19/12/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 

 

Alegato en defensa dos traballadores da administración pública, publicado na Opinión Coruña, na contraportada. Parécenos interesante e participámolo a todos/as. Grazas ao compañeiro que nolo enviou.Como e moi longo, as cartas que nos enviastes irémolas publicando en PASquins sucesivos.
 
A propósito de Padi  
Chegaches emocionada da despedida a Padi pola súa xubilación. Recordaches, querida, que fora a túa primeira compañeira de traballo na Universidade de Santiago, cando o persoal de administración erades catro gatos, sobre os que se foi construíndo a armazón administrativa actual. Subliñaches o ambiente masivo e emotivo do ágape porque, dixeches, Padi na Universidade é unha institución e gañou o afecto e o recoñecemento de todo Deus. Eu, a verdade, seguía o teu relato un tanto distraído porque sabía o que ías dicir, xa que tamén coñezo a Padi, se dos seus moitos anos de traballo impecable, da súa relación exquisita con todos, da súa lealdade incuestionable ao administrado, gobernase quen gobernara a institución, e da súa implicación, non se sabe se máis silenciosa ou efectiva, en todos os procesos de mellora e optimización do traballo colectivo. Pero xusto cando dixeches o de que era unha institución, é dicir, que encarnaba os mellores carácteres e o prestixio do colectivo de funcionarios, estaba na pantalla da tele un tipo da patronal baduando contra eles e revolvéronseme as tripas. Falaba o tipo da necesidade de rematar co que chamaba os privilexios dos funcionarios. Privilexios que, segundo el, a sociedade non admitía nin comprendía e que, en consecuencia, había que sometelos ás mesmas posibilidades de despedimento e precariedade do sector privado. En definitiva, soltou o elemento todos os lugares comúns da propaganda demagóxica con que se está a destapar aceleradamente o máis reaccionario da patronal e dos seus epígonos neoliberais da política. Recordarás que che preguntei, entón, cantos anos levaba traballando Padi, cal era o seu grao actual na administración e canto estaría a gañar actualmente. Dixéchesme que levaba traballando case 39 anos, que era administrativa cunha Xefatura de negociado e que estaría a cobrar ao redor de 1.500 euros por todos os conceptos. Como para colgar o chiquilicuatre da patronal!
 
Creo, querida, que os funcionarios e as organizacións que vos representan deberían saltar á palestra pública para tapar a boca dos demagogos e defender, coa forza e contundencia que se precise, o voso traballo, imprescindible para a orde social e a defensa dos dereitos da cidadanía, e a vosa dignidade persoal e colectiva, que se está a ser salvaxe e inxustamente atacada.
 
Estes elementos pretenden precarizar a todos os funcionarios, que non só sodes os administrativos, senón tamén os médicos, policías, xuíces, mestres e todos os servidores públicos. O seu obxectivo non é outro que privatizar e converter en negocio os servizos que prestades, por certo, moi modestamente remunerados. Pero fíxate que, cando falan de funcionarios, nunca aclaran isto, senón que tratan de transmitir á cidadanía e á opinión a imaxe de "funcionario igual a persoa que traballa na Administración detrás dunha mesa movendo papeis, que non dá golpe, cobra moito e ademais non hai quen o bote". Unha auténtica impostura. En segundo lugar, tratan de presentar o voso traballo estable como un privilexio escandaloso dos funcionarios, cando en realidade é unha garantía para a necesaria independencia, continuidade e calidade do servizo que prestades á cidadanía. En realidade, son os cidadáns os primeiros interesados obxectivamente en que o traballo do funcionario sexa estable.
 
E por último, querida, sendo Padi unha persoa excepcional e por iso tan querida, tamén é necesario engadir que, afortunadamente para todos, no servizo público hai moitas persoas parecidas. A maioría.
 
Dálle un bico a Padi da miña parte.
 
Andrés


 

 

 

.




 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript