09/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Co dúo CCOO-UGT estamos vendidos
O novo presidente do goberno Mariano Rajoy ordenou aos sindicatos maioritarios chegar a un acordo coa patronal antes do día 7 de xaneiro. Os sindicatos na primeira desas reunións parece que a pregunta que fixeron foi só onde asinaban e si lles ían regalar o bolígrafo.
O mércores,o secretario xeral de UGT,
Cándido Méndez, sinalou algunhas das propostas
que os sindicatos puxeron sobre a mesa dos
empresarios de cara á negociación da reforma
laboral.
Nas declaracións feitas á cadea 'SER', Méndez
desvelou que formularon á CEOE e Cepyme que os
salarios suban por debaixo do IPC
durante 2012 e 2013 e que as empresas poidan
converter emprego a tempo completo en emprego a
tempo parcial.
Se estas son as propostas coas que os
sindicatos se sentaron a “negociar” o que sairá
desas “mesas de imposición” non será máis unha
profundización nas políticas de recortes
salvaxes a nivel laboral, económico e social
contra traballadores e traballadoras,
constantando, unha vez máis, a enorme distancia
que existe entre a burocracia sindical e os
intereses da clase obreira.
Para que as traguemos con menos problema acoden
ás escusas habituais. Todas estas medidas din
que se plantean como “transitorias” e
“reversibles”. Coñecen, en realidade, que nunca
as condicións económicas e laborais, por moito
que se sinalen en papeis, volverán a ser como
as actuais, e moito menos coa súa actitude.
Promoven acatan e asinan, deste xeito, as
vellas aspiracións empresariais. Por un lado
que os salarios se desvinculen do IPC e que a
precarización laboral sexa cada día maior.
A filosofía que desprenden as palabras do
dirixente antisindical é a emanada desde o
poder neoliberal máis radical, “a situación hai
que revertela entre todos” intentando desarmar
ideolóxicamente, deste xeito, calquera resposta
de loita e rebelión contra o poder político que
fai recaer a saída da crise, esencialmente, no
lombo dos traballadores/as.
"Na disxuntiva de crecemento salarial ou
mantemento do emprego, quedámonos decididamente
co mantemento do emprego", subliñou Méndez
nesas declaracións. Idéntica reflexión á que
non fai moito fixera o presidente da patronal
(cando quixo presentar como bos os minijobs).
Vese claramente que xogan no mesmo equipo,
intentando poñernos na disxuntiva de que, ou
aceptamos a precariedade e o escravismo ou nos
poñemos na ringleira do paro, como se non
houbese outras alternativas, desde logo
estes sindicatos esquecéronse das medidas
reivindicativas para que a clase obreira pase a
ser parte activa na loita por unha saída social
á crise.
As medidas acatadas submisamente polos
sindicatos maioritarios xunto coas xa
anunciadas por Rajoy e a reforma fiscal imposta
no último Consello de Ministros prefiguran unha
situación insoportable para os traballadores e
traballadoras
A saída programada desde o poder político e
aplaudida desde os sindicatos maioritarios pon
á clase obreira nunha situación con dúas únicas
saídas. Ou se acepta a situación e vemos como
se van perdendo dereitos día a día sen facer
nada, até facernos retroceder ás que se vivían
no século pasado, ou decidimos dar unha
resposta mobilizadora ao mesmo nivel que a
agresión recibida.
Sabemos que contra os intereses de clase que
defendemos temos ao poder político, ao
económico e, tamén, aos sindicatos pactistas,
nas mans dos traballadores e traballadoras está
a solución que, tal e como nós vemos a
situación, non pode ser outra que a
mobilización.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript