21/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Os estudantes aceptan sentarse a negociar co Reitorado
As cinco organizacións estudantís reuniranse co equipo reitoral coa condición de tratar as súas principais reivindicacións.
As cinco organizacións
estudantís que encabezan as protestas contra a
aplicación a nova Normativa de Permanencia na
USC comunicaron este xoves nunha rolda de
prensa conxunta que só participarán na reunión
co equipo reitoral "si se tratan as catro
principais obxeccións formuladas á Normativa".
O mantemento do non presentado, a eliminación
da obrigatoriedade da matrícula das materias
suspensas, a avaliación do traballo de fin de
Grao con materias pendentes e a continuación
das facilidades para a mobilidade internacional
son os puntos a debater formulados como
condición sine qua non para sentarse a negociar
co reitor compostelán Casares Long.
Segundo as organizacións, estas condicións xa
fóronlle comunicadas ao equipo reitoral da USC
a través de "unha carta aberta" asinada
conxuntamente por IESGA, Movemento Estudantil
Universitario (MEU), Liga Estudantil Galega,
Agir e Comités. No comunicado tamén esixen que
a negociación se celebre "antes do próximo
Conselo de Goberno --que segundo os estudantes
ten previsto realizarse a finais de mes--, sen
excluír ningún dos colectivos convocantes e coa
presenza do reitor Juan Casares".
"Sen estas condicións entendemos que o suposto
diálogo só sería unha manobra para desmolibizar
e paralizar as protestas", alegou o
representante de Agir, Miguel Cuba.
Neste sentido os estudantes informaron que o
reitorado os convocou hai dúas semanas "coa
vontade de parar a mobilización do pasado
mércores pero sen vontade de diálogo". "Foi
unha reunión na que non se nos tomou en serio e
na que simplemente nos querían explicar a
Normativa coma se non soubésemos nada",
lamentou Saleta Chao, da Liga Estudantil
Galega.
Ademais da reunión para negociar unha posible
reforma do texto, os colectivos recoñeceron que
o equipo reitoral "se comprometeu a incluír un
punto sobre a Normativa de Permanencia na
próxima sesión do Consello de Goberno". Á
pregunta de se a plataforma de organizacións
mantivo algún contacto co resto de colectivos
da comunidade universitaria, os estudantes
aseguraron que houbo aproximacións "informais"
por parte de membros de PAS e profesorado para
apoiar a reivindicación pero "ningún contacto
formal".
Valoración da folga
Así mesmo, as cinco organizacións fixeron unha
valoración "positiva" da xornada de folga e da
manifestación convocada o pasado mércores. Para
os estudantes o seguimento do paro nas aulas
foi "practicamente total" e a manifestación
"logrou xuntar preto de mil persoas", algo que,
segundo as organizacións, "demostra que os
alumnos están concienciados con que a Normativa
de Permanencia é un ataque aos seus dereitos".
Por último, o representante dos Comités na
rolda de prensa conxunta, Daniel Candal,
asegurou que as organizacións "continuarán os
actos e as mobilizacións que fagan falta ata
parar esta Normativa" que, ao seu xuízo, "é a
maior agresión aos dereitos dos estudantes".
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript