26/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
As universidades galegas en dificultades económicas
A solución que desde as esferas gobernamentais se lle está a dar a crise fará que os recortes se xeneralicen nos servizos públicos. Entre a opción de maior recadación repercutindo o incremento nos bolsos dos máis poderosos e a opción de limitar o gasto público o BCE, Merkel, Sarkozy e o FMI impuxeron a opción do recorte do gasto.
Aos recortes non escapan os servizos
públicos esenciais, o repago (pagar dúas veces
polo servizo, camuflado baixo a eufemística
denominación de copago) imponse na sanidade,
redución de mestres e incremento de horas
lectivas na educación primaria e secundaria e
unha xeneralizada política de despedimentos de
persoal interino e contratado xunto coa
política de non repoñer baixas e xubilacións
prefiguran un futuro cada vez máis escuro
dentro da administración pública.
A crise vívese nas Universidades galegas dun
xeito diferente en cada unha delas, a situación
sendo difícil para todas elas parece máis
problemática na USC que nas outras dúas
universidades.
Na UDC vívese cunha certa incerteza os retrasos
nas aportacións que se teñen que recibir
doutras administracións, sobre todo da Xunta,
as máis numerosas e cuantiosas, aínda así
aseguróusenos no Consello de Goberno que os
pagos se seguen a facer cunha frecuencia
“razoable”, todos os provedores cobran nun
prazo de 30 días, e as nóminas non perigan.
De momento o orzamento está prorrogado e,
segundo as noticias aparecidas na prensa é
previsible “unha lixeira baixada”.
Vigo aprobou onte uns orzamentos para o 2012
que supoñen un descenso dun 3% respecto ao ano
anterior. Neste caso o gasto en persoal tamén
minguou, e para racionalizar o gasto corrente a
institución apertarase o cinto en todo tipo de
actuacións, desde cursos e conferencias ata
servizos externos de limpeza e aseo. Tampouco
se librarán o material de oficina, os servizos
de comunicación ou de vixilancia, entre outros.
Os ingresos da USC reduciuse en seis millóns de
euros. Hai menos, e hai máis gastos, porque os
profesores conseguen trienios, quinquenios e
sexenios que hai que abonarlles, e os gastos
correntes soben pola subida de conceptos como a
luz ou a calefacción. ¿Que facer? Sara
Cantorna, vicerreitora de Economía, teno claro.
Se se aplicase o recorte de seis millóns de
forma proporcional habería que botar a persoal,
porque supón o 67% do gasto, pero este capítulo
non se tocou. Aínda así, necesítanse máis
recursos para abonar os novos complementos,
polo que a USC recorrerá á non cobertura de
baixas nin de vacantes por xubilación, neste
último caso salvo que sexa imprescindible para
garantir a docencia. En canto aos gastos
correntes, aplicaranse medidas como o peche dos
centros polas tardes as dúas próximas semanas.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript