02/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Lei de prestacións sanitarias básicas: que se pretende?
No discurso do xa presidente de Goberno se formulaba como unha das solucións para a Sanidade a elaboración dunha Lei de Servizos Básicos que asegurase unha "carteira básica de servizos para todos os cidadáns". Esta proposta formula algúns interrogantes sobre os que convén reflexionar.
O primeiro é si se necesita unha nova lei
para fixar a carteira básica de servizos, e
dende logo parece que non é preciso. A
ordenación das prestacións do Sistema Nacional
de Saúde esta fixada na Lei de Cohesión e
Calidade do SNS aprobada en 2003, durante un
dos gobernos do PP, e posteriormente
desenvolvida en 2006 mediante o RD1030/2006
polo que se establece a carteira de servizos
comúns do SNS e o procedemento para a súa
actualización, que como indica o seu propio
nome establece os mecanismos para a inclusión
e/ou exclusión de prestacións na carteira de
servizos mediante unha avaliación das mesmas
cuxo resultado logo debe ser sometido ao
Consello Interterritorial do SNS (onde están
todas as comunidades autónomas) cuxo acordo
previo é imprescindible. Os criterios de
inclusión son contribuír dun xeito eficaz á
saúde, achegar melloras ás alternativas
existentes e cumprir coa lexislación vixente.
Resulta polo tanto difícil de entender que sexa
precisa unha Lei para cambiar as prestacións,
salvo claro esta que se pretenda excluír a
algunhas destas sen que existan criterios
sanitarios para facelo, é dicir que estes sexan
de índole exclusivamente económica.
O segundo é se a intención desta Lei é
conseguir que o catalogo de prestacións sexa
realmente común a todas as comunidades
autónomas e, sobre todo, se se quere asegurar o
seu cumprimento xeneralizado, especialmente no
que respecta ao acceso ás prestacións de
cidadáns en comunidades autónomas distintas á
da da súa residencia habitual que como se viu
neste último ano esta tendo serios problemas.
Este aspecto tampouco esta claro que precise
unha nova Lei, porque precisamente a Lei de
Cohesión que xa se mencionou sinalaba no seu
articulo 4 apartado c, que un dos dereitos dos
cidadáns é "recibir, por parte do servizo de
saúde da comunidade autónoma na que se encontre
desprazado, a asistencia sanitaria do catalogo
de prestacións do Sistema Nacional de Saúde que
puidese requirir, nas mesmas condicións e
idénticas garantías que os cidadáns residentes
nesa comunidade autónoma", que tamén volve
recoñecerse no articulo 23 (Garantía de
accesibilidade), o que evidente se vulnerou nos
casos coñecidos de desatención ou obstáculos
para esta en varias comunidades autónomas.
A mesma Lei de Cohesión sinala que a Alta
Inspección é a que ten a función de servir de
garantía e verificación do cumprimento das
competencias estatais e das comunidades
autónomas en materia de sanidade e de atención
sanitaria do Sistema Nacional de Saúde
(articulo 76), se ben é certo que non establece
mecanismos claros para a súa actuación no caso
de que se obxectiven incumprimentos, mais alá
do requirimento aos organismos das comunidades
autónomas, e é obvio que nos últimos casos
coñecidos se demostrou pouca actividade e/ou
pouca eficacia nesta.
O terceiro interrogante ten que ver coa
aseveración de que esta lei servirá para
asegurar o financiamento dos recursos
necesarios para garantir a súa prestación,
porque obviamente non esta demasiado claro o
que quere dicir, se se refire á necesidade de
garantir un financiamento suficiente das
comunidades autónomas á Sanidade, é evidente
que se esta abordando unha das claves do
problema do noso Sistema Nacional de Saúde, e é
o feito de que cada unha das comunidades
autónomas decide, dentro dos seus recursos, a
cantidade de diñeiro que destina á Sanidade e
diso se derivan diferenzas moi notables no
presuposto (ata 555 euros/habitante e ano en
2011) que obviamente dificultan o acceso ás
mesmas prestacións e/ou xeran un endebedamento
inevitable. Por suposto seria un paso positivo
que se garantise un financiamento mínimo para a
Sanidade en todas as comunidades autónomas,
pero iso tampouco necesita dunha Lei especifica
porque abondaría con incorporalo á lei de
presupostos modificando o acordo sobre
financiamento das comunidades autónomas.
Por todo o exposto non esta nada clara a
necesidade desta Lei, aínda que tampouco hai
ningún inconveniente en que se faga, sempre e
cando nela se garantan:
1) O catalogo de prestacións actual e os
mecanismos de exclusión/inclusión de
prestacións neste, e non se aproveite para
diminuílas por motivos puramente economicistas
2) Un sistema que garanta a accesibilidade ás
prestacións do SNS a calquera cidadán en
calquera punto do territorio cun mecanismo de
sancións no caso de que se produzan
incumprimentos.
3) O establecemento dun financiamento sanitario
finalista, en todo ou en parte, que polo menos
garanta uns mínimos das achegas destinadas á
Sanidade.
4) Un sistema de compensación para os gastos de
atención sanitaria das persoas que teñen o seu
domicilio habitual noutra comunidade autónoma.
Con ou sen lei son temas que deben
desenvolverse para garantir a calidade,
eficacia e eficiencia do noso sistema sanitario
público, que contra o que vén dicíndose por
algunhas fontes interesadas só periga se rompe
o seu funcionamento integrado, se avanza na súa
privatización e se perden de vista os
obxectivos de saúde.
Marciano Sánchez Bayle. Voceiro da
Federación de Asociacións para a Defensa da
Sanidade Pública
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript