09/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Os directivos das caixas rescatadas gañaron case 80 millóns de euros en 2011
Os directivos que xestionan os sete grupos de caixas rescatadas con diñeiro público gañaron preto de 80 millóns de euros polo seu traballo durante o exercicio de 2011. A falta de que se coñezan as contas dos seus resultados anuais, o retrato salarial asumido polas cúpulas de Bankia, NovaGalicia, CatalunyaCaixa, Unnim, Banca Cívica, BMN e Caja España-Duero obedece á esixencia do Banco de España para todos aqueles que recibiron parte dos 17.000 millóns de euros facilitados polo Fondo de Reestruturación Bancaria (FROB) para capitalizar os seus balances.
Esta medida de transparencia está
directamente ligada coa intervención de Caixa
de Aforros do Mediterráneo (CAM) e coa
nacionalización de varias entidades ao longo
deste ano, situación que permitiu que
transcendese ao coñecemento da sociedade
información sobre as indemnizacións e os plans
de pensións acumulados polos directivos de
caixas que tiveron que ser finalmente
rescatadas con diñeiro público. Dada a
controversia suscitada, debido ás mobilizacións
cidadás convocadas esencialmente polo movemento
do 15M, o Banco de España conveu na necesidade
de realizar este novo exercicio de
transparencia.
Á cabeza das retribucións salariais figura
Bankia. Pola súa dimensión, terceira entidade
financeira do país por volume de activos, e
pola figura pública do seu presidente, Rodrigo
Rato, exvicepresidente do Goberno co Partido
Popular, o resultante da fusión a sete entre as
antigas Caixa Madrid, Bancaja, Caixa Segovia,
Caixa Ávila, Caixa Canarias, Caixa Laietana e
Caja Rioja acapara a atención do sector, sobre
todo por recibir (BFA, a súa matriz) a maior
achega de diñeiro público efectuada polo FROB:
4.465 millóns de euros.
Dende o pasado venres, sabemos que Rodrigo Rato
cobrou este ano un total de 2,34 millóns de
euros de soldo fixo pola súa tripla condición
de presidente de Bankia, BFA e Caixa Madrid. A
continuación, o conselleiro delegado do negocio
bancario cotizado, Francisco Verdú, que tras
incorporarse en maio percibiu 1,5 millóns. Quen
xa non está, o anterior vicepresidente de
Bankia e aínda presidente de Bancaja, José Luis
Olivas, gañou un total de 1,62 millóns, mentres
que o adxunto á presidencia, José Manuel
Fernández Norniella, se leva 0,8 millóns.
Na categoría millonaria de Bankia tamén está o
actual director xeral financeiro e de riscos,
Ildefonso Sánchez (1,58 millóns), un dos poucos
altos cargos da época de Miguel Blesa á fronte
de Caixa Madrid que se mantivo na primeira liña
executiva do novo banco. E así ata chegar aos
21 millóns de euros, a cantidade total que se
gastou o grupo financeiro para retribuír os
seus conselleiros e a súa alta dirección,
partidas ás que hai que sumar a existencia de
cláusulas de blindaxe en caso de cesamento que
tamén son millonarias.
CatalunyaCaixa tamén mantén o seu presidente no
top millonario. Adolf Todó, que asumiu a
xestión en 2008 para endereitar o rumbo, gañou
este ano un total de 1,5 millóns, mentres que o
número dous, Jaume Massana, queda en 866.000
euros. En total, salarios por máis de 5 millóns
entre toda a alta dirección, ademais de
importantes dereitos por pensións e cláusulas
de blindaxe. Igual acontece con Unnim, a outra
caixa catalá rescatada, onde o director xeral
Jordi Mestre se leva case un millón dos preto
de tres para toda a cúpula.
Por debaixo do millón de euros
No caso de NovaGalicia, as figuras de José
María Castellano (presidente) e de César
González-Bueno (conselleiro delegado)
significan nóminas de case 900.000 euros.
Paradoxicamente, os novos xestores non
representan os maiores gastos salariais de
2011, xa que esa condición recae no exdirector
xeral José Luis Pego (Caixanova) e no
exdirector xeral adxunto Javier García Paredes
(Caixa Galicia), ademais doutros exexecutivos,
que atesouraban remuneracións, pensións e
blindaxes superiores aos 10 millóns de euros
por persoa.
Pola súa banda, Banca Cívica destinou case 7
millóns de euros para pagar á súa alta
dirección e conselleiros. Como a súa
competidora galega, a parella formada polos
copresidentes Antonio Pulido (exCajasol) e
Enrique Goñi (exCaja Navarra) supera por pouco
os 900.000 euros anuais cada un. Algo por
debaixo está BMN, que con case 1.000 millóns de
diñeiro recibido en axudas e co agora ministro
Luis de Guindos como conselleiro se gastou 5,76
millóns para toda a súa xerarquía de mando, co
seu presidente Carlos Egea gañando 456.000
euros.
A excepción a este retrato xeneralizado púxoa
Caja España-Duero. Con 525 millóns de diñeiro
público no seu balance, a entidade
castelán-leonesa remunerou con 3,2 millóns de
euros as catorce persoas que forman o núcleo
duro, entre o presidente, catro conselleiros e
nove directivos. Non obstante, a maioría,
incluído Evaristo del Canto, como os seus
antecesores na presidencia, Santos Llamas e
Julio Fermoso, ambos os dous agora
conselleiros, apelaron á Lei de Protección de
Datos para non detallar os seus salarios.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript