26/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Chegou a hora da locomotora
A Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, baseándose na optimización dos recursos existentes, vai propoñer ao Concello de Ferrol a actividade seguinte:
Establecemento dun
circuíto interescolar (para centros de Infantil
e Primaria), no que cada centro realizaría un
espectáculo (teatro, monicreques,
contacontos... ) en Lingua Galega, escollido e
preparado por eles mesmos e que sería visto
(preferentemente nas instalacións do CEIP) polo
resto dos centros de ensino que se apunten a
esta iniciativa.
A novidade fundamental estaría en que o
traslado do alumnado dun centro a outro sería
por medio do tren propiedade do Concello
coñecido como “Tren Chu - Chu”. (As cuestións
técnicas , capacidade do transporte etc.
concretarémolas posteriormente).
Os centros de fóra de Ferrol chegarían a un
lugar por concretar de Ferrol en autobús e se
trasladarían aos centros de ensino ferroláns no
tren. Faríase ao revés para que os centros de
Ferrol acudiran a outros da bisbarra.
Como paso previo á realización completa desta
actividade para o curso 2012-2013, proponse a
posta en marcha dun ensaio durante o presente
curso. Por esta razón, pregámosvos que de
estardes interesados nesta iniciativa enviedes
canto antes un correo electrónico á
Coordenadora indicándoo, xa que só escolleremos
no presente curso aos que se anoten en primeiro
lugar (o número dependerá das negociacións que
imos ter co Concello).
Un cordial saúdo.

A UDC estrea dicionario de química en galego
O volume consta de 7.000 entradas e un
glosario con 200 palabras ademais de anexos
como a táboa periódica. O libro, que xa se pode
reservar en librerías, sae cunha tirada inicial
de 500 exemplares
O primeiro dicionario de química en galego xa
se pode reservar nas librerías. A Universidade
da Coruña é a responsable da edición desta
obra, que consta de 7.000 lemas que incorporan
as últimas actualizacións internacionais de
nomenclatura. O libro elaborouse con
asesoramento de especialistas en química e en
lingua galega e en colaboración co Servizo de
Normalización ingüística. Os autores e os
asesores confían en que sirva de manual e
referencia a estudantes e investigadores e, ao
tempo, contribúa ao uso normal do galego
A Universidade da Coruña (UDC) é a impulsora e
responsable da edición do primeiro dicionario
de química en galego, que se publica no Ano
Internacional da Química cunha tirada inicial
de 500 exemplares. O volume, realizado por
Antonio Juan José Guillín Fraga, Antonio Varela
Caamaño e Ramón Vilalta López, consta de 7.000
entradas e un glosario con 200 palabras,
ademais de anexos con información
complementaria, como a táboa periódica. O
Dicionario de Química xa se pode reservar en
librerías e inclúe nas súas 456 páxinas as
últimas actualizacións na nomenclatura a nivel
internacional, explicou onte en representación
dos autores Ramón Vilalta, que presentou a obra
xunto ao director do Servizo de publicacións da
UDC, Fernando González, ao vicedecano de
Química na Facultade de Ciencias, Moisés Canle;
e á directora do Servizo de Normalización
Lingüística, Goretti Sanmartín.
A elaboración da obra contou co asesoramento
lingüístico e terminolóxico do Servizo de
Normalización Lingüística da universidade
coruñesa. A súa directora, Goretti Sanmartín,
confiou en que o texto contribúa a que o galego
"sexa unha lingua normal" ao facilitar o seu
uso aos docentes que precisen unha referencia
para determinados conceptos ou aos que atopan
dificultades no uso da lingua galega porque non
foron formados nela.
"Non imos caer a estas alturas en dicir que un
dicionario vaia facer que se use máis o galego.
É unha cuestión de vontade persoal, de
compromiso coa lingua", explicou Sanmartín,
quen afirmou non posuir datos novos acerca do
uso do galego na institución académica
coruñesa, pero sí sostivo que "non é
equiparable" ao do castelán nin ao uso do
galego na sociedade. "Xa sabemos que o galego
está enfermo e as institucións públicas temos
que estar na vangarda para conseguir o
equilibrio", sostivo Sanmartín.
A directora do servizo asegurou que as
definicións son "moi rigorosas" xa que,
apuntou, a súa elaboración contou con
asesoramento "do ámbito da química e da lingua
galega". Sanmartín considerou que o volume non
só servirá para especialistas e amosouse
confiada en que o texto se convirta nun manual
de referencia para os estudantes de Secundaria.
O coautor e coordinador da obra, Ramón Vilalta,
defendeu o galego como lingua apta para a
ciencia e criticou as "creencias infundadas"
que o rexeitan para determinados ámbitos,
creencias das que "vive" o decreto do
plurilingüismo da Xunta, sostivo. Vilalta citou
a Galileo para afirmar que a linguaxe da
natureza son as matemáticas, de xeito que
calquera outra lingua que fale dela ten que
traducirse das matemáticas e, por tanto, "todas
son válidas". "O galego non ten ningún
defecto", sentenciou.
A elaboración do Dicionario de Química comezou
en 2003, lembrou o seu coordinador, quen
relatou as dificultades con que se toparon os
responsables do volume, ao que afectou dende a
crise económica ata unha actualización a nivel
internacional da nomenclatura que obrigou a
revisar "a fondo" todo o traballo para que,
cando vise a luz, tivese anos de vixencia e non
quedase desactualizado en poucos anos.
O responsable de publicacións da UDC asegurou
que continuarán nesta liña. "Estamos decididos
a seguir con esta política, tamén desde outros
ámbitos, non só investigadores da propia
institución, e sempre con vocación de servizo
público", asegurou González, e sinalou que o
libro xa se pode reservar en librerías e que
acaba de comezar o proceso de reparto.
O vicedecano da Facultade de Ciencias calificou
de "orgullo" que os tres autores do Dicionario
de Química sexan antigos alumnos do seu centro
e que a UDC financie obras como a presentada
onte na Maestranza. Canle defendeu a
publicación do libro como "a mellor
celebración" do Ano Internacional da Química:
"É unha celebración durable, non como unha
conferencia ou unha exposición, senon que pode
durar decenas de anos ou máis".
Carencias na formación
Vilalta amosouse crítico coa organización da
ciencia no ensino. O docente denunciou que a
Química "é unha das asignaturas que, sen saber
por qué, hai que dar en castelán" e xulgou
"triste" que, dacordo co actual modelo
educativo, sexa posible "acabar unha carreira
de ciencias sen ir a un curso de Física".
Vilalta criticou "cousas como que nalgúns
institutos é incompatible coller as asignaturas
de Física e Química nun mesmo curso e que o
Bacharelato xunta Física e Química nunha mesma
materia de catro horas semanais".
Vilalta afirmou que a formación científica en
España "é un problema estructural, non de
agora" e que, por circunstancias, "en Galicia
aínda máis", e alertou de que esa carencia
educativa "repercute na formación como
cidadáns". O coordinador do Dicionario de
Química comparou o tratamento das materias de
ciencias no ensiño español co de Finlandia.
Mentres que aquí se pode rematar o
Bachillerato, pola opción de ciencias, con 64
horas de Física en 2 anos, os estudantes
fineses deben cursar 304 horas obrigatorias
desa materia.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript