09/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


Abonda de sancións contra a pobreza
Se non fose polo dramático da situación dos millóns de cidadáns que en España están a sufrir inxustamente as consecuencias da dilapidación e a avaricia do monstruoso sistema capitalista (agora dise mercado) habería que tomarse a chirigota que se sancione con multa a un indixente por durmir na rúa. Xa hai uns meses, a actual alcaldesa de Madrid, Ana Botella, tamén culpou os mendigos da sucidade nas vías públicas. Os millóns de cidadáns indignados ou cabreados, entre os que me encontro, estamos fartos de aguantar as continuas ocorrencias ou sandeces duns políticos que din representarnos a todos e que, en realidade, só son capaces de representarse a si mesmos coas incongruencias e despropósitos cos que adoitan "deleitarse continuamente". O das multas por durmir na rúa a persoas sen fogar en Barcelona quedaríase en anécdota de moi mal gusto, se non fóra pola relación que isto pode ter coas sancións en forma de impostos, suba de prezos e recortes sociais, que os cidadáns imos sufrir, para paliar os efectos producidos pola usura e o engano do sistema bancario, a vergonzosa dilapidación dos políticos, e a corrupción case xeneralizada en todos os estamentos do Estado.

 

Recortes sociais sen obxectivos
O estado encamíñase ao seu particular apocalipse neste 2012. As medidas tomadas polo Executivo sumadas aos recortes que se foron realizando en cada unha das comunidades autónomas poden rematar co Estado do benestar e a protección social tal e como o coñeciamos ata agora. Estes recortes non só afectan aos sectores máis sensibles da nosa sociedade como a sanidade, a educación ou o benestar social, senón que se estenden cara aos órganos de control que se encargan de garantir o bo funcionamento das administracións públicas e os dereitos dos cidadáns. Convén non esquecer que todos os recortes serán en van se se esquece o principal: o Estado Español segue sen crecer, o consumo non despega e caen as filiacións á Seguridade Social.
O Executivo centrouse en conter o gasto, que é o que levan facendo os cidadáns dende o comezo desta crise, abocando a España cara á recesión. Merkel móstrase entusiasmada cos recortes que propón Mariano Rajoy pero a prima de risco segue subindo... que é o que non nos explicaron da crise?

 

Recortes, impostos e financiamento da Igrexa
Non sei se o terán pensado ou será unha consecuencia indesexada, pero dos recentes recortes e subas de impostos, a Igrexa católica sae ben parada. Non é só que por estar exenta do IBI se libre do seu incremento, senón que posto que o seu financiamento a través do IRPF se calcula sobre a cota íntegra, a suba de tipos eleva a devandita cota e, con ela, os seus ingresos. Por iso síntome dobremente indignado. Sóbenme os impostos para cubrir os desmandos bancarios e de paso, queira ou non, a miña achega vai destinada ao financiamento da Igrexa. Rajoy anunciaba que gobernaría como deus manda. E deus manda por boca de Rouco.

Aumentan os recortes en I+D+i
Cando máis fundamental e necesario parece o traballo de investigación científica para intentar paliar con novas tecnoloxías os efectos da desfeita da maior fonte de postos de traballo dos últimos anos coa loucura do ladrillo, e seguindo o camiño empezado por gobernos anteriores, Rajoy e os seus ministros reducen outros 600 millóns de euros no presuposto para I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e innovación). Estes recortes demostran que os nosos políticos non só non teñen unha visión dun futuro industrial para España, senón que están a provocar unha saída masiva de titulados que buscan acomodo fóra das nosas fronteiras. Mellor iríanos se ademais doutros recortes máis oportunos como os que se debería facer á Igrexa e ao Exército, se perseguise con seriedade aos defraudadores fiscais, evasores de bens, especuladores e corruptos varios.




 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript