Decembro de 2011
 
 

05/12/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O neoliberalismo vende a educación pública

A comunidade educativa segue en pé de guerra, e non é para menos. Pero non é só unha cuestión laboral, é o reflexo do conflito entre dous modelos de sociedade e de sistema económico e social.

 

  • Noticias relacionadas

  •  

    A comunidade educativa madrileña, catalana, galega, entre outras, encóntranse en pé de guerra contra a política de recortes emprendida polo goberno territorial, e non é para menos. Sabemos que a crise existe, pero máis alá deste feito, tamén sabemos que neste caso, como noutros (sanidade, servizos sociais, moderación salarial...) a crise non é para as administracións un elemento conxuntural a combater, senón unha grande escusa para afondar no seu proxecto neoliberal.
     
    No caso concreto da Educación, os recortes obedecen a unha política de acoso e derrubamento contra a escola pública, co obxectivo de reducila á mínima expresión e favorecer, á súa vez, as modalidades de escola privada e concertada: mentres se reduce o investimento público en 80 millóns de euros, auméntase en 90 o investimento dedicado a fomentar a matrícula na privada, mediante desgravacións fiscais aos que elixan esta opción, axudas directas por medio de subvencións a colexios, cesión gratuíta de chan público para crear escolas de xestión privada (na súa maioría vinculadas á escola católica)... ademais de emprender privatizacións directas dando renda solta á integración de diferentes empresas privadas na escola pública por medio de subcontratas a empresas que non teñen nada que ver coa educación, primando o seu plan de negocio sobre o proxecto educativo, ou fundacións con intereses ideolóxicos moi afastados dos principios de igualdade e calidade que rexen o noso sistema educativo.
     
    Pero... por que?
     
    Dende a época moderna a educación viñérase entendendo como un servizo público fundamental do que se preocupaba, prioritariamente, o Estado do Benestar. E facíao porque se asumía que cumpría unha función distributiva da riqueza: posibilidade de acceso a unha educación de calidade independentemente do poder adquisitivo ou status da familia. Non obstante, cara a finais do século pasado foi gañando forza o discurso economicista fronte ás prerrogativas do Estado, alentado nos supostos ideolóxicos do crecente neoliberalismo, cuxa máxima expiración é reducir o Estado á súa mínima expresión pola vía da desregulación de sectores básicos da vida social, pasando estes a ser xestionados polo sector privado e, por suposto, sobre a base da máxima deste: o afán de lucro.
     
    Unha política tan agresiva contra o propio Estado, como a practicada durante os últimos tempos, ha de repercutir de forma directa sobre a educación e as condicións desta.
     
    As reformas nos 90 e ata a actualidade, dan resposta ás demandas emanadas dos poderes que negan ao estado. Poderes que, na medida que o Estado vai cedendo espazo na xestión ao seu favor, logran impoñer a súa lóxica nas prácticas educativas e do ensino, cuxo control escapa das instancias públicas para recaer nas dispostas polo mercado.
     
    Tamén se ha de atribuír a esta desvinculación dos Estados dos seus respectivos sistemas escolares, a que a imposta e tan laureada mobilidade territorial dos profesionais, esixa aplicar criterios de homoxeneización de titulacións académicas, debendo renunciar a determinadas competencias en favor de organismos internacionais, moito máis afastados aínda das persoas ás que supostamente serven, e onde os mercados son aínda máis influentes, facilitándolles a imposición das súas esixencias a maior celeridade e en maior profundidade.
     
    Obsérvase así, unha crecente tendencia a desagregar facetas educativas da esfera pública para pasar a ser ofertadas dende o sector privado que, loxicamente, pasará a rexerse por criterios do gran capital.
     
    É dicir, que dende os parámetros de xestión das actuais institucións, os parámetros do neoliberalismo, ao quedar a educación "liberada" do Estado, pasando a ser xestionada polo sector empresarial e as leis de mercado (oferta/demanda, redución de custo/aumento de beneficios, primacía do afán de lucro...), a educación das nosas nenas, nenos e mozos, pasa de ser un dereito, piar fundamental do Estado do Benestar e distribuidor da riqueza, a ser simple e planamente un elemento de negocio máis para as grandes corporacións.
     
    Polo que afecta aos nosos propósitos, desta dinámica emana unha das consecuencias máis evidentes que xa se está a producir: a dualización do sistema educativo. De modo que mentres as clases acomodadas dispoñerán dunha rede privada pero subvencionada (iso que chama "a concertada") con medios e de calidade, a rede pública queda relegada para as clases sociais con menos recursos, inmigrantes e persoas en situación de exclusión social ou en risco de padecela. E en medio, un amplo colectivo, a clase media, á que se lle formula a disxuntiva de elixir entre o colexio de pagamento pero de suposta maior calidade, e a pública, gratuíta, pero cos citados inconvenientes aos que sumar os múltiples e irracionais prexuízos colectivos respecto a estes.
     
    Así, con independencia do rigor na xestión, o certo é que de partida hai centros bastante mellor equipados que outros, dándose a circunstancia que, en xeral, os mellor dotados son os privados. Circunstancia que non só dá pé aos agravios comparativos, senón que, ademais, fomenta as desigualdades, e dende logo, rompe coa función equilibradora de oportunidades que sempre se lle atribuíran á escola.
     
    Así pois, o conflito educativo que vivimos non é só unha cuestión laboral, é o reflexo do conflito entre dous modelos de sociedade e de sistema económico e social. Se apostamos por uns servizos públicos de calidade, igualitarios, xustos, por unha educación democrática afastada de intereses ideolóxicos, dunha xestión que prime os dereitos da gran maioría, a máis necesitada, fronte aos privilexios dunha minoría, a elite económica... só quédanos unha opción: tomar a rúa!

     

     

     

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript