Xaneiro de 2012
 
 

16/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

As contas da USC obrigan a pospor investimentos e reducir gastos correntes

A prórroga do orzamento do ano 2011 veu a empeorar a situación económica da Universidade de Santiago, cuxos centros non coñecen aínda con certeza o diñeiro co que contarán para 2012, pero intentaron recortar ao máximo os seus gastos porque o montante será, desde logo, menor que en 2011.

 

  • A prórroga deixa en suspenso obras que xa estaban orzadas e en proceso de contratación, como a nave de prácticas da Escola Politécnica -estimada en 270.000 euros-, unha dotación moi demandada polo centro pero que se atrasará debido á necesidade de reorganizar partidas de gasto.
     
    O goberno da USC calcula que para 2012 os ingresos descenderán nun 2,6% respecto ao ano pasado, cando se dispuxo dun orzamento de 228,8 millóns de euros. Con todo, explica o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Pedro Herradón, non se fará un recorte lineal en cada unha das partidas, senón que se garantirá o pago de salarios -unha partida que crece con respecto ao ano anterior debido aos trienios, quinquenios e sexenios- e o pago de intereses e amortización de préstamos -que tamén sobe-. Para cubrilas, recortarase o montante dispoñible noutras áreas, como obra nova.
     
    Aínda que os centros aínda non coñecen con exactitude o diñeiro que terán para este ano, si recibiron unha circular que lles ofrece unha guía xeral para o seu cálculo. Establece que no capítulo segundo, o de bens correntes e servizos, reterase un 20% respecto ao ano anterior; no cuarto, transferencias correntes, retense un 50% e no sexto, de investimentos reais, un 80%.
     
    Aínda sen contar os contratempos que suporá o atraso na nave de prácticas, para a Escola Politécnica -un centro que programa máis de 300 materias- a nova situación orzamentaria aventura un «ano dramático», explica o seu director, Javier Bo, que recorda que o ano pasado o orzamento xa sufriu un recorte drástico, de maneira que neste exercicio disporán «dun 35% do que tiñamos en 2009».
     
    O axuste pasa por reducir a compra de material e viaxes de prácticas e outros gastos, como os destinados a chamadas telefónicas. «O ano pasado un profesor a tempo completo dispoñía de 40 euros anuais para chamadas a móbiles e fixos internacionais, este ano esa cantidade quedará en 25 euros».
     
    As medidas son similares na facultade de Ciencias, onde teñen claro que «non se pode aforrar en clase», apunta o seu decano, José Manuel Martínez Ageitos. Ademais do aforro enerxético e en comunicacións, cambiaron a pauta de compra de material de prácticas. «Antes aproveitabamos ofertas e comprabamos grandes cantidades dun produto para lograr mellor prezo, pero xa non se pode, hai que tirar do que hai e ir aos poucos», aclara.
     
    Tampouco se renova o equipamento, senón que se trata de conservar «o que temos; se se estragase algún equipo dos grandes non teriamos capacidade para comprar outro novo», indica. No caso de Ciencias, o edificio tamén é unha fonte continua de gasto, debido á súa antigüidade. «Xorden imprevistos cada dous por tres e dáme medo que haxa algún grave polo seu custo»,sinala.
     
    Como medidas de aforro, o goberno da USC pediu, entre outras cuestións, que se controle o gasto enerxético e que os edificios pechasen media xornada en Nadal. Ademais, renegociou o contrato de telefonía e pretende facer o mesmo co de limpeza. Segundo indicou García Herradón, o goberno intentará sacar adiante un novo orzamento que alivie a situación, aínda que non cre que iso sexa posible se para a aprobación das contas o Claustro impón como condición a consolidación de 17 investigadores do programa Isidro Parga Pondal, o motivo polo que non saíron adiante os orzamentos.
     
    Algúns centros están tan preocupados ou máis polo futuro que polo presente. é o caso do director da facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, a quen lle preocupa «se vai haber financiamento suficiente para facer a renovación do edificio», un proxecto que depende de que a USC e a Consellería de Educación acorden a súa repartición entre Maxisterio e a Anexa.
     
    Tamén Ana Bravo da Moral, decana de Veterinaria, pensa xa na renovación da avaliación europea, que terá lugar en 2018, pero empezarán a preparala dous anos antes e require diñeiro. «Con este sistema de que a universidade che quita o que tes de remanente non foméntase o aforro», apunta en relación á conxelación dos remanentes dos centros en 2010 para equilibrar o orzamento, e do que só recuperaron o 25% o ano pasado. «Non ter unha conta con algúns cartos prexudícanos. Xa só pagar o canon da avaliación supón un desembolso extraordinario de 10.000 euros», apunta.
     
    CURIOSIDADES
     
    Un patrimonio de máis 45 millóns
     
    ¿Que valor ten o patrimonio inmobiliario da USC no campus de Lugo? Segundo os datos incluídos na memoria económica do ano 2010, os edificios que o conforman supera os 45 millóns de euros. Con todo, a día de hoxe esa cifra tería que haberse incrementado, pois aparece sen contabilizar a segunda fase do edificio do vicerreitorado, situado na Praza Pío XII. Os inmobles que ten a USC en Santiago pasan dos 200 millóns.
     
    Veterinaria, o máis caro
     
    O valor de mercado do edificio de Veterinaria, descontando o pavillón de clínicas veterinarias -o hospital Rof Codina- é de 9,4 millóns de euros, segundo a memoria. O inmoble anexo, que acolle as instalacións hospitalarias, achéganlle case dous millóns de euros máis.
     
    No centro, máis barato
     
    Un dos edificios máis baratos, o que alberga o vicerreitorado, está no centro. A primeira fase está valorada en 665.000 euros. A residencia Bal e Gai, en 885.687 e o Ibader en 601.000 euros. No tramo medio atópanse a Escola Politécnica, valorada en 6,8 millóns de euros; a facultade de ADE, 5,6 millóns; a Biblioteca Intercentros, 4,7 millóns; o novo edificio de laboratorios de Ciencias, 4,3 millóns; o edificio de investigación Cactus, 3,1 millóns; a facultade de Ciencias, 2,7 millóns; a facultade de Formación do Profesorado, 2,1 millóns; o complexo docente de Enfermería, Humanidades e Relacións Laborais, 1,1 millóns; e a estación do Courel, 1,3 millóns.

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript