26/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Haberá reformas e Reformas
Promete Rajoy austeridade total no goberno, que non gastará "nin un euro de máis". Non obstante, vanse gastar un pastón en papel, a pouco que empecen a sacar borradores das moitas reformas que onte prometeu.
Si, xa sei que por agora son só
intencións, e falta moito por concretar, pero
entre as reformas prometidas onte están: o
mercado de traballo, o sector financeiro, as
contas públicas, a administración, a
fiscalidade, a xustiza, a educación, as
universidades, o sistema enerxético, as
televisións públicas, o catálogo de servizos
sanitarios, o calendario laboral, as pensións,
e algunha máis que me deixo.
Aí é nada, imaxínense os quilos de papel que
van consumir os ministerios entre informes,
borradores, proxectos, decretos e leis. Pero
non se preocupen, que como este é o goberno da
austeridade, imprimirán polas dúas caras.
"Reforma" foi a palabra máis repetida onte, e
cada parágrafo comezaba coa mesma fórmula:
"Outra reforma estrutural imprescindible será a
de... ". Tantas cousas anunciou que vai
reformar, que entre a fronde pódensenos
despistar as Reformas con maiúsculas, as que
chegarán en poucos meses: a financeira (que non
sae gratis, e é doado adiviñar quen a pagará),
a reforma da administración (que será
redimensionar, xa se entende) e das contas
públicas (onde, salvo as pensións, "todas as
demais partidas" poden ser recortadas); e por
suposto a reforma laboral, que onte adxectivou
de "integral", o que fai pensar en cereais para
o almorzo deses que dan alegría aos intestinos,
é dicir: que nos imos cagar coa reforma, con
perdón.
Unha vez quitada a follaxe tecnocrática e
eufemística (e poética, que tamén botou algúns
versos sobre nuboeiros e amañeceres), o resumo
é: recortar dereitos laborais (con cambios na
negociación colectiva, loita contra o
absentismo ou "novas fórmulas" para mozos),
limpar o lixo dos bancos, reducir o público e
meter a tesoira en todas as partidas sen
excepción nin liñas vermellas. Ben, en todas
non: o gasto en papel crecerá.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript