19/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O Consello Galego de Universidades comeza a discutir o proxecto de lei do Sistema Universitario de Galicia
O documento, presentado polo Conselleiro de Educación, ten como obxectivo a elaboración dunha lei “necesaria pola actual dispersión da normativa existente”.
No Consello Galego de
Universidades (CGU) realizado o día 12
presentouse o documento de traballo para a
elaboración da Lei do Sistema Universitario de
Galicia (SUG).
Asemade no CGU, celebrado no campus das Lagoas,
na Universidade de Vigo, tamén se deu conta da
aprobación definitiva do Decreto polo que se
regulan as ensinanzas universitarias oficiais
en Galicia. Ademais, os representantes das
universidades públicas de Galicia designaron ao
representante galego no Consello Científico do
programa MaB da Unesco.
Documento presentado
No relativo ao documento relativo á futura
lei galega de universidades, o conselleiro
recordou que “a normativa existente nestes
momentos adoece dunha marcada dispersión, polo
que a Consellería comezou a traballar nun
documento centrado na necesidade de dotar á
nosa Comunidade Autónoma dun texto único que
sirva como marco referente en materia de
universidades“, ao tempo que recordou que “este
documento de traballo que hoxe presentamos
precisa da colaboración de todos para así dotar
ao sistema universitario dun marco normativo
que o conduza aos máximos niveis de eficiencia
e excelencia a nivel nacional e internacional“.
Ao mesmo tempo dixo que “é necesario un modelo
flexible, que se adapte ás transformacións que
está a vivir a sociedade galega en xeral e o
ensino universitario en particular, entre
outras razóns, pola implantación do Espazo
Europeo de Educación Superior”.
Principais liñas
Así sinalou que a futura lei terá como liñas
estratéxicas: a racionalización da oferta
docente no tocante á oferta de graos-postgraos
e de centros universitarios, de acordo coas
demandas existentes en Galicia; o fomento da
cooperación e a mobilidade interuniversitario;
a mellora das estruturas administrativas e de
gobernanza interna das universidades,
especialmente dos Consellos Sociais; e
incrementar a conectividade e a transferencia
de coñecemento coa sociedade civil e os
sectores produtivos.
Tamén se terá en conta o reforzo da función
investigadora da Universidade e a súa conexión
con outros centros de tecnolóxicos e
investigadores; avanzar cara unha maior
internacionalización das universidades;
propoñer liñas de acción tendentes a reducir o
abandono dos estudantes universitarios;
promover e facilitar a igualdade de acceso ao
sistema universitario; fixar, a través dos
Plans de Financiamento Universitario, os
recursos precisos para converxer coas medias
estatais e europeas de gasto público en ensino
superior en porcentaxes de PIB; e definir,
partindo dos principios da Lei de Ciencia, unha
carreira investigadora”.
Respecto da elaboración do documento, e na
busca do consenso a finais do mes pasado tivo
lugar unha primeira xuntanza coas vicerreitoras
responsables de titulacións das tres
universidades, ás que se proporcionou un
esquema de contidos posibles para o primeiro
documento de traballo, e se solicitou a achega
de suxestións sobre temas a incluír no mesmo.
Nesta primeira versión incorpóranse tamén as
suxestións aprobadas polo PP e PSOE hai poucos
días no Parlamento de Galicia.
Agora, durante preto de dous meses, abrése un
prazo para que os membros do CGU poidan
analizar esta primeira proposta e acheguen as
suxestións de mellora que estimen oportunas.
Consello Científico do programa MaB da
Unesco
Durante o CGU, os reitores das universidade
galegas ratificaron a Pablo Ramil Rego no posto
de representante no Consello Científico, órgano
asesor do Comité Español do Programa MaB da
UNESCO, que leva exercendo desde fai catro
anos.
O programa MaB “home e biosfera” serve de
instrumento para a formulación de criterios e
exemplificar un novo modelo de relación do ser
humano coa natureza. Neste senso o Consello
Científico figura como órgano de asesoramento,
con representantes das universidades das
comunidades que teñen declaradas reservas da
Biosfera, como é o caso de Galicia cos Ancares
Lucenes e Montes de Navia; ou a Transfronteriza
Gerês- Xurés, entre outras.
Regulación ensinanzas oficiais
Por outra banda, cómpre sinalar que o Decreto
polo que se regulan as ensinanzas
universitarias oficiais en Galicia, xa se
publicou o 9 de decembro no Diario Oficial de
Galicia. No encontro de hoxe deuse conta do
proceso que se desenvolveu para a súa
elaboración cuxo anteproxecto xa foi sometido a
informe no CGU no mes de maio. Desde entón e
ata o pasado 2 de decembro, data no que o texto
definitivo foi aprobado en Consello da Xunta,
realizáronse distintos informes a partir dos
que se realizaron modificacións atendendo as
suxestións presentadas polos departamentos
implicados. Xa na última etapa, o decreto
enviouse ao Consello Consultivo, no que se
realizaron alegacións e en función destas
procedeuse aos últimos cambios.
Durante a súa intervención no CGU de hoxe, o
conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad,
sinalou que “estamos convencidos de que esta
era unha norma necesaria para o Sistema e as
regulacións contidas nela contribuirán de xeito
moi positivo a acadar un ensino universitario
na nosa comunidade de calidade e adaptado ao
que a sociedade espera das nosas
universidades”, ao tempo que recordou que “o
texto final foi aprobado por todas as partes
implicadas, Consellería de Educación e as tres
universidades galegas”.
Os asistentes
Na reunión, celebrada en Vigo, estiveron
presentes o conselleiro de Educación, Xesús
Vázquez Abad; e o secretario xeral de
Universidades, José Alberto Díez de Castro; a
subdirectora xeral de Universidades, Beatriz
Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do
Sistema Universitario, Lourdes Rodilla Jiménez.
Así mesmo estiveron os reitores de Vigo,
Salustiano Mato; da Coruña, e de Santiago, José
María Barja e Juan Casares Long,
respectivamente.
Xunto a eles asistiron ao CGU o director da
Axencia da Calidade do Sistema Universitario
Galego, José Eduardo López Pereira; os
presidentes dos consellos sociais das
universidades, Manuel Puga Pereira (USC) e
Ernesto Pedrosa Silva (UVIGO). Ademais de Xosé
Manuel Cid Fernández, decano da facultade de
Ciencias da Educación de Ourense; Federico
Vilas Martín, catedrático do área de
Estratigrafía da facultade de Ciencias do Mar,
ambos da UVIGO. Xunto a eles Maite Cancelo,
ex-decana da facultade de Ciencias Económicas e
Empresariais da USC.
Cómpre sinalar que este é o último CGU ao que
José María Barja asistiu como reitor da
Universidade da Coruña, e en referencia a el, o
conselleiro de Educación sinalou que “quero
facer un recoñecemento público á súa labor como
membro distinguido do SUG para o cal veu
traballando de xeito incansable nos últimos
oito anos, tanto desde a súa universidade como
no seo deste consello e nos distintos órganos
dos que formou parte”.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript