12/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A Mesa replica a Anxo Lorenzo e lémbralle que a Xunta é a primeira responsábel da proscrición do galego na Xustiza
Carlos Callón: “A Xunta distribuíu un programa que, desde maio de 2010, impide usar o galego no ámbito da xustiza”.
“Anxo Lorenzo debería mentir menos e ter algo máis de vergoña”
En declaracións aos medios, o secretario
xeral de Política Lingüística da Xunta
xustificou onte a existencia de trabas para
usar o idioma galego na Administración de
Xustiza e considerou que non pagaba a pena
“darlle máis voltas” ao feito de que un cidadán
tivese que agardar unha mañá para ter a
transcrición da súa declaración en galego,
mentres que en castelán sería un procedemento
automático. Ademais, mentiu ao declarar que “un
traballador da Administración xudicial non ten
obriga de saber escribir ou falar en galego”.
Desde A Mesa recórdase que, segundo a
lexislación vixente, é certo que non existe o
requisito de coñecemento de galego para ser
xuíz/a, fiscal ou secretaria/o xudicial, mais
si para o persoal administrativo, que ten que
garantir, por lei, a atención oral ou escrita
tanto en castelán como en galego, “e non só en
castelán”, subliña Callón. Para o presidente da
Mesa, “é sintomático que quen en teoría debería
promover a nosa lingua desde a Xunta xustifique
a súa proscrición e lance á sociedade a mensaxe
de que é normal que as persoas que queremos
vivir en galego teñamos un tratamento de
segunda”.
Carlos Callón animou a Anxo Lorenzo a que
“minta menos e teña algo máis de vergoña” e
lembroulle que a primeira responsábel da
discriminación do galego na Xustiza é a propia
Xunta. “O goberno de Núñez Feijóo distribuíu en
maio de 2010 un programa informático que impide
usar o galego no ámbito da Xustiza e non fixo
nada para que o noso idioma teña o papel que
lle corresponde tanto na atención oral como en
formularios, sinalizacións, etc.”, denuncia o
presidente da Mesa.
A maior asociación cultural de Galiza lembra
que as galegas e os galegos temos recoñecidos
por lei, entre outros, os seguintes dereitos na
Administración de Xustiza:
a) Podemos utilizar o galego oralmente e por
escrito nos xulgados e tribunais situados en
Galiza, sen ningún tipo de obstáculo nin
demora.
b) Todo o que digamos diante dun tribunal en
Galiza débese facer constar na nosa lingua.
c) Toda a documentación que entreguemos en
galego é perfectamente válida e non nos poden
solicitar tradución.
d) Todo o procedemento deberá tramitarse e
informársenos en galego se así o solicitamos.
e) A atención oral das traballadoras e
traballadores da Administración xudicial deberá
ser connosco en galego se así o solicitamos.
A Mesa constata que “existe unha distancia
enorme entre o que nos recoñecen as leis e a
realidade discriminatoria que padecemos”, polo
que insta tanto ao Ministerio de Xustiza como á
Xunta de Galiza a que “adopten as medidas
necesarias para que o galego sexa
verdadeiramente oficial nos xulgados e
tribunais de Galiza”.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript