persoal obrigatorio nas
ambulancias. Deste xeito, para non subirlle o
pago aos empresarios do transporte, reducen as
obrigas contractuais e reducen os servizos aos
cidadáns, diminuíndo deste xeito o gasto dos
donos das ambulancias. O Sergas paga o mesmo
por menos servizo.
Eliminación da subvención
eléctrica para os pacientes con osixenoterapia
domiciliaria: Actualmente os
pacientes con osíxeno no domicilio reciben 14
euros para o pago da electricidade que gasta o
aparato. O Sergas decidiu eliminar esta
subvención e que estes cartos os cobre a
empresa que fai o subministro de osíxeno. Igual
que coas ambulancias, o Sergas paga o mesmo
reducindo prestacións á cidadanía.
Eliminación de gardas
nocturnas nas farmacias rurais:
Nos Concellos que non teñen PAC as farmacias
non terán obriga de facer garda nocturna.
Como se está reducindo moito a ganancia das
farmacias por decisión da administración, as
que teñen menores ingresos, no rural sen Punto
de Atención Continuada, poderán pechar polas
noites para reducir gastos, pero tamén verán
reducido o servizo os cidadáns destes
concellos.
Cobro de 10 euros por
renovación da tarxeta sanitaria
a partir do 1 de xaneiro de 2012.
Redución do persoal do Sergas:
Case non se substitúe ao persoal, bloquéanse as
axendas dos médicos de cabeceira e as
enfermeiras de atención primaria (deste modo,
cando o médico falta, os seus pacientes non
teñen médico, só poden ser atendidos por
urxencias, creando asemade lista de espera en
atención primaria) e non se van cubrir as
vacantes das xubilacións. A taxa de reposición
foi fixada polo goberno español anterior nun
10% (de cada 10 xubilados só se podería cubrir
1) pero Rajoy avanzou que se baixaría ao 0%. No
período 2010-2013 vanse xubilar 2330
traballadores do Sergas, dos que 712 son
facultativos, e non van ser substituídos por
outros profesionais, o que vai producir un
empeoramento do servizo.
Investimentos: 0.
Financiamento para saúde
mental, atención de drogodependencias ou
colectivos como VIH: ven
reducida de modo moi importante as contías das
subvencións. O que xa estaba mal, os máis
vulnerables, quedan agora en situación máis
precaria se cabe.
Porta aberta ao COPAGO:
O Sergas mete no DOG, pola porta de atrás,
nunha norma que regula as tarifas de prezos,
nunha disposición adicional, a posibilidade de
cobrar aos usuarios por gastos ocasionados polo
uso irresponsable do Sistema Público de Saúde
de Galiza. Din que é para tratar o fraude
sanitario pero non se atreven a levar un
proxecto sobre fraude ao Parlamento, nin a
aclarar que consideran ‘uso irresponsable’ pero
aí queda para o futuro.
O MÁIS GRAVE: A PERDA DO DEREITO Á
ASISTENCIA SANITARIA
A asistencia sanitaria é gratuíta e
universal en España, na teoría, e tamén din así
algunhas leis pero a realidade vivida por
moitas persoas, e coñecida publicamente nestas
últimas semanas, desminte esta afirmación.
O SERGAS desactivou, sen aviso previo (a xente
afectada informouse ao intentar coller nas
farmacias os medicamentos ou ao pedir cita para
o médico), todas as tarxetas sanitarias dos
parados sen prestación de desemprego e remitiu
aos centros de saúde un protocolo de actuación
indicando os trámites que deberían realizar
tanto estas persoas en paro como as
consideradas persoas sen recursos, para poder
acceder á asistencia sanitaria. Mentres se
realizasen os trámites, que podían durar meses,
estas persoas terían dereito a asistencia
sanitaria de urxencias previo compromiso de
pago co Sergas.
Estes feitos en Galiza son unha ilegalidade xa
que a Lei Galega 8/2008 universaliza a atención
sanitaria sen discriminacións de ningún tipo.
Só cando unha das persoas afectadas contou o
seu caso e se fixeron eco os medios de
comunicación estatais, tiveron que recuar.
Nese momento tanto Feijoo como Farjas empezaron
por botarlle a culpa ao INSS e, finalmente,
ante a resposta do propio INSS, falaron de
descoordinación. En ningún momento pediron
desculpas e non se coñece ata o momento
ningunha dimisión por semellante incompetencia
de xestión e política.
Despois destes incumprimentos e despropósitos,
e de todas as críticas recibidas pola Xunta,
cal é a situación neste momento?.
A Xunta dá marcha atrás e:
Para os cidadáns e cidadás con tarxeta
sanitaria galega que sufriron a
“desactivación” da mesma, a Consellaría de
Sanidade garántelles toda a asistencia
sanitaria no ámbito galego, a través da
asignación dun novo código denominado
“Residencia en Galicia”.
Estas persoas non teñen garantida a asistencia
sanitaria no resto do Estado.
Cidadáns e cidadás que solicitan a tarxeta
por primeira vez terán asistencia sanitaria
cando presenten toda a documentación, mentres
tanto serán atendidos só de urxencias e non se
lles financiarán os medicamentos. Fáiselles
alta rápida no momento en que teñen a
documentación e gozarán de todos os dereitos
(non precisan esperar a recibir a nova
tarxeta).
A partir do 1 de xaneiro de
Tamén a partir do 1 de xaneiro de 2012, pola
Lei 33/2011 de saúde pública (estatal), segundo
a disposición adicional sexta “esténdese o
dereito ao acceso á asistencia sanitaria
pública a todos os españois residentes en
territorio nacional, aos que non se lles
puidese ser recoñecido en aplicación doutras
normas do ordenamento xurídico”. Esta norma
debe resolver o problema de asistencia en todo
o Estado e que ninguén quede sen cobertura
sanitaria aínda que cambie de comunidade
autónoma.
INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR (ILP) EN
DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA
No Boletín Oficial do Parlamento de Galicia
número 606, do 27 de decembro de 2011,
publicouse a admisión a trámite pola Mesa do
Parlamento da Iniciativa Lexislativa Popular
para a defensa e promoción da sanidade pública
en Galiza. Este é un procedemento polo que a
cidadanía pode presentar leis no Parlamento.
Hai que presentar o texto dunha lei no
Parlamento e, cando é admitida, hai 3 meses
para recoller 15.000 sinaturas de persoas
residentes en Galiza.
A ILP é unha oportunidade para levar o debate
da defensa da sanidade pública a cada recuncho
galego e conseguir que esta proposta vaia
avalada por moitos miles de galegos e galegas.
O proxecto de lei quere que a saúde sexa un
dereito, que non forme parte do negocio de
ninguén, eliminando todas as formas de
privatización, e pretende ademais que se
respecte a capacidade de xestión de todas as
Áreas Sanitarias, impedindo deste xeito que
Áreas periféricas como Monforte, O Barco, A
Mariña ou o Salnés sexan absorbidas pola Área
provincial.
É unha oportunidade para desafiar aos RECORTES,
para esixir os nosos dereitos.
Tony Judt, no seu libro póstumo ‘Algo va mal’
di, na sección onde analiza Que facer?, que “a
disposición ao desacordo, o rexeitamento ou a
desconformidade -por irritante que poida ser
cando se leva a extremos constitúe o zume dunha
sociedade aberta.
Necesitamos persoas que fagan unha virtude de
opoñerse á opinión maioritaria.
Unha democracia de consenso permanente non será
unha democracia durante moito tempo”. Tal como
recomenda Judt non podemos acomodarnos, debemos
reaccionar e falar moi, moi alto. Levar miles
de sinaturas ao Parlamento galego é un modo
nítido, democrático e contundente de dicir o
que queremos.
Ramón Veras Castro
Artigo recollido do boletín do
#15M ASEMBLEA POPULAR DE MONTE ALTO
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript