09/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Peche de servizos de normalización lingüística
Peche de servizos de normalización lingüística noutros doce concellos galegos
A Coordinadora de Traballadores de
Normalización dá Lingua (CTNL) denuncia o peche
de servizos de normalización lingüística
noutros doce concellos galegos, que se suman
aos xa extintos en Dodro, O Barco de Valdeorras
e Quiroga. Segundo sinala a entidade, este
venres pechan estes departamentos nos
municipios de Aranga, Arzúa, Barreiros, Cabana
de Bergantiños, Cariño, Cerceda, Malpica,
Mesía, Monfero, Santiso, Vilasantar e Zas.
A CTNL, que achaca esta situación á
"eliminación das axudas" por parte da
Secretaría Xeral de Política Lingüística e á
"tardanza na nova e minguada convocatoria" por
parte da Deputación de A Coruña, exprésase nos
seguintes termos:
"A eliminación das axudas por parte da
Secretaría Xeral de Política Lingüística e a
irresponsábel tardanza da nova e minguada
convocatoria por parte da Deputación da Coruña
e da Xunta favorecen o despedimento de 15
técnicos/as de normalización lingüística e o
peche doutros tantos servizos.
"Cumpriuse a peor das previsións, e o ano
remata co peche de 15 servizos de normalización
lingüística (SNL) de concellos galegos.
"Lonxe de cumprir a súa obriga de impulsar os
SNL, a Secretaría Xeral de Política Lingüística
da Xunta, dirixida por Anxo Lorenzo, favorece o
peche en 2011 de 15 destes departamentos. A
eliminación das axudas e o reiterado
incumprimento e mentiras desde o mes de
setembro, cando anunciaron que se publicaría
unha nova convocatoria "nas próximas semanas"
(e pasaron case catro meses), provoca o peche
destes servizos para o fomento do galego.
"Hoxe mesmo, venres 30 de decembro –segundo
datos facilitados polo Centro de Documentación
Sociolingüística (CDSG) do Consello da Cultura
Galega– pechan os dos concellos de Aranga,
Arzúa, Barreiros, Cabana de Bergantiños,
Cariño, Cerceda, Malpica de Bergantiños, Mesía,
Monfero, Santiso, Vilasantar e Zas, e
anteriormente xa pecharon os de Dodro, O Barco
de Valdeorras e Quiroga.
"Ao grave e irresponsábel incumprimento por
parte da Xunta súmaselle o brusco recorte
anunciado nas axudas por parte da Deputación da
Coruña, que deixará na cuarta parte o seu apoio
e que, por enriba, aínda non publicou a
convocatoria de novos convenios cos concellos,
cando os actuais finalizan mañá, día 31 de
decembro.
"Con isto o goberno galego demostra unha vez
máis a súa intención de desmantelar o proceso
de normalización da lingua galega, sumando un
novo e gravísimo paso atrás ao xa extenso
currículo desgaleguizador da Xunta de Feijóo e
da Secretaría Xeral de Política Lingüística de
Anxo Lorenzo e os seus colaboradores e
cómplices".
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript