Novembro de 2011
 
 

28/11/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Os arbitristas fan cola

Mentres o gran líder garda silencio sobre os seus plans, á porta de Xénova fan cola ducias de conselleiros espontáneos que estes días propoñen as súas receitas para saír da crise.

 

  • Noticias relacionadas

  •  

    Ao xeito daqueles arbitristas do século XVII, cuxa proliferación foi caricaturizada pola literatura da época, tamén hoxe abundan os solucionadores que, coa súa carpeta baixo o brazo, acoden a presentarlle as súas ideas para levantar o país.
     
    A este paso terán que poñer un expendedor de números, pois son tantos que, aínda que pidan a vez educadamente, poden empezar pronto os golpes. Os primeiros da fila, que como bos fans levan varias noites durmindo ao raso para coller sitio, os dirixentes de CEOE.
     
    O seu presidente Juan Rosell xa adiantou algunhas propostas (as de sempre), pero espérase que nuns días presenten a Rajoy un borrador elaborado por David Taguas (que xa foi arbitrista de Zapatero) onde piden a revolución neoliberal como quen non quere a cousa: copagamento/repagamento xeneralizado (non só en sanidade), suba de taxas, rebaixa de impostos ás empresas, e "colaboración público-privada" para construír hospitais, vivenda protexida e, o máis inquietante, polo menos 20 novos cárceres con capacidade para 20.000 presos, pagadas pola iniciativa privada (moi interesada polo visto en aumentar as prazas penitenciarias).
     
    Tras os groupies de CEOE, a cola segue: banqueiros (a algún xa o recibiu) que propoñen un 'banco malo'; a Asociación de Promotores e Construtores que pide tamén limpar a banca de ladrillos tóxicos; a inevitable FAES; varios comisarios europeos que suxiren novas reformas laboral e de pensións; emisarios de Merkel metendo présa; un de Fitch con ideas para sorprender aos mercados; varios directores de diarios económicos...
     
    Xa digo, unha longa cola. Que decepción se van levar todos eses arbitristas cando Rajoy lles diga que moitas grazas por vir, pero que non se tivesen molestado, que el xa ten un plan para saír da crise, ese que nos prometeu e que aínda mantén en segredo. Porque o ten, verdade?

     

     

     

 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript