02/01/2012
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Agora a Xunta convoca axudas á edición de libros de texto para "favorecer a aprendizaxe en galego" nas clases.
Acepta tamén como subvencionables os que teñan ata un 40% escrito en castelán. A introdución da orde no DOG empeza dicindo que o galego é a lingua propia de Galicia.
Aínda sen se apagar a polémica do libro
de texto que o Valedor do Pobo recomendou
retirar e que a Consellería de Educación instou
a corrixir por poñer que "o galego é a lingua
propia de Galicia" e non transcribir íntegro o
artigo 5 do Estatuto de autonomía para deixar
constancia de que o castelán é lingua oficial
en Galicia, algo que, por outra parte, xa
indica o libro na páxina anterior. Agora a
Secretaría Xeral de Política Lingüística
convoca axudas para a edición de libros de
texto ou recursos didácticos curriculares para
niveis non universitarios, tanto en formato
impreso como dixital, destinados a garantir
unha oferta "ampla e de calidade" de material
educativo que "favoreza a aprendizaxe do
galego" nas clases. E iso si, acepta como
subvencionables os proxectos con ata o 40% en
castelán.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a
orde da convocatoria, que tamén contempla a
realización de recursos educativos
complementarios, é dicir, calquera tipo de
material que contribúa a afondar no coñecemento
dos bloques temáticos recollidos nos
currículos. Unha orde que, por certo, empeza
dicindo que o galego é a lingua propia de
Galicia.
É salientable que tamén sexan subvencionables,
como se indicou antes, os libros que teñan ata
un 40% de castelán ou outras linguas nas súas
páxinas, segundo explica a orde no DOG: "Só se
subvencionarán proxectos que estean
correctamente realizados en galego, segundo o
disposto na lexislación vixente (disposición
adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de
normalización lingüística e nas normas
ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real
Academia Galega en sesión plenaria do día 12 de
xullo de 2003). Malia o anterior, admitiranse
proxectos trimestralizados de primaria nos que
cando menos o 60% da proposta se realice en
lingua galega e nos que as materias de obrigada
impartición en galego, segundo o Decreto
79/2010, do 20 de maio, estean en galego, sendo
esta lingua a única que se terá en conta para a
valoración e subvención correspondente destas
publicacións".
Os destinatarios desta convocatoria, empresas
do sector editorial, poderán solicitar
adherirse ata o próximo 3 de febreiro. A contía
total ascende a 300.000 euros.
A valoración das propostas realizarase en
función da calidade da obra, lingüística, o
tipo de actividade, adecuación á realidade
cultural e social de Galicia, relación dos
contidos cos intereses do alumnado, tratamento
de valores democráticos e adecuación de
linguaxe ao nivel dos estudantes.
Posteriormente, aplicaranse criterios de
priorización económica para aqueles que se
encadren en ámbitos de materiais para aulas
virtuais (Abalar), específicos de atención á
diversidade, programas de cualificación inicial
ou de diversidade curricular, educación
infantil. áreas de impartición non obrigatoria
en galego e materiais destinados ao alumnado
inmigrante que utilicen soportes audiovisuais.
Galicia Hoxe
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript