02/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Banco malo e activos tóxicos
O novo goberno do Partido Popular ten un problema xeral: como facer que aos seus votantes agora se esquezan as súas mentiras.
Fixo tantas promesas e tantas críticas ao
goberno anterior e vai ter que facer o que este
fixo -ben por obriga, ben por convencemento-
que as medidas que se aveciñan van entrar en
conflito coa parte dos seus votantes que non
poidan desfacerse da súa dignidade.
Unha desas promesas é a de que non crearía un
"banco malo" a custa dos impostos dos cidadáns.
O deste "banco malo" é unha carreira da prensa
mediática afin ao PP -que é a maioría- para
facer esquecer e, mesmo, negar as promesas do
partido tardo-franquista.
En todo caso, asistiremos ao travestismo
mediático en próximas datas de presentalo como,
primeiro necesario, para despois presentalo
como bo e demandado pola propia cidadanía. É a
prensa do Movemento do PP (ABC, El Mundo, La
Razón, La Gaceta, Telemadrid, etc.).
Aínda que xa existen diferentes bancos "malos"
na UE, todos teñen unha consecuencia tarde ou
cedo: que os cidadáns, cos seus impostos,
pagarán os chamados "activos tóxicos". Ese é o
fin e a garantía. Garantía que non chega, por
certo, a que os bancos así exonerados da súa
mala xestión do crédito vaian por iso a
aumentar este a particulares e empresas. Tal é
así que esa desconfianza e a contracción do
crédito levou o BCE de Mario Draghi a facilitar
crédito aos bancos pola xigantesca cifra de
500.000 millóns de euros o día 21 deste mes
dándolle a máquina -non pode facelo doutra
forma- de facer billetes.
É así como actúa un banco central, nada
extraordinario: crea diñeiro cando concede un
crédito e destrúeo cando se amortiza, pero
moitos criticaron en cambio cando fai iso mesmo
comprando débeda soberana dos países. A miña
opinión é que iso non vai supoñer un aumento do
crédito no estado e é dubidoso que no resto da
U.E. porque van destinalo case todo a comprar
débeda soberana nun negocio doado: contrátano
como prestatarios ao 1% co BCE e devólveno como
prestamistas aos Estados comprando bonos ao 4%
ou máis.
Para que van arriscar concedendo préstamos a
empresas e particulares?
O dos "activos tóxicos" é outro eufemismo que
trata de gravar na mente da cidadanía de que
estes activos deben separarse dos activos bos
como os virus e bacterias das células boas. É
unha estupidez, porque nada ten que ver a
bioloxía e os seus contaxios co crédito.
Os "activos tóxicos" que os coman os bancos que
os crearon e punto. Non porque se agrupen nun
banco van deixar de ser incobrables ou morosos,
porque non porque estean xuntiños os "tóxicos"
van converter en solventes aos seus debedores.
A patronal proclama que estes activos os
paguemos entre todos, estes tipos que tanto
defenden a economía de mercado e a non
intromisión do estado nos seus asuntos
reclaman, cando lles interesa, que sexa o
estado o que pague. A súa intención é coñecida:
privatizar as ganancias, socializar as perdas.
E niso están.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript