14/11/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Favorece o voto en branco o bipartidismo?
A resposta é si. Cantos máis votos en branco resulten das eleccións do 20-N, maior dificultade terán os partidos minoritarios para acceder ao Congreso. Os votos en branco son aqueles nos que o sobre non contén ningunha papeleta. Nas eleccións ao Congreso tamén se conta como voto en branco aquel emitido cara a algunha candidatura legalmente retirada. E nas do Senado aquelas papeletas que non leven marcado ningún candidato.
Os votos en branco serven para manifestar o
rexeitamento ás candidaturas presentadas, pero, ao
computarse e incluírse no total de votos sobre o
que se calcula a distribución de escanos, elevan o
listón electoral mínimo para entrar na repartición,
favorecendo os partidos maioritarios.
Contabilízanse os votos nulos?
Non. Aínda que se contan na mesa
electoral, en termos oficiais non teñen ningunha
validez e non se contabilizan. Os votos nulos son
os votos mal emitidos (os que utilizan unha
papeleta diferente á do modelo oficial, os que
inclúen papeletas con alteración de nomes ou nomes
riscados, un sobre con papeletas de diferentes
partidos ou unha papeleta sen sobre, recibo dunha
compra, frases reivindicativas…), é un método para
demostrar o rexeitamento ao sistema ou aos partidos
que se presentan. No suposto de que o sobre de
votación conteña máis dunha papeleta da mesma
candidatura, computarase como un só voto válido. Ao
non computarse non prexudica aos partidos
minoritarios máis aló de que non se lles da o voto.
A abstención só se cifra
Nas pasadas eleccións municipais e
autonómicas de maio, case doce millóns de persoas
optaron pola abstención (O PP conseguiu oito
millóns de votos e o PSOE seis). Pero, aínda que se
realiza un reconto para cifrar as abstencións, non
se teñen en conta para calcular a repartición de
escanos.
A barreira para os minoritarios
A cada circunscrición
correspóndelle elixir un número de deputados ao
Congreso, segundo o número de habitantes que teña
(a máis habitantes, máis deputados asignan). Para
entrar na repartición, os partidos minoritarios
teñen que conseguir polo menos o 3% dos votos que
se emitan nesa circunscrición.
Ademais, o
sistema D'Hondt, que se utiliza para a
asignación de escanos, favorece a exclusión dos
partidos minoritarios, ao
reforzar a presenza das candidaturas que máis
votos obtiveron en cada circunscrición, en
detrimento da proporcionalidade. Existen outros
sistemas electorais alternativos que favorecen unha
repartición máis representativa.
O método Sainte-Laguë e o
Cociente Hare son dous deles.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript