12/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Contra a ditadura do capital. Loita obreira e folga xeral!
Aproxímanse tempos difíciles, proxéctase unha saída da crise que pasa pola nosa precarización absoluta. Temos que responder.
Coa colaboración dos gobernantes e
partidos políticos, lacaios do capital máis
cobizoso e coa pasividade cómplice dos
sindicatos institucionalizados, a situación da
clase obreira non fai máis que empeorar: máis
de cinco millóns de traballadores e
traballadoras están no paro, case dous millóns
de familias teñen todos os seus membros sen
traballo e están condenadas á miseria e á
exclusión social, centos de milleiros están
perdendo as súas vivendas, trece millóns de
traballadores teñen ingresos anuais inferiores
aos 12.000 euros, conxelación das pensións,
posta en máns privadas e espolio do patrimonio
de todos, os gobernos están recortando a
educación e a sanidade públicas e agresión
salvaxe á natureza e medio ambiente e á saúde
das persoas. Como solución, os políticos só
teñen unha receita: hai que apertarse o cinto.
Pero nese apertarse o cinto nunca pensan no
deles ou no dos poderosos; sempre son os máis
débiles e desprotexidos os que teñen que facer
o esforzo, mentres que os de sempre seguen
gozando dos privilexios acadados co sangue e a
suor do resto.
Dinnos tamén que o cambio de goberno nos
axudará a saír do pozo no que estamos, pero xa
sabemos que estes que agora están no machito
non darán un só paso que non lle veña imposto
polo capitalismo máis voraz, que é quen
realmente ten o mando. A cuestión é moito máis
profunda; as raíces do problema están nun
sistema económico e social podre no que a
maioría está dominada por unha minoría, un
sistema no que a súa base é a explotación dos
máis polos menos, un sistema depredador e
cobizoso no que a destrución dos recursos
naturais é a base do crecemento económico, un
sistema no que os medios de produción e consumo
están en mans dos grupos de privilexiados. Por
iso, calquera reforma que non ataque as raíces
do problema non será máis que un parche para
que este sistema de iniquidade continúe.
Para a CGT, só a transformación radical do
sistema e a construción dunha sociedade xusta e
igualitaria é a loita que paga a pena
emprender: unha sociedade sen opresores e
oprimidos, sen privilexios, con xustiza social,
cunha distribución xusta e equitativa do
traballo e da riqueza e coa utilización
racional dos recursos.
Por isto a CGT mobilízase e fai un chamamento
aos traballadores e á sociedade en xeral a que
non se deixe arrebatar as conquistas que aínda
nos quedan e que manifeste na rúa que xa
estamos fartos de tanto ladrón, de tanto
vividor e de tanto explotador e que non nos
conformamos con recoller as migallas que sobran
dos seus banquetes.
A mobilización é imprescindible e soamente se é
contundente podemos chegar a deter os plans do
capital de roubarnos os dereitos que nos
quedan. A necesidade dunha Folga Xeral é
evidente, pero non unha Folga Xeral de patacón
que finalice antes de comezar, non unha Folga
Xeral de pacotilla convocada para saír nos
periódicos, non unha Folga Xeral que non sexa
máis que un paripé para xustificar unha nova
traizón. Por iso, estamos pola convocatoria
dunha Folga Xeral que paralice realmente o país
e que non se deteña ata acadar os obxectivos
marcados. Calquera convocatoria que se faga
desde outras bases está abocada,
premeditadamente, á derrota e a desmobilización
social interesada.
VIVA A LOITA OBREIRA!
CONTRA AS AGRESIÓNS DO CAPITAL, MOBILIZACIÓN E
FOLGA XERAL!
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript