09/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O goberno alemán celebra a tesoirada de Rajoy e anímao a seguir
A cuestión é acabar co déficit público sexa polo camiño que sexa. Subas de impostos, eliminación de dereitos sociais, redución do gasto público, reformas laborais insoportables para os traballadores... Todo vale. E se se usan todas as medidas á vez moito mellor.
Alemaña dá tres ordes cada vez que se lle
pregunta por como se debe afrontar a crise:
recortar, recortar e recortar. A fórmula para
executar os axustes (ese eufemismo que se
expandiu na crise para definir os recortes) é o
de menos. A cuestión é acabar co déficit
público sexa polo camiño que sexa. Subas de
impostos, eliminación de dereitos sociais,
redución do gasto público, reformas laborais
insoportables para os traballadores... Todo
vale. E se se usan todas as medidas á vez, como
anunciou o Goberno de Mariano Rajoy, moito
mellor. Que leven o país a unha recesión máis
ou menos profunda e máis ou menos prolongada
non lle parece o problema máis importante ao
Executivo de Angela Merkel.
Por iso, ante o impulso coa tesoira que tomaron
os ministros de Rajoy, o Goberno alemán está
exultante. Tanto ou máis que tras os recortes
de 15.000 millóns acometidos por José Luis
Rodríguez Zapatero en maio de 2010, que tamén
celebrou (despois de esixilos), e tras as
reformas acometidas en España durante este
verán, que serviron para que nos puxesen de
exemplo en varios cumios fronte á parálise
reformista de Italia.
"Celebramos o estrito programa de austeridade",
di Westerwelle.
Encargouse de transmitir a mensaxe de apoio o
Ministerio alemán de Exteriores, dirixido por
Guido Westerwelle. Nun comunicado, celebrou o
anuncio do Goberno español de reducir en 8.900
millóns o gasto público e elevar en 6.200
millóns os ingresos cunha suba de impostos.
Pero, sobre todo, mostrouse encantado co
anuncio de que haberá unha axenda "moi
agresiva" de recortes e reformas, en palabras
de Luis de Guindos, ministro de Economía.
"Celebramos a intención do Goberno español de
encamiñarse cara a un estrito programa de
austeridade, tal e como mostran as medidas
recentemente adoptadas para consolidar os
presupostos", asegura na nota. E engade:
"Apoiamos o Goberno español nese camiño e
mostramos o noso gran respecto coa decisión con
que se toman eses recortes dolorosos e
inevitables". Inevitables porque, ao seu xuízo,
a desviación do déficit ata o 8%, fronte ao 6%
ao que se comprometera España, "demostra a
necesidade dun consecuente curso de
consolidación". É dicir, máis recortes. É a
forma de avalar dende o Goberno alemán a frase
do vicepresidente do Goberno, Soraya Sáenz de
Santamaría, de que isto só é "o inicio do
inicio".
O respaldo de Alemaña non vai servir, non
obstante, para que a economía española cambie
de rumbo e o ton negativo no que se instalou o
PIB vai tender a peor, moi a peor, aínda que
iso preocupe menos no Goberno de Merkel.
Segundo as previsións feitas públicas onte por
Goldman Sachs e por Fitch, a economía española
enfróntase ao risco de rematar este ano cunha
caída do 1,5% no PIB. O banco de investimento
díxoo con total rotundidade, mentres que a
axencia de cualificación de riscos se moveu en
terreo máis movedizo: a súa previsión varía
entre rematar o exercicio cun crecemento nulo
ou rematar cun descenso do 1,5%. E entre as
predicións pesimistas, Goldman Sachs mostrouse
convencido de que a tesoirada de Rajoy (nin o
anunciado nin o que está por vir) non
conseguirá rebaixar o déficit público este ano
ao 4,4% prometido á UE. Ao seu xuízo, rematará
no 5,5%, o cal supoñería un descenso de polo
menos 2,5 puntos con respecto ao que o Goberno
considera como peche de 2011.
Precisamente, esa desviación do déficit é un
tema que a Comisión Europea espera discutir co
Goberno de Rajoy nas próximas semanas. E se
Alemaña pide recortes, a UE tamén fai as súas
peticións, e onte formulou como posibilidade
que se suba o IVE, ao tempo que mostrou grande
esperanza nas reformas que se van presentar nos
próximos tres meses. O voceiro da Comisión
Europea, Olivier Bailly, asegurou que compete
ao Goberno determinar que medidas adicionais
adopta, pero tamén deixou claro que as
anunciadas ata agora non son suficientes. Iso
si, a diferenza da mensaxe alemá, Bailly
destacou que non só hai que recortar senón
tamén aprobar políticas que impulsen o
crecemento.
Bruxelas móstrase favorable a que tamén se
aplique unha suba do IVE
"Antes de tomar medidas para reducir o déficit,
o Goberno ten a posibilidade de discutir coa
Comisión o que acontece de xeito estructurado",
dixo, aínda que se mostrou remiso a concretar
cales serán as próximas reunións co Goberno
español e cal será o seu contido. O que si fixo
foi recordar que as recomendacións que a
Comisión fixo no pasado pasan por elevar o IVE.
Desas reunións non formará parte Rajoy, porque
serán de carácter técnico. O presidente do
Goberno leva sen comparecer publicamente dende
o 21 de decembro, cando anunciou a composición
do seu Consello de Ministros e respondeu á
única pregunta que concedeu á prensa cun "
gracias ". Nin sequera rendeu contas o pasado
venres cando o Consello de Ministros aprobou a
tesoirada. Agora, o seu equipo baralla que sexa
a próxima semana cando dea explicacións. O
formato desta posible comparecencia non está
aínda pechado. Segundo informou EP, o xefe do
Executivo podería facer unha convocatoria aos
medios para dar explicacións, empregar o pleno
do Congreso do día 11 para este fin ou utilizar
outras vías.
Salvo cambios de última hora, a axenda pública
do presidente durante esta semana concéntrase
no Consello de Ministros de mañá, onde se
aprobarán novas medidas, e na celebración, o
venres, da Pascua Militar no Pazo Real.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript