Xaneiro de 2012
 
 

16/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Caridade Cristiá: A Igrexa ameaza con desafiuzar oito enfermos de sida por non pagar

A vicaría de Ourense reclama facturas pendentes dunha casa de acollida cedida en 1993. Varios inquilinos teñen a mobilidade limitada. A Igrexa ameaza con botalos á rúa. Todo un exemplo de caridade cristiá.

 

  • Oito enfermos de sida que viven nun piso de acollida xestionado pola asociación Comité Cidadán Antisida de Ourense poderían quedar na rúa se a vicaría para asuntos económicos do bispado de Ourense non dá marcha atrás na reclamación dunha suposta débeda contraída nun piso da súa propiedade. A reclamación, que iniciou a súa tramitación xudicial coa celebración dun acto de conciliación, consiste no pagamento do aluguer dende 2009 e de facturas de gasto corrente. A vicaría non queda aí e tamén solicita o desaloxo da vivenda. O seguinte paso, en caso de non chegar a un acordo amigable, pasaría pola interposición dunha demanda de desafiuzamento e a súa posterior execución. Fontes do bispado consultadas por este xornal recoñecen a reclamación patrimonial e engaden que "non" van facer ningunha declaración", porque o asunto "está a seguir o seu curso legal con normalidade".
     
    Nesta casa de acollida -a primeira do Estado aberta por unha asociación cidadá- viven enfermos que proveñen de centros penitenciarios e de unidades asistenciais de drogodependencias que non teñen outro tipo de recurso para sobrevivir e que, en caso de ter que abandonar as instalacións, non terían onde residir. Nalgúns casos, mantelos nun hospital unicamente para subministrarlles o tratamento farmacolóxico tería un custo de ata 400 euros ao día, fronte aos, aproximadamente, 50 euros que supón a súa estanza nestas instalacións.
     
    O piso foi cedido pola Igrexa hai case dúas décadas. Ata a ausencia de bispo na diocese -o posto estivo vacante os dous últimos anos- as relacións entre ambas as dúas partes eran boas. De feito, os responsables do Comité sinalan firmemente que "sen a axuda da Igrexa, a casa de acollida non existiría". O acordo asinando en 1993 e prorrogado en numerosas ocasións ata a súa caducidade hai dous anos, establece unha cesión gratuíta da vivenda, mentres que as facturas de gasto corrente (auga, electricidade, IBI, etcétera) deben ser asumidas pola asociación. A vicaría para asuntos económicos reclama o pagamento de facturas atrasadas, aspecto que negan dende a asociación. "Os pagamentos deses conceptos están ao día", matizan.
     
    Dende o Comité Cidadán Antisida defenden a actuación de todos os bispos ata a data, que "apoiaron a casa de acollida" "sen excepción" e achacan a situación ao desgoberno que rexe a diocese pola ausencia de prelado dende hai dous anos. "As persoas encargadas da parte económica solicitaron unha rescisión dese acordo de cesión gratuíta e agora buscan unha forma de facernos pagar un contrato de aluguer", afirma un dos responsables. As contas da asociación -moi minguadas dende 2009 polos recortes da Xunta de Galicia- non posibilitan asumir o pagamento de rendas. Non estamos en condicións de asumir o pagamento dun aluguer, xa sexa nese piso ou noutro porque o diñeiro case non nos chega nin para mantemento". Teñen claro que é necesario buscar fontes de financiamento alternativas ás Administracións públicas. Os ingresos para manter o proxecto en marcha non se limitan a subvencións directas, que ademais obrigan á posterior auditoría das contas. Os socios poden achegar unha cota anual voluntaria de 200 euros, pero o montante total que suman con elas é demasiado pequeno.
     
    O piso posto en cuestión polos responsables económicos do bispado oferta dous servizos. Unha zona de residencia na que viven oito persoas -para a que hai lista de espera- e unha zona que funciona a xeito de hospital de día, cunha sala multiúsos. Alí traballan cinco persoas. Ata os recortes nas subvencións directas -reducidas á metade dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta-, había máis empregados, pero tiveron que prescindir deles. Ademais de ofrecer unha atención moi personalizada en cada caso e de evitar a súa exclusión social, os empregados ofertan cursos ou coordinan as tarefas do fogar.
     
    Algúns habitantes presentan unha mobilidade moi limitada polo que teñen que desprazarse ás consultas médicas acompañados sempre polo persoal laboral do centro. A maioría teñen problemas relacionados coa dependencia da droga, xa que se contaxiaron polo uso de xiringas compartidas. E é que precisamente, a toxicomanía e o cárcere están no historial de moitos dos enfermos. Outros presentan unha autonomía suficiente para ser independentes. De feito, hai os que abandonaron o centro voluntariamente, pero a maioría nunca acaban reinseríndose nunha sociedade que fai oídos xordos coa sida. Na casa de acollida morreron varios enfermos durante as súas dúas décadas de existencia. Os afectados que están na rúa e que se valen sen axuda, poden acollerse ao programa de día. Alí ofértase unha sala de usos múltiples na que poden consultar Internet, ler prensa, entaboar relación con outras persoas ou algo tan simple como ter unha enderezo postal na que recibir correo.
     
    A diocese está a organizar estes días a toma de posesión de Leonardo Lemos Montanet -ata agora cóengo da catedral de Santiago de Compostela- como novo bispo de Ourense. Será o próximo 11 de febreiro. O Comité centra todas as súas esperanzas en que a chegada do novo responsable diocesano reconduza a situación e permita manter a boa relación que existía ata a data.
     
    Un custo "alto para o beneficio social"
     
    Os problemas que poñen en risco a continuidade do piso non teñen a súa orixe directa na reclamación desas supostas débedas. A crise de financiamento ten o seu principal responsable na Xunta de Galicia. Entre 1994 e 2000, recibían do Goberno galego 43 euros ao día por persoa. Entre 2005 e 2009 a cifra variaba cada ano, pero nunca se reduciu drasticamente. Durante o Goberno bipartito de PSOE e BNG (2005-2009) a contía elevouse ata os 55 euros, o que supoñía uns 160.000 euros ao ano. Tras a volta do PP á Administración autonómica, os fondos recortáronse á metade. A Consellaría de Benestar baixou a asignación un 28% en 2009. A tesoirada non quedou aí e en 2010 recortou outro 24%. Non foi a única pola que se pasou a tesoira orzamentaria. Estas organizacións viron caer en picado os seus ingresos en todas as súas sedes de Galicia. De feito, a casa de acollida de Vigo pechou en agosto de 2011.
     
    A secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López, chegou a afirmar no Parlamento galego que "o custo [da casa de acollida de Ourense] resulta moi alto" para "o beneficio social" que reporta. E xustificou a súa afirmación en informes da inspección. Unha das principais reivindicacións vinculadas con estas casas de acollida é que sexan consideradas un "recurso sociosanitario". Isto implicaría que se recoñeza que desenvolven un importante papel na atención sanitaria. Os responsables da casa de Ourense recalcan, ademais, que o seu labor non se limita a un servizo social como pode ser un comedor público. "Isto é un servizo de emerxencia, porque esta xente non ten onde ir se hai que botar o ferrollo". Pero parece que os responsables económicos do bispado de Ourense, ou o descoñecen, ou o ignoran.

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript