12/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O Estado español, á cabeza da UE en sobrecualicación laboral
O paro ten estes efectos, o lastre de máis de 5 millóns de parados provoca que tres de cada dez empregados teñen unha maior formación que a requirida para o traballo que desempeñan.
Seis de cada dez estranxeiros que residen
no estado (o 58%) están a traballar en empregos
para os que están sobrecualificados, segundo os
últimos datos da oficina estatística da UE,
Eurostat, de 2008, fronte á media do 34% dos
estranxeiros que residen na UE (un 9,4% nesa
data). Tan só Grecia está por enriba cun 62%.
O mesmo dato medido só para a poboación
autóctona non pinta mellor, xa que sitúa a
España á cabeza da UE en canto a poboación
cunha formación maior ao traballo que está a
exercer (o 31% fronte ao 19% da media europea).
Non obstante, hai que ter en conta que estes
datos, debido á lentitude coa que traballa
Eurostat, corresponden a hai tres anos, antes
da explosión da crise económica e á saída da
inmigración pola falta de emprego. O número de
residentes extracomunitarios no estado,
especialmente os latinoamericanos, freou o seu
crecemento, tal e como reflicte a última
estatística da Secretaría de Estado de
Inmigración e Emigración.
"Todo o mundo sabe que hai dous montóns de
currículo. Nun van os de determinadas
universidades e ao outro van o resto". Así
denunciou hai un mes o reitor da Universidade
Carlos III de Madrid, Daniel Peña, as
debilidades do sistema español de Educación
Superior. "Algunhas universidades colocan ao
80% dos seus graduados no mercado laboral e
outras non", explicou nunha mesa redonda
organizada en Madrid pola Obra Social La Caixa.
O reitor da universidade madrileña criticaba
así unha das orixes da sobrecualificación que
padece a man de obra no estado. A proliferación
de universidades nas últimas décadas ata chegar
a 74 campus públicos e privados permitiu que a
taxa de graduados universitarios entre os mozos
sexa superior á media da UE, chegando ao 39%.
Non obstante, o número de titulados en
Formación Profesional (FP) de grao medio
(equivalente ao Bacharelato) apenas alcanza o
50% dos que se titulan de media da UE.
O impacto da crise económica no mercado
laboral, tomando o ano 2008 como data de
inicio, foi desvastador. No momento da quebra
de Lehman Brothers España tiña rexistrados
476.500 licenciados universitarios no paro.
Actualmente hai 1.013.100, segundo os últimos
datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). A
evolución do desemprego dende 2008 fai indicar
que a sobrecualificación creceu dende os datos
que publicou Eurostat.
A falta de titulados en Formación Profesional
foi cifrada polo Ministerio de Educación en
200.000 persoas. Eses son os titulados que
necesita o estado para equilibrar a súa oferta
de profesionais que os especialistas cualifican
de reloxo de area. É dicir, moitos
traballadores apenas contan co ensino
obrigatorio (un 60% dos cinco millóns de
parados) e outra gran cantidade son
universitarios, sen que haxa profesionais con
titulación media.
A propia universidade recoñece a súa ineficacia
para xerar un tecido produtivo que demande
titulados de alta cualificación. Un informe
presentado o pasado mes de febreiro pola
Conferencia de Reitores das Universidades
Españolas (CRUE) determinou que a demanda de
matriculacións dende o ano 1996 caeu un 15,15%,
mentres que o número de títulos ofrecidos
creceu un 43,39%. O documento achacaba o
desfase á presión que se exerce dende "os
intereses dos claustros académicos".
Despois do estado español, Irlanda (co 29%) e
Chipre (27%) son os países da UE con maior
porcentaxe de empregados que fan un traballo
por debaixo das súas posibilidades académicas.
No outro extremo, República Checa e Eslovenia
(7%) son a cara máis baixa da estatística.
O informe de Eurostat non só fala da
sobrecualificación laboral, senón das
diferenzas entre inmigrantes e os nacidos no
estado á hora de sobrevivir á recesión. A
estatística europea sinala que o 31% da
poboación inmigrante da UE está en risco de
pobreza ou exclusión social, por enriba do 20%
da media da poboación nacida nalgún dos 27
países da UE.
Os estranxeiros, ademais, teñen máis riscos de
vivir en peores condicións. En 2008, segundo os
datos do estudo de Eurostat, o 23% dos
inmigrantes residía en vivendas con demasiados
habitantes, fronte ao 19% da media dos
autóctonos. As diferenzas entre os dous
sectores de poboación son notablemente altas en
Austria (40% de estranxeiros fronte ao 9% de
austríacos); Grecia (49% e 26%); Eslovenia (61%
e 41%) e Francia (26% e 8%).
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript