16/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
“O galego está en serio perigo de extinción”
Galiza co Galego, entidade que pretende garantir o dereito a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego. Critica á Xunta por non defender o idioma e pide o compromiso social para espallalo.
Francisco López é un dos impulsores de
Galiza co Galego, entidade que pretende
garantir o dereito a unha educación, laica, en
valores, pluralista, democrática, de calidade e
en galego. Critica á Xunta por non defender o
idioma e pide o compromiso social para
espallalo.
Galiza co Galego naceu no ano 2009 como
un movemento popular, resultado do debate
social suscitado pola decisión da Xunta de
impoñer o decreto do trilingüismo e co
obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a
prol dunha Asociación que garanta o dereito á
educación en galego.
Conta coa colaboración de asociacións en
defensa da lingua, asociacións pedagóxicas,
sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza,
Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede
de escolas infantís, cun programa educativo
común e aberto.
Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio
de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro terá
lugar a asemblea de ampliación desta
asociación.
Galicia Confidencial (GC).- Está Galiza
co Galego cumprindo as súas expectativas
iniciais?
Francisco López (FL).- Estamos a cumprir co
calendario de traballo proposto. En Maio de
2011 superamos os 3000 compromisos e recibimos
o mandado de organizar o movemento mediante
unha asociación que garanta o dereito á
educación en galego da cidadanía. O 28 de
xaneiro faremos a asemblea da Asociación Galiza
co Galego, na que se incorporarán como socios e
socias máis de 3.150 persoas. Organizaremos
unha Rede de Escola Populares Infantís e tamén
unha Cooperativa de Ensino Popular.
Escola “democrática, de calidade e en galego”
GC.- Cales son os obxectivos a longo prazo?
FL.- A longo prazo o noso obxectivo é non
ter razón de ser. A curto prazo, é o de facer
efectivo e garantir o dereito –en especial da
infancia- a unha educación, laica, en valores,
pluralista, democrática, de calidade e en
galego.
GC.- E credes que o país ten unha masa
crítica para soportalos?
FL.- O País está ateigado de xente boa e
xenerosa que, con independencia das súas ideas
ou da lingua en que se expresan, desexan que os
seu fillos aprendan en galego. Eles saben que é
unha riqueza.
GC.- Por que credes que desaparecen os
medios en galego?
FL.- Seguramente non conveñan a quen está a
promover o unionismo español, aniquilador da
diversidade, e quizais, dende o punto de vista
capitalista, non sexan rendíbeis. Pero a
responsabilidade do seu mantemento é da
sociedade e de quen está na vangarda da súa
dirección.
Sen “administración propia”
GC.- Xa tedes dito que o papel da Xunta non
axuda, que debería facer unha administración
polo seu idioma?
FL.- A administración pública debera servir
á cidadanía, defender o propio, xerar
auto-estima e dar apoio. Mais acontece que
Galiza non conta cunha administración propia,
así que non hai moito que agardar.
GC.- Credes que o galego corre risco de
desaparición?
FL.- O galego, de seguir coa presión do
unionismo español e o desleixo social, está en
serio perigo de extinción. É unha teima de
diversos sectores, algúns incluso antagónicos
entre si, que o galego pase a ser unha reliquia
etnográfica e desapareza como lingua
diferenciada e propia de Galiza.
GC.- E cal é a solución para evitar males
peores?
FL.- O apoio decidido e práctico á educación
infantil en galego.
O papel dos medios
GC.- E o papel dos medios neste conflito,
cal debería ser?
FL.- Os medios deberan prestar máis atención ás
actuacións daqueles que empregan o galego na
súa acción diaria, con independencia dos
avales”,“persoeiros” e demais que os acompañen.
Non dar bombo ás accións contrarias á lingua,
asociacións, etc. que buscan o descrédito da
mesma e o enfrontamento entre a cidadanía.
GC.- Están os partidos políticos a altura
das circunstancias?
FL.- A lingua galega non é unha cuestión de
partidos políticos, é unha cuestión dos galegos
e das galegas. A lingua galega é unha creación
do Pobo da Galiza. A cidadanía dá o seu apoio
electoral a partidos políticos que actúan na
Galiza, que non son galegos e que xeralmente
entenden a lingua propia de Galiza como un
atranco. En xeral, os partidos políticos que
son galegos defenden e actúan en favor do
idioma.
GC.- Un desexo para o futuro....
FL.- Que aprender en galego sexa doado, normal
e un dereito pleno.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript