26/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A Eurozona achegará 150.000 millóns ao FMI
Xusto no momento no que Rajoy anunciaba no parlamento medidas de axuste para aforrar uns 16.000 millóns coñecíase que o Estado Español achegará 15.000 millóns para contribuír ao fondo que axudará aos estados que necesiten un rescate
O estado español achegará uns 14.860
millóns de euros ao FMI no marco do acordo
alcanzado pola eurozona para
aumentar os recursos da institución en 150.000
millóns co fin de que poida axudar mellor
aos países do euro en dificultades.
Os ministros de Finanzas da Unión Europea
analizaron nunha conferencia telefónica o
aumento dos recursos do Fondo Monetario
Internacional (FMI) a través de préstamos
bilaterais dos 17 países da eurozona e os
demais membros da UE tras prometer no último
cumio europeo que considerarían incrementar a
súa achega en 200.000 millóns de euros.
A idea era que a eurozona
achegase 150.000 millóns de euros e que os
restantes 50.000 millóns provirían do resto de
membros da Unión Europea, pero
de momento os 17 países do euro só lograron
compromisos por parte da República Checa,
Dinamarca, Polonia e Suecia, mentres que o
Reino Unido se negou a participar e indicou que
só o fará no marco do GR-20.
"O Reino Unido indicou que definirá a súa
contribución a principios do próximo ano no
marco do GR-20", sinalou o presidente do
Eurogrupo e primeiro ministro luxemburgués,
Jean-Claude Juncker, nun comunicado tras a
conferencia telefónica.
O ministro británico de
Finanzas, George Osborne, confirmara pouco
antes que o seu Goberno non fará achegas extra
ao FMI, porque se ben o Reino
Unido está disposto a axudar ao Fondo non quere
darlle máis recursos se só se beneficia a zona
euro.
Un voceiro do Tesouro británico xa explicou a
semana pasada a Efe que o Reino Unido está
"disposto a incrementar os recursos do FMI
xunto con outros países do mundo co fin de
axudar a calquera nación con problemas".
Neste contexto, os ministros de Finanzas da UE
pediron hoxe aos "membros do GR-20 e outros
membros do FMI financeiramente fortes que
apoien os esforzos para salvagardar a
estabilidade financeira mundial contribuíndo a
incrementar os recursos do Fondo", segundo o
comunicado.
Pero o aumento dos recursos da institución
financeira dirixida por Christine Lagarde por
parte da eurozona e dos outros catro países da
UE que indicaron a súa disposición a participar
no proceso non está garantido, dado que
para algúns Estados membros da Unión,
"os compromisos están suxeitos a aprobación
parlamentaria", advirte Juncker.
A repartición da contribución dos 150.000
millóns de euros por parte da eurozona ao FMI
basearase nas cotas establecidas a partir da
reforma que se acordou en 2010 no fondo.
A achega do estado ascenderá en
consecuencia a 14.860 millóns de euros
(o 9,91%), segundo unha desagregación
indicativa facilitada polo Consello Europeo.
A maior achega corresponderalle a Alemaña
(41.500 millóns, seguida de Francia (31.400
millóns) e de Italia (23.480 millóns).
Para a UE, o aumento dos recursos do FMI, con
sede en Washington, "reforzará a capacidade do
Fondo para cumprir as súas responsabilidades
sistémicas de apoiar os seus membros, o que é
especialmente importante tendo en conta a
ralentización económica actual e as tensións
nos mercados financeiras".
En calquera caso, subliñan os ministros de
Finanzas, calquera axuda do FMI
aos países europeos se baseará nas condicións
normais do Fondo, o que se traduce nunha
supervisión e en plans de axustes e reformas
como é o caso de Grecia, Irlanda e Portugal.
A UE e en particular a eurozona din estar
"plenamente conscientes da súa responsabilidade
especial" na crise actual e por iso os
ministros recordan que no cumio do 8 e 9 de
decembro todos os países do bloque comunitario
salvo o Reino Unido pecharon un pacto
presupostario para garantir a disciplina
fiscal, entre outros acordos.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript