Xaneiro de 2012
 
 

02/01/2012

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Os xulgados galegos tramitan unha media de cinco desafiuzamentos ao día

O número de procesos aumentou un 89% en catro anos, aínda que a tendencia rompeu no terceiro trimestre de 2011. Os concursos soben o 21% e os embargos caen o 14%

 

  • Os xulgados galegos tramitaron ata setembro unha media de 5,4 desafiuzamentos de vivendas por día, segundo os datos facilitados onte polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ). Nos nove primeiros meses de 2011 rexistráronse 1.469 procesos, un 2,6% máis que no mesmo período do ano anterior, pero se observa un cambio de tendencia no terceiro trimestre respecto aos anteriores, ao baixar os desafiuzamentos tras nove meses consecutivos de subas.
     
    As estatísticas do CGPJ tamén reflicten un incremento do número de concursos de acredores (+21,3%), de despedimentos a través do xulgado (+10,3%) e de execucións hipotecarias (+5%). Diminúen, en cambio, os embargos de calquera clase (pisos, contas ou automóbiles): un 14%.
     
    A escalada dos desafiuzamentos comezou en 2008, ano no que estalou a crise financeira e inmobiliaria. Se se toma como referencia o período xaneiro-setembro, o número de casos aumentou un 89% nestes catro anos, pasando de 776 procesos en 2008 aos 1.469 deste ano.
     
    A Coruña é a provincia que concentra un maior número de desafiuzamentos en 2011, con 604 casos, seguida de preto pola de Pontevedra (540) e a máis distancia por Ourense (177) e Lugo (148). Foi no terceiro trimestre de 2011 (xullo-setembro) cando se rexistrou un cambio de tendencia na evolución do número de desafiuzamentos en Galicia, aínda que nesa época do ano os procesos adoitan descender debido a que se computa agosto (inhábil para os xulgados).
     
    Nos tres trimestres anteriores, o número de desaloxos aumentara de forma consecutiva (456, 564 e 588 casos), pero no terceiro deste ano descendeu ata os 317 procesos, un 17% menos que no mesmo período de 2010 e o 46% menos que entre abril e xuño de 2011. Descenden tamén este ano os embargos xudiciais de todo tipo: un 14%. Entre xaneiro e setembro rexistráronse 4.012 casos na comunidade galega, fronte aos 3.455 do mesmo período do ano anterior. A caída é maior se se analiza a evolución dos últimos dous trimestres: entre xullo e setembro houbo 845 embargos, fronte aos 1.323 do trimestre anterior, o que bota un descenso do 36%.
     
    No caso dos concursos de acredores, o seu número aumentou nos primeiros nove meses do ano respecto ao ano anterior, un 21,3%, con 352 procesos nos xulgados mercantís. En taxa interanual, a suba no terceiro trimestre foi do 13%, pasando de 90 casos a 102. A nivel nacional, as suspensións de pagamentos bateron unha nova marca, con 1.817 procedementos, cun incremento do 16%.
     
    Tamén aumentaron en Galicia os despedimentos polo xulgado, que pasaron de 5.148 nos nove primeiros meses de 2010 a 5.679 no mesmo período deste ano, cunha suba do 10,31. As execucións hipotecarias subiron pola súa banda un 5,6% no mesmo período, pasando de 1.460 a 1.543 casos.

     

     

     

     

     

     

     

     

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript