05/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Galicia, a comunidade na que máis subiu o número de desempregados
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en 11.274 persoas en novembro en Galicia, en relación ao mes anterior, o que supón o maior ascenso en termos absolutos do Estado.
En termos relativos, a suba do desemprego
en Galicia é a terceira maior, pois o
incremento galego é do 4,66% (por detrás
unicamente do 11,96% de Baleares e o 5,15% de
La Rioja), segundo os datos publicados este
venres polo Ministerio de Traballo e
Inmigración.
En todo o Estado, o número de desempregados
marcou un novo récord histórico en novembro ao
situarse en 4.420.462 persoas, tras subir no
mes en 59.536 desempregados (un 1,37). Trátase
do terceiro maior repunte experimentado polo
paro nun mes de novembro dende 1996, cando
arranca a serie histórica comparable. En
concreto, o peor novembro da serie foi o de
2008, cando o desemprego creceu en 171.243
persoas, seguido do de 2009, no que 60.593
persoas quedaron sen emprego.
En Galicia, o total de parados situouse o
pasado mes en 253.416 persoas, tras rexistrar
un aumento do 9,36% no último ano, o que supón
que se anotaron nas listas de desempregados
21.695 persoas máis. Neste caso, a galega é a
sexta comunidade na que máis crece en número de
parados, aínda que na comparación relativa é a
oitava.
O desemprego creceu máis entre os homes que
entre as mulleres en novembro, ao subir un
5,99% no primeiro caso e un 3,46% no segundo.
Non obstante, o paro feminino segue superando,
con 132.776 desempregadas, o masculino, con
120.640 desempregados, en termos absolutos.
Ademais, o paro entre os menores de 25 anos
tamén se incrementou, un 7,81%, en novembro,
ata alcanzar as 21.768 persoas. Delas, 12.028
son homes e 9.740 son mulleres, de acordo cos
datos do ministerio.
OS SERVIZOS, OS QUE MAIS PARADOS SUMAN
O sector dos servizos situouse un mes máis como
o que suma un maior número de parados, ao
incrementarse en 5.785 e alcanzar un total de
137.811. Na construción anotáronse en novembro
2.347 persoas máis, o que deixa a cifra global
en 41.843; mentres que na industria se
incrementa en
Pola súa banda, 533 persoas engrosan as listas
na agricultura (son 6.977 en conxunto) e o
colectivo sen emprego anterior suma 917 persoas
e sitúase en 28.026.
PONTEVEDRA SUPERA OS 100.000 PARADOS
Por provincias, o maior ascenso corresponde en
novembro a Lugo, que sobe un 7% as súas listas
do paro, ao terse anotado 1.637 persoas máis (o
total sobe ata os 25.021 parados). Ségueo
Ourense, cun 6,98% e 1.832 persoas máis (en
total son 28.069). Na Coruña o ascenso é do
4,06% (súmanse 3.873 persoas e alcanzan as
99.344) e en Pontevedra crece un 4,05% (3.932
parados máis, ata os 100.982).
Na comparación interanual, o maior incremento é
o da provincia pontevedresa, cun 11,03%; por
diante do 8,52% da Coruña; o 8,49% de Lugo e o
7,29% de Ourense.
CONTRATOS
En Galicia asináronse 50.400 contratos en
novembro, o que supón un descenso de 6.729 (un
11,78% menos) que o mes anterior. Se se compara
cos datos do mesmo mes do ano pasado, a caída é
do 7,73%, ao rexistrarse 4.220 contratos menos.
O 92,7% dos contratos asinados son de carácter
temporal (46.719) e o resto corresponden a
algún dos tipos de indefinido.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript