Xaneiro de 2012
 
 

16/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O presidente revela que 2011 pechou con 5,4 millóns de parados

O paro xa superou, e de longo a barreira dos cinco millóns de traballadores/as (en concreto a cifra que deu foi de 5,4 millóns), así o recoñeceu Mariano Rajoy no seu mitin en terras andaluzas, avanzando, deste xeito, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do último trimestre de 2011, que aínda non é pública. A cifra sinalada por Rajoy está moi por enriba dos case cinco millóns -4.978.300 parados- da anterior enquisa, coñecida o pasado mes de outubro.

 

  • Rajoy sinalou a nova cifra como "astronómica" e reiterou que o obxectivo polo que o seu Executivo "dará a batalla" será a creación de emprego. "Combater o paro constitúe o maior reto deste Goberno", dixo.
     
    Aínda que a reforma laboral lexislada e que se nos vendeu como a panacea contra o paro teña os efectos contrarios, incrementándose o número de parados e paradas de xeito exponencial, Rajoy, seguindo unha vez máis os ditames dos poderes económicos, insiste na mesma medicina e relacionou a "astronómica" cifra do paro coa necesidade dun cambio urxente da lexislación no mercado de traballo. "A reforma laboral é necesaria, sábeo todo o mundo. O peor é non facer nada, sería un enorme erro. Hai que facela e ímola facer", dixo.
     
    Engadiu que foi "absolutamente sincero" con sindicatos e empresarios. Pedinlles responsabilidade. Saben o que vou facer, e, se non chegan a ningún acordo, cada un terá que asumir a súa propia responsabilidade", advertiu o presidente.
     
    Os sindicatos gobernamentais puxéronse rapidamente “mans á obra” e xa puxeron enriba da mesa de negociación a súa proposta de diminuír os salarios por debaixo do IPC e a conversión dos postos de traballo a tempo completo en a tempo parcial (coa correspondente diminución salaral), explicitándolle deste xeito á patronal que a precarización das condicións económicas e sociais dos traballadores e traballadoras forma parte, tamén dos seus obxectivos.
     
    Os empresarios envalentonados (por esta nova baixada de pantalóns, pola desmobilización xeneralizada e sabendo que detrás teñen ao “primo de zumosol” (Rajoy) que, pase o que pase, se non se chega a acordos lexislará a reforma e que o vai facer segundo as súas pretensións) mostran, nesa mesa de imposición (que non de negociación), as posturas máis radicais, esixindo xa a precarización absoluta (despido, na práctica, gratis, contratos de escravos e desregulación de convenios).
     
    A nova reforma laboral xa está cociñada, só falta que nola poñan no prato e nola sirvan na mesa.
     
    Xa conseguiron meternos nunha dinámica perversa onde non se loita por mellorar as condicións socioeconómicas da clase obreira. A loita céntrase agora (contra os sindicatos pactistas e contra os gobernos neoliberais esbirros dos mercados) en conservar o que outras xeneracións de obreiros/as lograron.
     
    Temos a obriga de reaccionar, por nós e polas xeracións futuras, temos que conservar e mellorar o legado recibido dos que nos antecederon e aos que lles custou sangue e suor conseguir os dereitos que gozamos.

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript