28/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Casares Long e Feijoo falan de subir as taxas universitarias
O reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, asegurou este martes que é "inevitable" abordar unha posible suba de taxas universitarias, aínda que recoñeceu que se trata dun "tema impopular". Feijóo agarrouse a estas palabras e deslizou que "as matrículas universitarias son nalgúns casos inferiores ao custo dun colexio privado en Secundaria".
Casares Long
asegurouno durante a súa intervención nunha
sesión do 'Forum Europa Tribuna Galicia', que
tivo lugar en Santiago, e na que viu tamén
inevitable reformular en conxunto "o
financiamento das universidades".
Nesta liña, apostou por "mirar as taxas que
pagan os países do contorno" español para
"darse conta" da situación na que está o
Estado. En particular, indicou que os
estudantes da USC pagan unha media de 50 euros
ao mes pola súa matrícula a cambio de
"educación superior" e "servizos" como
biblioteca ou wifi.
Non obstante, e relacionado coa posible suba de
taxas, Casares Long lamentou que España "nunca"
contara cun "sistema de bolsas que se axustase
á capacidade de garantir que todos aqueles que
non poden facer fronte aos gastos" derivados da
universidade "poidan ter cubertas as súas
necesidades para garantir a igualdade no
acceso" a esta.
TRES UNIVERSIDADES
Preguntado pola existencia en Galicia de tres
universidades --en Santiago, A Coruña e Vigo--
e de que ningunha das españolas estea entre as
200 mellores de Europa, Casares asegurou que "a
realidade é a que é" se apostou no caso de
Galicia pola colaboración interuniversitaria.
Paralelamente, considerou que "a solución da
crise" económica "pasa pola universidade" e
asegurou que os gobernos "cometerían un grave
erro se, no seu afán por reducir custos,
desdeñan a universidade".
"Experimentamos un crecemento exponencial nas
últimas décadas, recibimos importante apoio
retórico e gozamos da confianza e o respecto,
aparentemente, da sociedade. Non obstante,
ponse en dúbida a eficiencia e eficacia do noso
traballo", sinalou Casares Long durante a súa
intervención.
Así mesmo, recordou que as universidades son
"algo diferente" dentro da administración
pública, sobre todo polas importantes partidas
de recursos que captan fóra do financiamento
universitario.
Ademais, asegurou que o financiamento por
alumno nas universidades estadounidenses é
entre dous e cinco veces a media europea,
mentres que en España e Galicia non se "chega"
ao nivel medio de Europa.
"Se aspiramos a estar entre os mellores, temos
que estar nas mesmas condicións", subliñou
Casares Long, quen precisou que "se inverter en
educación é caro, non inverter é carísimo".
A educación é un campo onde o presidente da
Xunta, Alberto Núñez Feijóo cre que a
Administración podería aforrar e onte
aproveitou unha proposta do reitor da
Universidade de Santiago (USC) para reivindicar
un aumento das taxas por matricularse na
educación superior e un cambio no sistema de
bolsas. Para Juan Casares Long, abordar o
financiamento universitario e o sistema de
bolsas "é inevitable", se ben recoñece que
"ninguén quere falar del porque é impopular".
Feijóo agarrouse a estas palabras e deslizou
que "as matrículas universitarias son nalgúns
casos inferiores ao custo dun colexio privado
en Secundaria" e lanzar así este debate á area
pública, á par que a análise sobre novas
"prestacións farmacéuticas". Paréceme unha
proposta valente e non improvisada, declarou
sobre as declaracións de Casares Long.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript