16/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


O público, en perigo de extinción
Estamos a sufrir de forma progresiva o rolo da ditadura financeira máis destrutiva. Ninguén valora realmente o público, se así fóra non teriamos permitido que as políticas conservadoras tomasen as rendas do Goberno.
É posible que menosprezásemos que a sanidade, a educación, o benestar social... fosen públicos.
O máis lamentable é que os cidadáns vaian sufrir unha degradación brutal en todos os servizos imprescindibles e públicos empurrados polas manipulacións que proceden sempre da dereita española e dos seus voceiros.
Pena que as infraestruturas públicas sexan un punto de mira para este Goberno. Os cidadáns van sufrir en breve unha degradación no público que eles mesmos votaron. Por suposto que hai outra forma de gobernar priorizando o público por enriba das privatizacións, pero os ratos votaron ao gato.

O moi alto rendemento principesco
Todos poderiamos saír da crise se fosemos tan intelixentes e investir 1.500 euros para ter, en tres anos, o rendemento principesco de 571.000 euros. Tales son os datos da declaración da renda en 2006 de Cristina de Borbón, grazas á promotora inmobiliaria familiar Aizoon, da que era propietaria a medias co seu esposo.
O pai da infanta, o xefe do Estado, acaba de insistir en que a Xustiza é igual para todos. Ogallá a fortuna tamén o fose...

 

Rajoy: "Onde dixen digo, digo Diego"
Todo o mundo resgándose as vestiduras porque non falaba. Tiñamos a evidencia de que as súas palabras eran vas, enganosas, despois de velo falar na oposición e durante o período electoral. Ben, pois xa falou para a axencia Efe (e non nunha rolda de prensa onde lle chovesen preguntas que non quixese escoitar). Xa dixo por que non nomeara un vicepresidente económico (el abóndase para dirixir ese área) e que o vai facer "dando a cara", sen esconderse. Que non subirá o IVE e que non creará un banco malo. Cos débiles, todo o mundo é forte. El tamén. Xa postos, podía crear un "banco bo" a través do ICO, por exemplo, ou facer públicos os existentes, ou polo menos as caixas de aforros. Así activaría o crédito e, con el, a economía. Pero entón habería que atacar aos fortes, e iso é fariña doutro costal. Así pois, por que tanto interese en que falase? As súas palabras non teñen ningún valor. Xa o demostrou. Os seus feitos son o que contan, e eses, dende logo, non os vai adiantar de ningún xeito. Non o fixo nunca.

Evasión fiscal e funcionarios da Axencia Tributaria
A Axencia Tributaria Española emprega 27.000 funcionarios. Con 46,08 millóns de habitantes en 2010, obtense un ratio dun axente por cada 1.707 habitantes. A francesa, cunha dotación de 140.000 funcionarios e 65 millóns de habitantes (2011) ten un axente fiscal por cada 465 habitantes, é dicir, 3,67 veces máis. Sobra dicir que isto se podería emendar rapidamente, o que podería mellorar a recadación do Estado. En lugar dos recortes hai outras solucións, como esta que expoño.



 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript