05/12/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Negociar sen cadeiras
A primeira sorpresa que se van levar os sindicatos cando acudan á primeira reunión coa CEOE para negociar a reforma laboral terá que ver co mobiliario: " Onde están as cadeiras? ", preguntará algún dirixente de CCOO ou de UGT ao ver que non hai onde sentarse.
E é que o próximo acordo social se
podería pechar de pé, pois nin tempo lles van
dar para quitar o abrigo. A reforma laboral é
"urxente", e Rajoy deixaralles só uns días. E
se á volta do nadal non se entenderon, o
goberno gobernará.
A segunda sorpresa, se aceptan participar nesa
negociación expresa, pode ser a de encontrarse
sobre a mesa a reforma xa redactada, a falta só
de estampar a sinatura. Porque todo apunta a
que a reforma está máis que decidida, e que
Rajoy se limita a cumprir o trámite do diálogo
social, por se ten sorte e os axentes sociais
lle salvan a cara na súa primeira dificultade
como presidente, e de paso regálanlle a
primeira foto do álbum.
Aínda que talvez deixen os sindicatos retocar
algunha frase, cambiar unha coma ou un
adverbio, parece claro que os contidos están
máis que decididos: desmontar a negociación
colectiva para facilitar baixadas de soldos na
empresa privada. Ese será o núcleo duro, aínda
que logo se acompañará doutras medidas para
vestir un pouco unha reforma que, para variar,
irá contra os dereitos dos traballadores, pois
neste país "reforma laboral" é un eufemismo que
sempre quere dicir o mesmo.
Con estes vimbios, case se agradece a présa,
que os tocamentos previos sexan rápidos e
consumen canto antes, en vez de marearnos
durante meses con reunións, declaracións e
borradores para ao final chegar ao mesmo sitio,
decidido dende o principio. Se nos van
reformar, fágannolo xa e sen anestesia, e así
podemos empezar xa a protestar ou a lambernos
as feridas. Porque se os mercados, Europa e os
empresarios non poden esperar un minuto,
tampouco os traballadores temos humor para que
nos teñan semanas ou meses de intriga, se xa
sabemos o final da película: o morto somos nós.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript