Novembro de 2011
 
 

14/11/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

Tranquilos, non se acaba o mundo

Se como repiten dende hai meses, o que fai falta é devolver a calma aos nerviosos mercados, onte os gobernantes europeos empregáronse a fondo en lanzar mensaxes tranquilizadoras.

 

  • Noticias relacionadas

Só lles faltou dicir que ao mellor se remata o mundo hoxe ás 11:11 do 11 do 11 do 2011, porque todo o demais foi como para empezar a construír un búnker no rocho: entre previsións económicas, declaracións oficiais e rumores consentidos, soubemos onte que Italia está ao bordo do abismo, a zona euro féndese, Alemaña e Francia están a pensar soltar lastre e voar sós, os asesores de Merkel estudan a vía para que algúns saian do euro, o crecemento económico frearase, varios países entrarán en recesión, non se reducirá o desemprego en polo menos un par de anos, e Europa enfróntase a unha década perdida. Para rematar, o presidente do Círculo de Empresarios asegurou que en España estamos en "economía de guerra".
 
Non sei se os mercados estarán moi tranquilos con estas mensaxes, pero os cidadáns (cuxa inquietude non preocupa tanto como a dos mercados) non saímos de debaixo da cama por se en calquera momento cae o ceo sobre as nosas cabezas. Como estará de fea a cousa que o PSOE nin sequera presume en campaña do único "éxito" que podería anotarse: o feito de que a tormenta continental pasase de longo sobre España e seguise camiño a Italia, saltando un chanzo na lista de fichas a tombar (Grecia, Irlanda, Portugal, España, Italia, Bélxica...). Pero claro, coa prima de risco tocando máximos onte tamén en España, mellor non amentar a bicha, sexa que se decate e volva para comernos.
 
A sensación que nos chega estes días é de descomposición total de final propio de película catastrófica as cornixas caendo a anacos e as beirarrúas levantándose baixo os nosos pés, como un volcán que crece baixo o chan e en calquera momento vai engulirnos. Non sei canto hai de certo nesa imaxe, pero é a que intentan transmitirnos. Supoño que esperan que saiamos á rúa e lles supliquemos para que nos salven.


 

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript