Xaneiro de 2012
 
 

02/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Principio de conxelación

Abríguense, que o ano vén con moito frío. De entrada, o goberno conxelou o salario mínimo interprofesional (SMI), que se ben nunca alcanzou unha temperatura agradable, deixalo en cero graos estende a sensación de frío a moitos traballadores.

 

  • Non só aos que cobran ese mínimo tan mínimo, senón a case todos, pois o SMI úsase como referencia nos convenios; pero sobre todo porque os empresarios acusan recibo da mensaxe que lles envía o goberno: reduzan a temperatura salarial, que co calorciño os traballadores se amodorran e non son tan competitivos.
     
    Os funcionarios, pola súa banda, volven ao conxelador onde xa estiveron outras veces, e case rezan por quedar a cero, pois tras a redución deste ano ninguén descarta que nalgún momento volvan baixarlles o termóstato, que é o que os gobernos teñen máis a man cando deciden aforrar en calefacción.
     
    Tamén se conxela a taxa de reposición de funcionarios, é dicir, que non se repoñerán os que se xubilen. Cunha excepción: as forzas de seguridade, que como recordou varias veces o ministro de Interior, teñen un papel importante en tempo de crise para "garantir a paz social". Dito en prata: podemos tirar con menos médicos, mestres ou técnicos, pero fan falta máis policías por se hai que quentar os que se queixan do frío.
     
    Co frío extremo conxélanse tamén os canos, e da billa non sae gota. E non é seca: o Banco Central Europeo abriu a presa para que saia medio billón de euros, pero os donos das canalizacións, os bancos, recollérono e colocárono á présa no propio Banco Central, que é o único sitio quentiño coa que está a caer.
     
    Así que hoxe estamos aterecidos, esperando se o Consello de Ministros anuncia auganeve ou frío polar. O previsto é que hoxe xiren só un pouco o termóstato, e deixen para marzo a baixada grande, non sexa que se lles conxelen os votantes en Andalucía, que polo sur nunca cae ben o frío.
     
    En fin, que deberiamos ir pensando algo para entrar en calor, antes de que quedemos tesos de todo.

     

     Isaac Rosa

     

     

     

     

     

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript