12/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Tranvías reparte o beneficio entre os seus accionistas
O concello permitiu a medida malia que os números verdes son grazas ás subvencións públicas.
Un déficit de explotación subvencionable
de 3,1 millóns de euros, subvencións municipais
ao bonobús que ascenden a 7,2 millóns e un
resultado de explotación positivo que suma máis
de catro millóns. Independentemente do concepto
das achegas económicas do Concello, a partida
remitida en 2010 dende o pazo de María Pita á
Compañía de Tranvías permitiu que a empresa
rexistrase máis de catro millóns de euros en
beneficios, os 50% dos cales foi repartido
entre os accionistas da concesionaria do
transporte urbano. Outra parte foi a "reservas
voluntarias" e, dos 1,27 millóns de euros
restantes, nada se sabe.
Dous millóns de euros "a dividendos" dos
accionistas e 794.900 euros "a reservas
voluntarias". Son os únicos datos que ofrece a
Compañía de Tranvías nas súas contas sobre o
destino dos máis de catro millóns de euros en
beneficios que rexistrou en 2010 polo servizo
de transporte urbano que, en réxime de
concesión municipal, asume na cidade dende
decembro de 1986.
Malia non detallar en que investiu os 1,27
millóns de euros que, derivados de restar ao
resultado de explotación os dividendos que
reparte entre os accionistas e a cantidade
destinada a fondos propios, a concesionaria si
concreta, no seu informe de xestión, en que
ámbito opta por non investir un céntimo. "A
sociedade non inverteu importe ningún en gastos
de investigación e desenvolvemento ao longo do
exercicio 2010", reza o documento rubricado
polos administradores da Compañía de Tranvías,
e accesible no Rexistro Mercantil. No referido
ao impacto ambiental, a empresa subliña que
efectúa "gastos tendentes a minorar o efecto
ambiental negativo que a actividade orixina",
aínda que non concreta partida económica
ningunha.
O "déficit de explotación subvencionable
-necesidade de subvención- " contabilizado pola
concesionaria á fin do exercicio de 2010
ascendeu a 3,1 millóns de euros e a achega
económica que o Concello, por convenio, destina
a Tranvías para financiar o bonobús sumou máis
de 7,2 millóns de euros. Na práctica, polo
tanto, son as arcas municipais as que fan
posibles uns beneficios que superan os catro
millóns, os 50% dos cales foi repartido en
dividendos entre os accionistas da
concesionaria.
Sobre unha posible revisión do acordo de
concesión que o Concello ten coa Compañía de
Tranvías, dende decembro de 1986 -cando na
sesión plenaria do 1 de decembro se estipulou o
convenio de regulamento e a normativa de réxime
interno da adxudicataria do servizo de
transporte urbano- e ata 2023, o Goberno
municipal evitou onte pronunciarse. Os grupos
da oposición, non obstante, anunciaron que non
se opoñerían. É máis, o BNG instou o Executivo
coruñés a crear unha comisión de investigación
da empresa para coñecer as súas contas e, de
feito, o voceiro nacionalista Xosé Manuel
Carril levará a pleno a revisión da concesión.
Tamén houbo silencio na sede da Compañía de
Tranvías, cuxo xerente, José Prada, evitou
xustificar en que investiu os 1,27 millóns de
euros restantes das ganancias alegando "ordes
da Concellaría de Mobilidade".
A concesionaria tamén omite que os beneficios
de explotación derivan, na práctica, da achega
municipal vía subvencións ao bonobús. Tal e
como rezan os dous primeiros puntos do informe
de xestión, "os ingresos derivados da
actividade típica da empresa incrementáronse
respecto ao exercicio 2009 en 521.433 euros, o
que supón un aumento do 2,62", unha variación
que xustifica en "o aumento da tarifa nunha
porcentaxe similar unida a un mantemento do
número de viaxeiros". En canto á suba dun
25,79% no resultado de explotación (en relación
ao de 2009) ", sinala que é "orixinado por un
incremento na cifra de negocios" e polos
ingresos por "publicidade".
A Opinión
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript