26/12/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


Intereses variables, mercados e usura
Manteño unha conta corrente aberta (nómina, recibos, seguro de fogar...) dende hai máis de 30 anos e levo máis de 15 sen pedir un crédito; agora ofrécenme, por escrito, un préstamo inmediato de 20.000 euros cunha comisión de apertura do 2,2% e un interese do 14,01% (TAE).
Para eles é unha oferta comercial envexable, para min é usura, para o Goberno son "os mercados internacionais".
Por sorte non necesito o préstamo, por desgracia non podemos contar co Goberno para que limite o espolio sistemático ao que estamos a ser sometidos os que dependemos dun soldo para sobrevivir: os traballadores, os asalariados, a sufrida clase media-baixa, os consumidores, os clientes, os morosos ou como queiran chamarnos. En definitiva, os que asistimos gozosos ao éxito das "nosas" empresas internacionais, como é "o meu banco", e impávidos ao anuncio de que o paro se manterá por enriba do 21% durante os próximos catro anos.
Hoxe sabemos que o Banco Central Europeo concedeu aos bancos un supercrédito ao 1% de interese.


 

Suspenso en educación, sanidade e xustiza social
Dende estas liñas, quixera compartir a miña indignación, desencanto e desacougo pola actual situación na que nos encontramos. Non me considero un idealista, nin moito menos, pero non podo evitar preguntarme cara a onde nos diriximos, que futuro lles espera aos nosos fillos? Hai xa moitos anos, cheguei ao convencemento de que unha sociedade moderna e evolucionada debería sustentarse sobre tres piares fundamentais: educación, sanidade e xustiza. Pois ben, no que respecta ao primeiro, impartíase un ensino de maior calidade en tempos da Segunda República, cando países como Dinamarca ou Noruega enviaban agregados culturais para estudar o modelo educativo español. Hoxe en día, o sistema docente é unha auténtico desastre. A situación da sanidade tampouco é mellor. A semana pasada comunicáronme o falecemento dun bo amigo que estivo tres días nos corredores dun hospital en espera de quirófano, algo propio dun país terceiromundista. En canto á xustiza social, que valoración se pode facer dun sistema onde o 1% da poboación posúe o 95% da riqueza, no que traballar converteuse nun luxo e no que cada vez son máis os que perden a vivenda pola que estiveron a loitar toda a súa vida en beneficio dese 1% que cada vez é máis rico e poderoso e ao que cada día lle importa menos o benestar do restante 99%? E aínda hai quen ten o cinismo de criticar noso dereito a estar indignado.

 

As marionetas corruptas do capital
Ao igual que outros países de Europa como Grecia, Italia, Portugal e Irlanda, ou sexa, a flor e nata da UE, o noso estado tamén decidiu poñer os raposos a coidar do galiñeiro. Rajoy decidiu outorgar a carteira de Economía a unha persoa que estivo de conselleiro nun deses centros de especulación (Goldman Sachs) que nos levaron á crise e que calaron por interese propio cando sabían o delicada que era a situación. Isto recorda a aquel “español” que fuxiu do FMI e que tamén sabía pero decidiu non abrir a boca e hoxe dirixe unha caixa que así vai. Resulta que estes individuos copan os postos de decisión económica dos países. Pensaba que o capital o manexaba a dereita, pero non é verdade, quen encarna a política conservadora é o capital e para iso sitúa onde é mester a meros xoguetes que se prestan a iso, para facer o paripé democrático. Os cidadáns cos seus votos desexaron que o anterior aconteza. Temos aquilo que merecemos.


Patriotismo climático na cesta da compra
En Durban puidemos constatar que os intereses económicos dalgúns se impuxeron finalmente aos intereses ecolóxicos de todos, o que sen dúbida representa o triunfo do egoísmo e a inxustiza.
Aínda que pareza que pouco podemos facer ao respecto, o certo é que todos temos como consumidores un gran poder para defender a Terra e lograr que o sentido común acabe por impoñerse. O segredo é sinxelo; consiste en discriminar positivamente nas nosas compras aqueles produtos elaborados en países e por empresas ou persoas que cumprisen coa normativa europea sobre medio e emisión de gases de efecto invernadoiro, e se rexeiten aqueles outros produtos que non se sometesen a análogas esixencias ambientais.





 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript