Decembro de 2011
 
 

12/12/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O BCE, o "lobby" da banca

Para que serve un banco central? Unha das actividades que un Banco Central realiza nun país é imprimir diñeiro para, entre outras cousas, comprar a débeda pública do seu Estado e con iso baixar os intereses que teña que pagar o seu Estado para poder vender os seus bonos públicos.

 

  • Noticias relacionadas

  •  

     

    Deste xeito, cando os mercados financeiros queren especular sobre o prezo de tales bonos públicos (promovendo nos medios de información, con axuda das axencias de cualificación de riscos como Estándar & Poor's, que os estados non poderán pagar os intereses de tales bonos, forzándolles a pagar uns intereses moi altos para poder vender os seus bonos -o que se chama prima de risco-), entón o banco central fai funcionar as súas imprentas e produce moeda coa cal comprar a súa débeda pública, defendéndoa fronte á especulación. Isto é o que fai un banco central digno do seu nome. Nin que dicir ten que hai tamén riscos en imprimir moito diñeiro, porque, cando hai moita moeda, pode incrementarse a inflación. Pero a inflación na eurozona non é un problema. Antes ao contrario, é demasiado baixa, dificultando o crecemento económico, que é o maior problema desta comunidade monetaria.
     
    O problema coa débeda pública dos países da eurozona é que os seus bancos centrais non poden imprimir diñeiro nin tampouco poden comprar a súa débeda pública. Os estados están totalmente desprotexidos. De aí que todos (dende Grecia ata Alemaña) teñen ou terán problemas coa súa débeda pública. O único banco central que pode imprimir diñeiro é o Banco Central Europeo (BCE). Pero o problema con este é que non actúa como un banco central, é dicir, non compra os bonos públicos dos estados membros, nin tampouco presta diñeiro aos estados. O famoso artigo 123 do seu regulamento dio moi claro. O BCE non poderá comprar débeda pública dos estados. Estes non poden facer nada fronte á especulación dos mercados financeiros.
     
    Os que si poden pedir prestado diñeiro ao BCE son os bancos privados, e pódeno conseguir a uns intereses baixos, ao 1,25%. En cambio, os estados teñen que pedir prestado diñeiro aos bancos, pagando uns intereses elevados, mesmo do 7%, como é o caso de Italia (en España é o 6,5%). Este arranxo é unha bonanza para os bancos privados. Conseguen diñeiro doadamente do BCE e con iso compran bonos públicos que lles producen unha rendibilidade do 6% ou do 7% do que compran. O BCE actúa deste xeito, privilexiando os bancos privados sobre os estados, transformándoo nun lobby da banca.
     
    Como consecuencia desta situación, os estados téñense que endebedar máis e máis e deben moito diñeiro aos bancos privados. E aí está a raíz do mal chamado problema da débeda pública, que é mesmo máis acentuada naqueles países como Grecia, Portugal, Irlanda, España e Italia, que despois de estar gobernados polas dereitas pola maioría do período posterior á II Guerra Mundial, teñen estados moi pobres (os seus ingresos ao Estado son moi baixos: España, por exemplo, só representa un 34% do PIB, fronte ao 44% na media da UE-15 ou o 52% no caso de Suecia), resultado dunhas políticas fiscais moi regresivas e dunha enorme fraude fiscal (en España calcúlase que alcanza uns 65.000 millóns de euros).
     
    A débeda pública destes estados foi crecendo, non porque o seu gasto público fose crecendo (como os autores neoliberais erroneamente indican), senón porque cambiaron de banco. En lugar de conseguir diñeiro do seu propio banco central, agora teñen que pedir prestado diñeiro aos bancos privados. En realidade, se puidesen pedir prestado diñeiro ao BCE a uns intereses de 1,25% (como os bancos privados), non habería ningún problema coa súa débeda pública. (Ver Ellen Brown, The European Central Bank withholds relief while Rome Burns). E aí está a raíz do problema. Deseñouse un sistema na eurozona no que os estados dependen da banca privada para conseguir diñeiro. E esta é unha realidade que o lector raramente lerá na prensa financeira ou económica.
     
    Os bancos fórranse a custa do endebedamento dos estados. Un círculo virtuoso para a banca. Pero a situación é mesmo peor que a xa descrita, pois o BCE, ao romper co espírito do famoso artigo 123, comprando débeda pública a estados como España e Italia, puxo como condición que os salarios e a protección social diminúan, acentuando a necesidade de privatizar o Estado do benestar, tanto as súas transferencias públicas como as pensións, así como os servizos públicos coma a sanidade.
     
    Estas condicións están escritas nunha carta, non coñecida polo público, que o entón gobernador do BCE, Jean-Claude Trichet, e o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, escribiron ao presidente Zapatero condicionando a compra de bonos públicos do Estado español á toma de tales medidas por parte do Estado español.
     
    Un tanto semellante aconteceu con Italia. Por que fan tal petición na súa carta? En teoría, esta redución dos salarios e da protección social esíxese para aumentar a competitividade da economía española e saír así da recesión. Este é o argumento neoliberal hoxe en voga. É doado de demostrar que este argumento carece de credibilidade. Suecia é o país con salarios máis elevados e con maior protección social, e a súa taxa de crecemento económico é dun 5,6%, un dos máis elevados da Unión Europea. A explicación real é que, por unha parte, o descenso dos salarios aumenta o endebedamento da poboación (o cal é bo para a banca) e, por outra, a privatización das transferencias e dos servizos do Estado do benestar son a xeneralización da desexada privatización das pensións públicas e a privatización da sanidade, o soño da banca e das compañías aseguradoras. E estano a conseguir.

     

     

     

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript