21/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)
Os/as técnicos/as de
normalización lingüística dos concellos galegos, e
no seu nome a
Coordinadora de Traballadores/as de Normalización
da Lingua (CTNL), ante a situación xeral do
proceso de fomento do galego e dos servizos de
normalización lingüística (SNL), temos que
expresar:
Os servizos de normalización
lingüística (SNL) son os departamentos que
desenvolven o traballo técnico de cara a
avanzar no consensuado proceso de normalización
da lingua galega. Un traballo necesario, xusto
e ilusionante de fomento do galego no nivel de
contacto máis directo coa cidadanía. Os SNL
contribúen a difundir do xeito máis próximo
entre a poboación, por exemplo, as creacións
culturais galegas, desenvolven accións de
dinamización e fomento da lingua, achéganlle á
poboación máis nova alternativas de lecer en
galego, difunden e xestionan os cursos de
formación en lingua galega, velan pola calidade
lingüística e comunicativa das institucións,
velan pola garantía dos dereitos lingüísticos,
difunden materiais, recursos e servizos en
lingua galega, procuran a formación lingüística
dos/as traballadores/as públicos/as e da
cidadanía en xeral, ofrécenlles asesoramento
lingüístico a empresas e asociacións, etc.
Aínda que a situación actual dos SNL é moi
precaria e, polo tanto, moi mellorábel, chegar
a ela significou un proceso de anos que non
podemos botar por terra. Por iso, para non
desbotar o conseguido até agora e para procurar
mellorar a situación, cómpre o compromiso de
todas as entidades públicas, que nun momento de
dificultade económica como o que estamos a
vivir non poden caer na irresponsabilidade de
desprotexer o noso maior patrimonio común, a
lingua galega.
A Xunta de Galicia suspendeu as axudas ao
fomento do galego nos concellos, e isto non é,
desgrazadamente, un feito puntual, xa que se
enmarca nunha política de minorización e
desprestixio da lingua galega por parte do
goberno que debe ser freada canto antes. Esta
irresponsábel decisión da Xunta supón a
paralización e redución de múltiples
actividades de dinamización por parte dos
concellos e, polo tanto, unha redución de
servizos e actividades dirixidas á cidadanía.
Ademais, é incoherente que a SXPL leve dous
anos anunciando e publicitando unha non nata
Rede de Dinamización Lingüística local para,
supostamente, apoiar e colaborar coas entidades
locais na promoción da lingua, ao mesmo tempo
que lles retira a estas entidades as xa moi
escasas e precarias axudas que se veñen
convocando desde hai 20 anos, e que, polo
tanto, se provoque o peche de servizos de
normalización lingüística e a non creación
doutros novos.
A situación dos departamentos técnicos de
normalización lingüística dos concellos é moi
grave. Dos arredor de 60 existentes, a metade
permanecen abertos dependentes do convenio de
colaboración que a Deputación da Coruña mantén
con concellos da súa provincia. Se nalgún
momento a Deputación da Coruña decide reducir
eses convenios, a metade dos SNL do país
estarán en grave perigo de desaparición.
Todo isto demostra a situación de precariedade
e inestabilidade total, o que nos leva a
reiterar a proposta dun outro modelo de
organización dos servizos de normalización
lingüística na procura da planificación
territorial e a estabilidade, de tal xeito que
se cree unha estrutura real e coordinada de
servizos técnicos para a normalización
lingüística que abranga o conxunto do país e
que, polo tanto, sexa máis eficiente, consiga
mellores resultados e rendibilice mellor os
recursos públicos. Neste sentido, a CTNL
reitera a súa proposta de coordinación de SNL,
agrupados nun consorcio interadministrativo,
con unidades técnicas multidisciplinares a
nivel comarcal.
Por estas razóns, dirixímonos á Xunta de
Galicia e a diversas entidades para que coñezan
esta situación, e á Real Academia Galega, ao
Consello da Cultura Galega, ao Instituto da
Lingua Galega, aos departamentos de galego das
tres universidades e a diversas entidades
privadas de defensa da lingua para
solicitarlles que apoien este comunicado e as
solicitudes que contén.
E dirixímonos tamén a todos os concellos
galegos para solicitarlles que apoien e aproben
as seguintes resolucións:
1. Demandámoslle á Xunta de Galicia que asuma a
competencia de impulsar e coordinar os servizos
de normalización lingüística (SNL) e de
colaborar co fomento do uso do galego nos
concellos, para o que debe dedicar os
suficientes recursos económicos e materiais de
xeito estábel. Solicitamos, pois, que se cree
unha estrutura real e coordinada de SNL que
abranga o conxunto do país, para o que se
propón como posibilidade a figura dun consorcio
interadministrativo.
2. Instamos á Xunta de Galicia e a todas as
entidades públicas galegas a que adquiran o
compromiso real de fomentar o uso e prestixio
da lingua galega, con prácticas coherentes con
ese compromiso e coa posta en marcha de medidas
decidas e eficaces na procura da normalización
lingüística. O noso concello tamén adquire este
compromiso.
3. Comprometémonos a procurar acadar a partir
de
4. Solicitámoslle á Xunta de Galicia que tamén
adquira ese compromiso e que, polo tanto, tamén
procure acadar a porcentaxe do 0,3% do seu
orzamento a partir de 2012 para o fomento da
lingua galega, investindo ese orzamento nunha
estrutura de SNL coordinada que planifique e
xestione o proceso, e en accións dinamizadoras
do galego no conxunto da sociedade, e que o
faga de xeito planificado, coordinado e
colaborativo con outras entidades e
administracións públicas, para así investir
eses escasos recursos dispoñíbeis do xeito máis
eficiente posíbel.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript