21/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Irlanda segue despedindo funcionarios e aumentando impostos
O Goberno irlandés eliminará 23.500 postos de funcionarios ata 2015, o que xerará un aforro de 2.500 millóns de euros, anunciou hoxe o ministro de Gasto Público e Reforma, Brendan Howlin. Ademais, incrementará o seu tipo máximo do imposto sobre o valor engadido (IVE) dous puntos porcentuais, ata o 23%.
Cunha poboación de case catro millóns de
persoas e un funcionariado de 297.000
traballadores, o obxectivo é rebaixar ese
número ata 273.500 cando en 2015 finalice o
programa de axuda a este país da Unión Europea
(UE) e o Fondo Monetario Internacional (FMI),
cuantificado en 85.000 millóns de euros.
Significará que, dende que en 2008 comezaron
os recortes, haberá unha redución do 12% no
número de empregados públicos e unha rebaixa do
15% en canto ao aforro dos gastos, explicou
o titular laborista, quen estivo acompañado
durante a súa presentación polo primeiro
ministro, o conservador Enda Kenny.
"Cando completemos este proceso, teremos
reducido a nosa factura en 2.500 millóns de
euros, un 15% dende 2008. Isto representa un
aforro considerable", sinalou Howlin.
Novas medidas de aforro
O Executivo de coalición de Dublín identificou
tamén outras áreas de acción para reducir o
gasto gobernamental, que se traducirá na
aplicación dunhas 200 medidas específicas e a
presentación de 70 "recomendacións" para
accións futuras.
Así, 48 organismos semiestatais autonómicos
serán sometidos a un "proceso de
racionalización" -eliminación ou fusión-,
mentres outros 46 serán obxecto dunha
"exhaustiva revisión" o próximo mes de xuño.
Howlin tamén asegurou que se abandonará o
chamado "plan de descentralización", que
comezou en 2003 e que pretendía distribuír
algúns ministerios e outras axencias
gobernamentais noutras cidades do país.
En total, paralízanse 40 proxectos de
descentralización e revisaranse a viabilidade
doutros 22, aínda que se manterán os 32 que xa
están en funcionamento.
Reducirase, ademais, o numero de días libres
anuais que tiña ata agora o funcionariado,
que podería baixar dos 42 actuais a unha cifra
común para todo este sector en torno a 32.
Subirá o IVE un 2%
Por outro lado, o país incrementará o seu
tipo máximo do imposto sobre o valor engadido
(IVE) nun 2% no presuposto que presentará o
próximo mes e prevé recadar o resto dos
1.000 millóns de euros que quere obter en novas
medidas de ingresos a través de impostos
indirectos, segundo mostraban uns documentos
obtidos por Reuters.
Irlanda está comprometida en acometer axustes
presupostarios de 3.800 millóns de euros o ano
que vén en cumprimento do rescate da UE e o FMI
e o ministro de Finanzas, Michael Noonan, dixo
que non revelará as medidas exactas ata que
presente o presuposto o 6 de decembro.
Non obstante, segundo un documento presentado
ao comité presupostario da cámara baixa do
parlamento alemán o 16 de novembro, Dublín
elevará o tipo máximo de imposto sobre o valor
engadido (IVE) ao 23%, xerando 670 millóns de
euros extra.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript