02/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Traballadores metalúrxicos gregos na súa oitava semana de folga
Os 400 traballadores da empresa Helliniki Halivourgia (Aceirería Grega) da factoría de Atenas cumpriron hoxe 55 días de paro indefinido e a súa loita xa converteuse nun símbolo da resistencia contra as severas medidas de axuste neoliberal.
Os empregados pararon a produción o
pasado 31 de outubro de 2011 como protesta
polos despedimentos de 17 dos seus compañeiros
e a pretensión empresarial de recortar un 40
por cento nos soldos e a xornada laboral de
todo o persoal.
A xeneralización da folga na factoría de Atenas
provocou a expulsión de máis traballadores, o
número actual é de 50, e a ameaza de 180
despedimentos adicionais se os obreiros non
aceptaban o plan proposto dende o consello de
administración.
A dirección da acereiría alegou, ao abeiro da
crise, dificultades económicas e un descenso
nas vendas e os beneficios, pero os folguistas
informaron que a factoría experimentou un
crecemento sen precedentes e que só en 2010 os
beneficios superaron os 200 millóns de euros.
Segundo os propios traballadores, durante os
dous últimos anos a produtividade aumentou nun
30 por cento e a produción de aceiro en 70 mil
toneladas, malia o cal non houbo novas
contratacións e o aumento dos ritmos de
traballo provocou numerosos accidentes
laborais.
A factoría encóntrase ocupada e vixiada 24
horas ao día polos obreiros, os cales mostraron
a súa determinación de pasar as festas do Nadal
no seu centro de traballo ata lograr a
readmisión dos despedidos e a retirada do plan
de recortes.
Caso de non o conseguir levarían a cabo unha
folga de fame masiva, anunciaron.
Pero arredor deste conflito laboral estanse a
producir unha infinidade de mostras de
solidariedade tanto no país coma no resto do
mundo.
Manifestacións, asembleas de barrio, mitins e
marchas ata a factoría están a tratar de romper
o silencio mediático que pende sobre os
folguistas, e serven para proporcionarlles
alimentos, útiles necesarios e diñeiro para a
súa caixa de resistencia.
E dende o exterior reciben a diario numerosas
mostras de apoio e fondos económicos.
Os folguistas queren que o seu exemplo se
converta no primeiro grande obstáculo á
ofensiva neoliberal xeneralizada que, baixo o
pretexto da crise, pretende acabar cos dereitos
laborais e garantías sociais consolidados dende
hai varias décadas.
Afirman que non van aceptar traballar como uns
escravos modernos, por 550 ou 600 euros, e que
a súa loita é contra a miseria e a indignidade
que propoñen uns gobernantes aínda dispostos a
impoñer novas medidas de axuste e un futuro
laboral máis lúgubre.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript