02/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Non habería débeda se houbese impostos xustos
Ronald Reagan e Margaret Thatcher iniciaron hai tres décadas unha sistemática rebaixa de impostos aos máis ricos, persoas e empresas. Dende entón non cesou esa política de menos impostos aos que máis gañan e teñen. E de menos impostos pasouse a máis endebedamento dos estados. Por iso un político español puido dicir cargado de razón que "aos gobernos lles custa menos pedir prestado que subir os impostos". Aínda que, para ser exacto, debería ter dito que os gobernos prefiren endebedarse antes que recuperar o sistema de impostos máis xusto que había hai trinta anos. Non hai que molestar os ricos.
A crise da débeda en Europa e as súas
feroces consecuencias sociais teñen todo que
ver co adelgazamento progresivo da fiscalidade
(os impostos) e coa fraude fiscal. Moito máis
que con excesos ou irresponsabilidade no gasto
público.
Como recorda Sam Pizzigati, segundo o IRS (a
axencia tributaria estadounidense), en 2008, os
que gañaron en Estados Unidos máis de 200.000
dólares anuais pagaron ao goberno federal un
tipo fiscal do 22% polos seus ingresos.
Bastante menos do que pagaban os
estadounidenses máis ricos hai 50 anos. En
1961, os que gañaban máis de 27.000 dólares
anuais (equivalentes a 200.000 dólares de hoxe)
pagaron un tipo de algo máis do 31% dos seus
ingresos. E os ingresos anuais por enriba de
400.000 dólares ao ano (3 millóns de hoxe)
pagaban un tipo fiscal do 91%. Hoxe as rendas
de máis de 3 millóns de dólares pagan un tipo
do 35%.
No estado, por exemplo, as empresas apenas
pagan un 10% de imposto polos seus beneficios.
Unha porcentaxe moi afastada do tipo de imposto
por beneficios establecida que é 30% para
grandes empresas e 25% para pequenas e
medianas. As cifras da Axencia Tributaria
española mostran que as empresas eluden
legalmente ata dous terzos dos impostos que
lles corresponden. E pódeno facer porque hai
compracencia e complicidade gobernamentais cos
que máis gañan e máis teñen. Os máis ricos
deducen e reducen o que han de pagar con
triquiñuelas legais varias. De feito, as
empresas pagan por beneficios menos que as
familias, que achegan un 11,5% da súa renda.
O resultado final é menos ingresos do Estado. E
iso sen contar coa fraude fiscal pura e dura.
Continuando co estado, segundo un informe de
Gestha (sindicato de técnicos de Facenda) en
2005, último ano con datos de fraude, este foi
de 88.617 millóns de euros: 58.676 millóns
defraudados á Axencia Tributaria e 29.941 á
Seguridade Social. As grandes empresas
defraudan case o 75% do total mentres o 97% de
empresas restante defraudan un 17%. E a iso
habería que sumar outras evasións fiscais de
ricos e moi ricos (fraude en plusvalías,
arrendamentos, rendas do capital...). Se só se
evitase a metade de fraude fiscal e cobrásense
os impostos correspondentes, o estado español
tería un PIB como o de Reino Unido e superior a
Italia. E non tería déficit público.
Rajoy, novo presidente de goberno da súa
“España”, pretende aforrar o ano que vén 16.500
millóns de euros con recortes sociais,
despedimentos, sangue, suor e bágoas. Gestha
asegura que, se se reducise a economía
mergullada española en 10 puntos, se recadarían
38.500 millóns de euros anuais. A economía
somerxida no estado supón 245.000 millóns de
euros: 23,3% do PIB español. Son moitos
impostos evadidos.
Pero é que os que máis gañan e posúen son os
mimados polos gobernos que comungan con rodas
de muíño neoliberais. Como recorda Ana Flores,
"en lugar de poñerse de acordo os gobernos para
domesticar o capital, o mundo máis desenvolvido
decide deixalo circular con absoluta liberdade.
Atraer diñeiro é a obsesión dos gobernos e
compiten entre si baixando impostos".
Como denuncia Paul Krugman, o peor desta
servidume dos gobernos cos que máis teñen, é
que "a esixencia de austeridade cada vez máis
radical (para poder pagar a débeda) fracasou
como política económica, ao agravar o problema
do paro sen restaurar a confianza. E unha
recesión europea parece máis probable cada
día".
Hai que esixir e facer auditorías da débeda
para poñer fin á hemorraxia social que o seu
pagamento xera. E pelexar para recuperar un
sistema impositivo xusto e redistributivo,
contra as falsas teses da austeridade como
camiño e a limitación do déficit de débedas
soberanas como obxectivo por riba de todo. Por
riba de todo só han de estar a cidadanía e os
seus dereitos.
Xavier Caño Tamayo - ATTAC Acordem
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript