28/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Biocentrismo e educación
Deféndese que o modelo educativo forma para a produtividade dende a ideoloxía neoliberal. Pero o problema hoxe en día é o ecosocial. De aí que se propoña na educación o biocentrismo.
Volvemos unha vez máis sobre o sempiterno
tema da educación. Esta vez non para facer unha
crítica sisuda dos que eu creo equivocados
principios sobre os que se basea a educación.
Pola contra, voume referir aos obxectivos e, en
concreto, ao obxectivo fundamental que debe
perseguir a educación se queremos conservar un
futuro.
Pero antes temos que sinalar cales son os
obxectivos fundamentais da educación na
actualidade, tanto na secundaria coma na
superior, Plan Bolonia. Pois ben, hei de dicir
moi ao meu pesar que a educación se inscribe
dentro do paradigma clásico da economía
neoliberal. A formación dos cidadáns ten como
obxectivo, fundamentalmente, a produtividade.
Fórmase os cidadáns -e isto tómase como un
investimento - para que nun futuro sexan
producibles. É dicir, que a economía
neoliberal, incardinada no paradigma ortodoxo e
clásico da economía, considera que o que
importa é o crecemento económico e, por iso, é
necesario que a formación vaia dirixida á
produtividade.
Canto máis se produza pois moito mellor para o
sistema. Por outro lado, téndese a eliminar a
capacidade crítica do alumno, porque no fondo
non se pretende formar persoas, senón a
instrumentos intercambiables. Os cidadáns son
considerados como mercadoría cuxo valor reside
na súa capacidade de produción que é medible e
cuantificable. Por iso un dos obxectivos
fundamentais da educación superior é a
adaptabilidade. O estudante, futuro cidadán,
ten que estar preparado para adaptarse á
sociedade que lle tocou vivir. Isto é moi
curioso porque non se lle deixa que se poida
formular o nivel de xustiza ou inxustiza que
poida haber nesa sociedade. Non, adaptarse e
punto. Produtividade e adaptación, ese foi o
proceso de domesticación ao que foi sometido o
cidadán dende o berce á tumba.
De tal forma que nun mundo supostamente libre o
que nos encontramos son zombis ambulantes que
repiten eternamente as súas rutinas e que, de
cando en vez, teñen un regalo para entreterse,
un caramelo. E, ademais todo iso, adobado coa
farsa da democracia. Fáisenos pensar,
domesticándonos, que vivimos en democracia, que
somos libres, que temos liberdade de expresión,
cando isto non son máis que palabras gastadas
que non teñen ningún sentido salvo o de manter
o engano.
A miña visión é moi distinta. En primeiro lugar
considero que a educación debe ser o proceso
polo cal a humanidade se emancipe do poder, de
toda forma de poder. Se que quizais isto sexa
un imposible, porque a educación é precisamente
un dos instrumentos que o poder utiliza para
domesticar. O que habería é que concibir a
educación dende outra perspectiva que
amplificase a autonomía e a pluralidade e que a
garantía do estado no referente á educación
sexa só unha garantía e non unha domesticación.
Pois ben, neste sentido son dous os obxectivos
fundamentais que debe alcanzar a educación. En
primeiro lugar, un que xa repetín moitas veces,
pero que sempre será necesario recordar e é o
de que a educación debe formar persoas. E unha
persoa é un suxeito autónomo e libre. Alguén
con capacidade de elección e de crítica. Unha
persoa capaz de mirar ao mundo cara a cara e
dicir o que non lle gusta e que é o que habería
que cambiar. Todo o contrario ao animal
doméstico que pretende producir o
neoliberalismo, en definitiva, unha peza de
recambio. Isto en primeiro lugar. É dicir, que
a educación debe producir a ilustración. De aí
que eu considere a Ilustración un proxecto
inacabado. Pero hai outro obxectivo fundamental
da educación do século XXI e do que depende
literalmente noso futuro. E este novo obxectivo
incardínase no cambio cara a un novo paradigma
que ha de vir, pois o anterior está esgotado e,
polo demais, todos podemos caer con el. Sería o
colapso definitivo.
O problema é o seguinte: a economía -e toda a
nosa tradición filosófica e relixiosa- está
ancorada na idea do dominio do home sobre a
natureza. Isto por mandato divino e pola propia
capacidade técnica humana. Todo o cal nos leva
ao imperativo tecnolóxico. Todo o que pode
inventar se inventa e todo o que se pode
aplicar se aplica. O imperativo tecnolóxico
pódese entender tamén como unha forma de
entender a historia no sentido no que o
movemento histórico se interpreta como unha
consecuencia do cambio tecnolóxico. É a
tecnoloxía a que cambia a historia. Isto é un
reducionismo e, como tal, falso, pero é unha
das ideas, que se converteu na relixión da
tecnoloxía salvadora, que baralla o
neoliberalismo.
Por outro lado esta economía non recoñece
límites ao crecemento económico. É máis, todas
as súas medidas económicas están dirixidas ao
incremento do crecemento. E o que subxacer a
toda esta idea é o enfrontamento entre home e
natureza. E é aquí onde está o erro. Esta idea
equivocada e que nos levou á situación de
encrucillada na que nos encontramos é un grave
erro. Somos animais pertencentes a unha
ecosfera. E a nosa existencia é unha existencia
en pé de igualdade co resto dos animais.
A biosfera forma un sistema orgánico; é dicir,
un sistema de equilibrio, se o equilibrio se
rompe o sistema tende a buscar outra forma de
equilibrio, a non ser que o dano sexa moi
elevado e todo o sistema pereza. Pero esa non é
a situación actual da nosa biosfera. Temos que
ser conscientes de que somos elementos da
biosfera que tiveron unha idea equivocada da
relación con ela, que nos consideramos donos e
señores desta, e iso produciu un grave dano do
que os primeiros prexudicados somos nós. E todo
iso lévanos á súa explotación, o cal produciu
un cambio profundo no seu equilibrio. Somos os
causantes dese desequilibrio e precisamente por
unha idea equivocada que aínda se segue
impartindo nas escolas e as universidades, que
é unha idea comunmente aceptada.
Pois ben, eu propoño como reto e como ideal que
o obxectivo fundamental da educación é ensinar
aos futuros cidadáns o biocentrismo; isto é,
ata agora vivimos no antropocentrismo. Se
queremos sobrevivir, ademais de que o
biocentrismo é a idea acertada, temos que pasar
ao ecocentrismo. Debemos ser capaces de
considerarnos membros da ecosfera e ser os seus
coidadores. Do seu coidado depende o futuro,
refírome ao futuro da raza humana, ou, polo
menos, da nosa civilización.
Se o futuro cidadán asume o biocentrismo
teremos cambiado de paradigma e abandonaremos
todo aquilo perverso do paradigma anterior que,
polo demais, nos ten ao bordo do colapso. Deste
gran cambio educativo, unido ao da ilustración,
que se o observamos son inseparables, depende a
supervivencia e o modo de supervivencia das
futuras xeracións.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript